Compostela Aberta presenta novas alternativas para desbloquear a Operación Peleteiro

Marta Lois e Jorge Duarte insisten en que “se o proxecto non sae adiante será responsabilidade de Bugallo, como o foi xa en 2019”

Compostela Aberta reiterou hoxe a súa vontade de que se chegue a un acordo de consenso para desbloquear a Operación Peleteiro, e insistiu en que o grupo municipal continuará a buscar unha solución que conte co máximo respaldo tanto da veciñanza como do tecido comercial do Ensanche. Con ese obxectivo, a portavoz municipal, Marta Lois, e o concelleiro Jorge Duarte, presentaron hoxe novas alternativas para a parcela, “que entendemos que conxugan os intereses de todas as partes, e que facilitarían o desenvolvemento dun proxecto que se vén demorando desde hai vinte anos e no que perdimos xa catro anos polos intereses electoralistas de Bugallo”.

A portavoz de CA reiterou que “o noso grupo municipal non é o PSOE de Bugallo, que bloqueou a operación Peleteiro cando existía un absoluto consenso en 2019, só por intereses partidarios”. Marta Lois incidiu en que “Compostela Aberta só está pensando nos intereses da cidade e da veciñanza, e por iso seguimos traballando para lograr unha proposta que concite o acordo de todas as partes implicadas”. Nesa liña, a concelleira insistiu en que “CA falou e escoitou a todos, algo que non se pode dicir do Goberno, que mesmo rexeitou participar na asemblea convocada pola Plataforma de Afectadas á que sí asistimos todos os grupos da oposición”. 

Marta Lois explicou que, despois da última comisión mixta na que a propiedade se mostrou disposta a facer modificacións nas propostas que están a día de hoxe sobre a mesa, CA decidiu traballar en novas alternativas, que conxuguen os intereses de todas as partes, e que permitan desbloquear a operación Peleteiro. Para a concelleira, “é evidente que a veciñanza require manter unha configuración da parcela similar á que existe na actualidade, e cremos que iso se pode conseguir mesmo abrindo a praza tamén cara San Pedro de Mezonzo, como esixe o alcalde”.

Propostas alternativas

Co obxectivo de lograr o maior consenso, o concelleiro Jorge Duarte presentou hoxe dúas novas alternativas “que non crearían novos prexudicados pola operación Peleteiro, porque non alteraría a actual configuración da parcela do xeito no que o fai a proposta que segue defendendo Bugallo ainda sabendo que conta coa oposición da veciñanza da zona”. O edil explicou que “a opción máis sensata parte do proxecto que Compostela Aberta acordou con veciñanza e comerciantes no ano 2019, coa abertura da praza cara a República Arxentina, pero fai diferentes modificacións que permiten que o espazo público estea aberto a esta rúa e tamén cara San Pedro de Mezonzo, nos dous casos cun ancho de 30 metros”. Nesta proposta, manténse un pequeno edificio no lateral da República Arxentina, “pegado ao que inmoble que fai esquina, ocupando o espazo dunha pequena casa que existe xa na actualidade, de xeito que tamén se solucionaría o problema coas medianeiras”. A outra virtude desta proposta, apuntou Duarte, “é que logra unha separación de 20 metros entre os edificios de nova construción e os da rúa da Rosa, algo fundamental para lograr a máxima seguridade xurídica”. Nesta liña, o concelleiro recordou que “foi un recurso xudicial da veciñanza da Rosa o que motivou a anulación do planeamento aprobado en 2003, sendo Bugallo alcalde, e non podemos permitir que algo similar volva acontecer agora, vinte anos despois”.

Jorge Duarte explicou que, como mostra da vontade de diálogo, “Compostela Aberta achegará outra opción, na que se contemplan tamen dúas amplas aberturas da praza pública, mais que sería de case 27 metros cara República Arxentina e de case 48 metros cara San Pedro de Mezonzo”. Para o concelleiro, “esta alternativa sería tamén asumible, ainda que entendemos que non é tan beneficiosa para a veciñanza do Ensanche, nomeadamente para os da rúa da Rosa”.

O concelleiro de Compostela Aberta insistiu en que “estas propostas deixan claro que hai máis alternativas, que é posible chegar a acordos, e que se Bugallo non quere buscalas é porque non está pensando no interese da veciñanza”.

PROPOSTA PARA PELETEIRO_1
Proposta para Peleteiro coa praza aberta cara República Arxentina (30 metros) e cara San Pedro de Mezonzo (30 metros) 
PROPOSTA PARA PELETEIRO_2
Proposta para Peleteiro coa praza aberta cara República Arxentina (28 metros) e cara San Pedro de Mezonzo (48 metros)
Novas
relacionadas
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo