Compostela Aberta presenta alegacións ao novo proxecto do complexo de Miramontes

CA reclama que non se autorice a planta de valorización de residuos de construción e demolición nun complexo que levan sendo foco de conflito permanente coa veciñanza
  • O proxecto non garante a seguridade no almacenamento de residuos perigosos

Compostela Aberta vén de presentar alegacións ao proxecto da planta de valorización de residuos de construción e demolición en Miramontes, sometido a consulta pública por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A organización solicita que non se autorice o seu desenvolvemento, tendo en conta que no complexo da Grixoa acumúlanse xa as instalacións nocivas que veñen sendo motivo de conflito permanente coa veciñanza.

Contra a acumulación de actividades nocivas

Compostela Aberta presentou alegacións ao novo proxecto na súa calidade de organización política con ámbito de actuación no municipio de Santiago, e polo tanto, directamente afectada polas actuacións que se leven a cabo en Miramontes. No escrito rexistrado xa na Xunta, incídese en que “non sería xustificable ampliar as actividades no complexo da Grixoa sen ter resolto o procedemento xudicial en marcha que podería motivar o seu peche, e cando aínda está por determinar o alcance da contaminación e o impacto sobre o medio ambiente e a saúde das actividades que alí se veñen desenvolvendo”. Nesa liña, CA lembra que en Miramontes existe xa “unha planta de tecnosolos, un vertedoiro e unha canteira, que son orixe de fortes cheiros, acumulación de lixiviados e verquidos incontrolados, e por iso o complexo foi motivo de denuncia por parte da Fiscalía de Medio Ambiente, da veciñanza e do propio Concello de Santiago durante o pasado mandato de Compostela Aberta”.

Residuos perigosos

Nas súas alegacións, Compostela Aberta tamén cuestiona as garantías de seguridade que ofrecería a nova planta de valorización de residuos da construción, xa que na documentación sometida a consulta pública recóllese que o proxecto “contempla a recepción de residuos limpos da construción e demolición, que procederán dun proceso de selección en orixe ou dun proceso de valorización en planta intermedia”, pero ao mesmo tempo define unha zona de almacenamento de residuos perigosos na propia planta “en que exista un protocolo específico de admisión de residuos, que serían depositados nunha canteira á intemperie, sen ningunha medida de impermeabilización do chan”. Deste xeito, existe unha enorme probabilidade de que os lixiviados producidos acaben incrementando a contaminación das augas, xa detectada nas analíticas realizadas polo Concello de Santiago e que lle foron trasladadas tanto á Xunta de Galicia como á Fiscalía de Medio Ambiente.

Intensificación do tráfico e protección do medio

CA tamén se refire nas súas alegacións á incremento do tráfico que suporía autorizar unha nova actividade en Miramontes, e pon o acento en que “o único acceso ao recinto é un camiño rural de catro metros de ancho, sen beiravía, e cunha limitación de tonelaxe de 5,5 toneladas; polo que circulan antiregulamentariamente os camións que dan servizo á planta de tecnosolos e ao vertedeiro porque tan só os camións que dan servizo á canteira contan coa necesaria autorización do Concello”.

Por último, CA reclama que se garanta o dereito da veciñanza á saúde e á gozar dun medio ambiente adecuado, dereito contra o que atenta un complexo localizado nunha zona rural, rodeada de aldeas habitadas, de actividades agrícolas e gandeiras, e de regatos e fontes veciñais. Para Compostela Aberta, este tipo de actividades deben desenvolverse preferentemente en solo industrial para garantir a protección do medio rural, a súa biodiversidade e o seu futuro.

Novas
relacionadas

Vertedoiro de Miramontes: CA urxe ás administracións a actuar para facer cumprir a sentenza firme do Supremo

Compostela Aberta reitera o seu apoio á Plataforma de Afectados polo vertedoiro de Miramontes e insta a Bugallo a reclamarlle á Xunta o cese de actividade na canteira

Compostela Aberta insta á Xunta a “clausurar o vertedoiro de Miramontes e a impedir os novos enredos da empresa para incumprir os mandatos xudiciais”

O concelleiro Xan Duro lembra que a UTE leva máis de tres anos litixando e mantendo a circulación de vehículos pesados, a pesar do pronunciamento do Tribunal Supremo

Compostela Aberta urxe ao Goberno de Bugallo a adoptar medidas para impedir o paso de camións de gran tonelaxe cara a canteira de Miramontes

O concelleiro Xan Duro explica que unha sentenza do Tribunal Supremo confirma a legalidade da resolución adoptada no pasado mandato polo Goberno de CA

CA pídelle ao Goberno que explique como vai evitar a circulación de camións de gran tonelaxe polos accesos ao vertedoiro de Miramontes

O TSXG vén de confirmar que a resolución asinada polo Goberno de Compostela Aberta para impedir o paso dos vehículos era axustada a dereito

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo