Martiño Noriega lembra que a seguridade na canteira non está garantida, e relaciona a situación co colapso que vive Sogama
O portavoz municipal de Compostela Aberta pediulle hoxe ao Goberno local que “o Concello presente alegacións contra o novo proxecto de desenvolvemento dunha planta de valoración de residuos da construción e demolición na Grixoa, apoiando as alegacións que xurdan da Plataforma de Miramontes”. Martiño Noriega lembrou que, tal e como se recolle na documentación do proxecto, “a súa seguridade non está garantida, por mor da acumulación de actividades contaminantes na canteira, a falta duns accesos axeitados, e a situación xurídica de Miramontes”. Ademais, urxiu á Xunta a “abandonar a hipocresía e actuar con contundencia, porque sabe que a orixe do conflito da Grixoa está no colapso de Sogama”
Martiño Noriega presentou hoxe a moción que Compostela Aberta levará ao Pleno da próxima semana, tras coñecerse que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abriu a consulta pública o Proxecto Técnico e de Explotación para unha Planta de valorización de residuos de construción e demolición en Miramontes. O voceiro de CA salientou que “este proxecto agrava o conflito orixinado polo malchamado Complexo Medioambiental de Miramontes, un espazo no que conviven unha planta de tecnosolos, un vertedoiro de residuos e unha canteira; e que xera múltiples impactos ambientais como cheiros, contaminación de regatos, verquidos incontrolados ou tráfico intenso de camións”.
Papel activo do Concello
Para Martiño Noriega, é fundamental que o Concello de Santiago manteña un papel activo para frear a situación creada na canteira da Grixoa. Nese sentido, lembrou que no pasado mandato municipal, “a institución municipal persoouse nas denuncias abertas pola Fiscalía e na presentada pola Plataforma de Miramontes contra o complexo, desde o convencemento de que neste espazo estase incumprindo a normativa ambiental e de que iso pode ter consecuencias graves para as persoas”. Ao respecto, o concelleiro de CA lembrou os estudos elaborados polo Concello e trasladados á Fiscalía, que demostran impactos negativos da planta tanto na auga como na calidade do aire.
Colapso de Sogama e responsabilidade da Xunta
Martiño Noriega relacionou a situación de Miramontes “co colapso que sofren as instalacións de tratamento do lixo de Sogama, que fai que se pretendan reutilizar canteiras como a da Grixoa por todo o país, con supostos proxectos de recuperación que acaban sendo outra cousa ben distinta”. O concelleiro explicou que “están en xogo moitos intereses, porque estas actividades xeran amplas marxes de beneficio, tanto como para ignorar prohibicións como a que impuxo o Concello ao paso de camións, porque ás empresas compénsalles pagar as multas”.
Por todo iso, o portavoz de CA apelou á responsabilidade da Xunta, “que amaga con actuar pero non actúa de maneira decisiva porque sabe que se pecha estes complexos non tén maneira de tratar o lixo que non lle cabe en Sogama”. Martiño Noriega incidiu en que o Goberno galego “é coñecedor da situación de Miramontes, de que son precisas medidas para garantir a saúde das persoas e do medio ambiente, e de que debe facilitar que o Concello revogue a licenza de obras e de actividade da canteira mentres non se resolven os procedementos xudiciais en marcha”. Nesa liña, a moción presentada hoxe avoga porque o Pleno da Corporación inste á Xunta a colaborar administrativamente para paralizar o inicio de calquera nova actividade na canteira da Grixoa, como mínimo ata que finalicen os procesos xudiciais abertos.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE CA PARA REXEITAR O DESENVOLVEMENTO DUNHA PLANTA DE VALORACIÓN DE RESIDUOS DA CONSTRUCIÓN E DEMOLICIÓN EN MIRAMONTES