Compostela Aberta presenta alegacións “para mellorar a modificación do PXOM que regula as vivendas turísticas”

Jorge Duarte propón “que se estableza un diferente tratamento para as zonas sensibles en función da presión turística e da necesidade de protección do comercio, porque non tén sentido establecer os mesmos límites na zona histórica que en puntos máis afastados como a Pontepedriña”
  • CA pide que se aproveite a modificación do PXOM para poñerlle freo ás tendas de souvenirs nas zonas máis saturadas da cidade

Compostela Aberta presentará alegacións á modificación puntual do PXOM, no que tén que ver coa regulación dos usos, que se atopa na actualidade en periodo de exposición pública despois da súa aprobación inicial no Pleno de setembro. O concelleiro Jorge Duarte explicou que “CA quere facer achegas construtivas porque, tal e como vimos explicando, entendemos que a modificación que formula o Goberno é necesaria pero mellorable”. O edil reiterou que, en calquera caso, “Compostela Aberta non vai obstaculizar esta modificación do planeamento, porque temos moi claro que as vivendas de uso turístico teñen que ser reguladas, e é preferible unha regulación mellorable á ausencia de regulación”.

Zonas sensibles
A primeira das alegacións formulada por Compostela Aberta tén que ver coas denominadas como “zonas sensibles”, que son aquelas nas que se considera imprescindible manter a condición de maioritaria do uso residencial e, polo tanto, se impoñen maiores restricións para as vivendas de uso turístico. Este tipo de hospedaxe só se pode implantar na planta baixa nos edificios que contan cun mínimo de baixo + 5 plantas, e en planta primeira nos edificios que teñan un mínimo de baixo + 6 plantas.

Na modificación do PXOM aprobada de xeito inicial no Pleno de setembro identifícanse como zonas sensibles a chamada “cidade central”, formada pola cidade histórica, o Ensanche, Pontepedriña e Sar; a primeira coroa nordeste da cidade histórica (Basquiños, a Almáciga, rúa de Betanzos, Home Santo, Quiroga Palacios…); os denominados “conectores de urbanidade”, como pode ser o ámbito de Concheiros-Cotaredo-San Lázaro; e a segunda coroa da cidade histórica, que serían os barrios de Vista Alegre, Vite e Fontiñas.

O concelleiro Jorge Duarte explicou que “Compostela Aberta entende que a presión turística non é a mesma en todo este ámbito, non se pode comparar a situación no contorno da Catedral coa de puntos máis afastados como pode ser Pontepedriña, e polo tanto consideramos que o tratamento non tén que ser o mesmo para toda esta zona”. Nesa liña, a alegación formulada por CA vai na liña de “mudar o plano de zonas sensibles, para garantir unha regulación máis acaída para a realidade de cada ámbito”.

Unha vez introducido este tratamento diferencial entre as zonas consideradas sensibles no documento aprobado inicialmente en Pleno, Compostela Aberta aposta tamén por modificar as restricións vinculadas ás alturas “en función da presión turística e da necesidade de protección do comercio tradicional en cada punto”. Jorge Duarte indicou que “ainda que tamén consideramos que é millor, para reducir posibles molestias, que as vivendas turísticas estean en planta baixa ou primeira, entendemos que se hai acordo da comunidade de propietarios as VUT poderían estar situadas en calquera outro piso, sempre que o número de vivendas turísticas non exceda a proporción fixada no regulamento”.

Protección do comercio tradicional e uso de baixos baleiros

Ademais, Jorge Duarte explicou que as alegacións de Compostela Aberta “tamén procuran que se aproveite esta modificación para atender outras cuestións que son de vital interese para a cidade, e que teñen que ver coa protección do comercio tradicional”. Nesa liña, o concelleiro de CA explicou que “tal e como dixemos xa no Pleno, o Goberno debería estar traballando xa na limitación do uso comercial masificado para poñerlle freo ás tendas de souvenirs nas áreas máis masificadas, e iso é o que solicitamos tamén nas nosas alegacións”.

Por último, CA pide que se aproveite a revisión dos usos para aumentar a posibilidade de que os baixos comerciais baleiros poidan mudar o uso a vivenda ou a vivenda turística, “tamén nas zonas nas que non haxa presión turística e non sexa preciso adoptar medidas de protección do comercio tradicional”. Para Duarte, “é evidente que hai áreas da cidade na que non hai demanda para a utilización de baixos para actividade comercial, e entendemos que é preferible que eses locais pasen a estar ocupados por vivendas no caso de que exista a demanda e sempre que se respecten as porcentaxes establecidas no regulamento”.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo