Compostela Aberta pedirá acceso a toda a documentación relativa á vertedura de puríns no río Tambre, producida o pasado xoves e da que o Concello de Santiago non informou ata a tarde-noite do sábado. O grupo municipal de CA quere saber cando tiveron coñecemento da situación tanto Augas de Galicia como o Goberno local e Viaqua, a empresa concesionaria da auga, e que pasos se deron para evitar os maiores prexuízos á cidadanía. O concelleiro Xan Duro lamentou especialmente a actitude do Goberno, “en particular da concelleira Mila Castro, que no día de onte afirmaba que se tiña recuperado a normalidade no subministro de auga mentres a veciñanza de Santiago atopaba auga turbia, mesmo completamente marrón e con cheiro, saíndo polas súas billas”. Ademais, o edil pregúntase “se o Concello tivo nalgún momento o control da situación, ou se todas as decisións ao respecto da vertedura foron adoptadas pola empresa concesionaria”.
Xan Duro denunciou “a opacidade que rodea a vertedura de puríns, xa no que tén que ver coa cronoloxía dos feitos”. Nesa liña, o concelleiro de Compostela Aberta puxo o acento en que “o Concello de Santiago non informou do acontecido ata as 18.00 horas do sábado, cunha nota de prensa na que se refire a medidas adoptadas desde a primeira hora do sábado”. Posteriormente, sinalou, a responsable de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, informou nos medios de comunicación de que a vertedura se tiña producido na noite do xoves. Para Xan Duro, “é preciso que Augas de Galicia, o Goberno local e Viaqua aclaren en que momento se produciu a vertedura, cando se tivo coñecemento dela, e que medidas foron adoptadas por cada unha das partes implicadas”. O edil aclarou que Compostela Aberta solicitará o expediente completo das actuacións adoptadas, tanto a Augas de Galicia como ao Concello.
O concelleiro de Compostela Aberta lamentou tamén a actitude do Goberno local, “que pouco antes das tres da tarde de onte sinalaba, por boca da concelleira Mila Castro, que a situación na cidade estaba normalizada e que a auga da rede de abastecemento xa era apta para o consumo”. Para Xan Duro, “resulta lamentable que o Concello e Viaqua lancen esta mensaxe á cidadanía, que durante todo o día e noite de onte a auga saía turbia, marrón en moitos casos e mesmo con cheiro a purín como denunciaron numerosos veciños e veciñas a través das redes sociais”. Ademais, criticou que o Concello de Santiago “deixara nas mans de Viaqua desde o sábado a totalidade da información e comunicación sobre o que estaba pasando na cidade en relación á vertedura”