Os grupos municipais de Compostela Aberta, BNG e PP rexistraron hoxe unha solicitude conxunta para reclamarlle ao alcalde a convocatoria dun Pleno Extraordinario co obxectivo de abordar o debate sobre as posibles formas de xestión do servizo de abastecemento e saneamento da auga. A petición da oposición prodúcese, tal e como explicou o concelleiro de CA Xan Duro, “ante a negativa de Bugallo a avaliar os diferentes modelos e a facilitar a información que lle é requirida no marco dunha Comisión de Estudo que para o Goberno do PSOE non é máis que un paripé”.
Na solicitude rexistrada hoxe, Compostela Aberta, BNG e PP solicitan a convocatoria dun Pleno extraordinario a fin de abordar o debate sobre as posibles formas de xestión do servizo de abastecemento e saneamento de auga e, no seu caso, sobre as mellores condicións técnicas e contratuais para o Concello e a veciñanza. A sesión extraordinaria tamén tería como obxectivo avaliar as razóns do Goberno local para non someter a definición do servizo á Comisión de estudo para a xestión do ciclo integral da auga.
Xan Duro explicou que “esta solicitude conxunta da oposición tén a súa orixe na actitude dun Goberno ao que lle sobra soberbia e lle falta transparencia, que non sabe ou non quere explicar cales son os motivos polos que rexeita estudar os diferentes modelos de xestión da auga, ainda cando coñecemos experiencias moi exitosas de xestión directa que levan a gobernos socialistas como o de Ames a apostar pola municipalización do servizo”. O concelleiro de Compostela Aberta reiterou que “non estamos dispostos a máis tomaduras de pelo como a do pasado día 13, cando Bugallo convocou a Comisión de Estudo da Auga pero nin entregou os informes que lle demandabamos os grupos da oposición, nin quixo avaliar os datos que lle entregamos sobre a xestión directa do servizo en Valladolid”. O edil sinalou que “este Pleno extraordinario será tamén a única opción que teña a cidadanía para escoitar as explicacións do Goberno, porque o PSOE mesmo decidiu ignorar a solicitude que lle fixeron as entidades veciñais de Santiago para abrir o debate público sobre a xestión da auga, nunha mostra máis de que o interese de Bugallo non é procurar a mellor opción para a veciñanza”.