Compostela Aberta pídelle ao Goberno que impulse melloras en materia de accesibilidade aplicando a perspectiva de xénero

A concelleira Branca Novoneyra reclama “que se poña en marcha un proceso de diálogo e colaboración cos colectivos de mulleres con diversidades funcionais”

Compostela Aberta levará ao Pleno do próximo xoves unha moción na que insta ao Goberno local a implementar diferentes medidas en materia de accesibilidade, aplicando nelas a perspectiva de xénero. A concelleira Branca Novoneyra defenderá a proposta, que inclúe accións concretas como a posta en marcha dun proceso de diálogo e colaboración cos colectivos de mulleres con diversidades funcionais para ter en conta as súas demandas na redacción dun Plan de Accesibilidade para o Concello e na priorización das actuacións que deben xurdir del. Ademais, o grupo municipal de CA pide que se mellore a sinaléctica inclusiva, tamén en colaboración cos colectivos, e que se faga que o Pleno da Corporación municipal sexa accesible a través da linguaxe de signos.

Branca Novoneyra invitou ao Goberno local a ter en conta as conclusións do estudo realizado polo Observatorio Estatal da Discapacidade para analizar o impacto do xénero na accesibilidade. A concelleira explicou que “ese informe sinala que para desenvolver unha verdadeira política de igualdade nesta materia é preciso abordar accións integrais e transversais, nas que se impliquen todas as áreas de xestión e que estean coordinadas cos movementos sociais e especialistas na materia”. De igual maneira, a edila de Compostela Aberta referiuse ao Manifesto das Mulleres e Nenas con Discapacidade en Europa, “que tamén incide na necesidade dunha metodoloxía participativa para superar certas situacións de exclusión, unha metodoloxía que tamén é precisa na planificación das distintas áreas municipais e das políticas que se implementen desde o local”.

Para Branca Novoneyra, “unha Compostela inclusiva e igualitaria require que se observe a vida cotiá das mulleres con diversidades funcionais, que se lles teña en conta para a construción dos espazos e dos servizos, non só no que tén que ver coas obras senón tamén en relación ás formas de información e comunicación ou ás políticas culturais ou de mocidade; porque as mulleres con discapacidade non son obxectos de coidado senón que son suxeitos activos na construción da cidade”. Nese sentido, a concelleira explicou que na moción que se debaterá no Pleno, “urximos que se teña en conta situacións da realidade diaria das mulleres con discapacidade como poden ser o acceso a edificios con barreiras, os desprazamentos por lugares deficitariamente iluminados, as rampas imposibles para persoas que van en cadeiras de rodas ou que precisan usar bastón, os desvíos por obras que non teñen en conta a accesibilidade, ou tamén as dificiultades para escoitar as comunicacións institucionais”.

Na moción que se debaterá no Pleno do xoves, Compostela Aberta insta ao Goberno a, no marco da redación do Plan de accesibilidade do Concello, elaborar un mapa das diversidades que sexa elaborado en colaboración cos colectivos de mulleres con diversidades funcionais; e a acordar tamén cos colectivos a priorización das accións derivadas dese Plan. Tamén se reclama a mellora da sinaléctica inclusiva, que o Pleno da Corporación sexa accesible a través da linguaxe de signos; e que se incremente o apoio á formación organizada polos colectivos para sensibilizar contra as violencias que sofren as mulleres con diversidades funcionais. Por último, a concelleira Branca Novoneyra pedirá que se integre regularmente na programación cultural distintas manifestacións da cultura da diversidade para acelerar o proceso de inclusión de creadores e espectadores pertencentes a colectivos con diversidades funcionais.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA QUE SE ELABORE UN PLAN MUNICIPAL DE ACCESIBILIDADE QUE RECOLLA AS DEMANDAS DOS COLECTIVOS DE MULLERES E DISCAPACIDADE

Marta Lois e Branca Novoneyra presentáronlle a moción ás representantes da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia
Novas
relacionadas

Branca Novoneyra: “O Goberno de Bugallo ten unha última oportunidade para autocorrixirse e apostar polos artistas locais na programación das festas”

Compostela Aberta leva ao Pleno unha moción para esixir un plan de contratación de artistas e empresas culturais locais para a Ascensión e o Apóstolo, cunha dotación mínima de 250.000 euros

CA reitera o seu apoio á creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago

María Rozas e Branca Novoneyra reuníronse coas representantes da Plataforma que leva anos reclamando este centro “para o que existe unha enorme demanda en Compostela”

CA reclama a redacción do I Plan Estratéxico da Cultura

Branca Novoneyra denuncia que Santiago caeu ao posto 15 no informe “Lo mejor de la Cultura 2022”, no que ocupaba o posto 10 en 2016

Compostela Aberta denuncia o fracaso da convocatoria de axudas para actividades culturais, con só tres entidades beneficiarias

Branca Novoneyra reclama un plan de formación para as asociacións culturais, “porque non é asumible que só 3 entidades reciban este tipo de axudas e queden sen gastar 30.000 euros”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo