-
- O primeiro tramo da lista de CA está formado por seis mulleres e catro homes, e fai unha clara aposta por combinar experiencia e renovación
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2023.- Seis mulleres e catro homes conforman o primeiro tramo da candidatura coa que Compostela Aberta concurrirá ás eleccións de maio, presentada hoxe en rolda de prensa tras ser ratificada onte pola asamblea de CA. A cabeza de lista, María Rozas, salientou que “este equipo é un fiel reflexo dunha Compostela Aberta plural, aberta, feminista, con experiencia de Goberno e con ideas claras de futuro para mellorar a vida da xente”. Para a candidata, “o primeiro tramo da nosa lista é o mostra do enorme capital humano que tén Compostela Aberta, e é un orgullo encabezar unha candidatura que vai sobrada de enerxía, de ilusión, e de responsabilidade”.
María Rozas explicou que a lista da que hoxe se presenta o primeiro tramo “é o froito do proceso de escoita e diálogo que iniciei tras a miña designación como candidata en outubro, tanto con xente activa en Compostela Aberta como con persoas máis alleas á nosa dinámica interna, ás que quero agradecerlles as súas achegas, as súas propostas e mesmo a súa dispoñibilidade para sumarse a esta candidatura”. A cabeza de lista incidiu en que “unha vez máis queda demostrado que CA conta cun enorme capital humano, do que non poden presumir outras organizacións, e que nos permite presentar unha candidatura con caras novas, con persoas que chegan cargadas de forza e de propostas innovadoras e de futuro para Santiago”.
Unha candidatura do activismo social e feminista
No primeiro tramo da candidatura de Compostela Aberta “figuran persoas que son recoñecidas polo seu activismo máis alá do político, porque fixeron e fan parte do movemento sindical e feminista, ou do asociacionismo cultural, ecoloxista ou veciñal”. Para María Rozas, “este é un dos grandes valores da nosa lista, fiel reflexo un Santiago que se constrúe coa súa xente e non só desde o Concello, desde a administración”. Nesa liña, recoñeceu que “un especial orgullo porque esta é unha lista feminista, non só porque este primeiro tramo estea constituído por máis mulleres que homes, senón porque todas e cada unha das dez persoas que o integran teñen o convencemento de que o futuro é feminista, como escoitabamos hai poucos días polas rúas de Compostela”.
Ademais, a candidata de CA á alcaldía puxo o acento en que “na nosa lista está tamén moi ben representado o termo municipal de Santiago, con candidatos e candidatas dos barrios, do Ensanche, ou do rural… algo que tamén procuramos porque cremos que nada mellor que estar apegados ao territorio para diagnosticar problemas e procurar solucións”. Do mesmo xeito, explicou, “procurouse unha lista plural no que tén que ver cos perfís profesionais, mesmo coas idades dos e das candidatas, porque queremos unha lista diversa como diversa é Compostela”-
María Rozas rematou a súa intervención agradecendo a dispoñibilidade de todas as persoas que forman parte deste primeiro tramo da candidatura, e recoñecendo tamén o traballo feito desde o Concello polos concelleiros e concelleiras que formaron parte do grupo municipal de Compostela Aberta e que non repiten nos postos de saída, “desde o convencemento que tivo CA desde as súas orixes de que é preciso combinar experiencia e renovación para asegurar o futuro dunha organización que está plenamente consolidada en Santiago e que vai seguir sendo referente das políticas municipais verdadeiramente transformadoras”
Primeiro tramo da lista de Compostela Aberta

1. María Rozas Pérez
Portavoz e concelleira do grupo municipal de Compostela Aberta e veciña do Ensanche. Licenciada en Ciencias Políticas e Master en Estratexias e Políticas de Cooperación ao desenvolvemento. É consultora de xestión económica para Administracións Públicas. No mandato 2015-19 foi tenenta de alcalde e exerceu como Concelleira de Economía e Facenda. Foi voluntaria en varias ONGD e participante no movemento feminista

2. Xan Duro Fernández
Concelleiro do grupo municipal de Compostela Aberta e veciño dos Salgueiriños. Diplomado en Biblioteconomía e Documentación e funcionario da USC como auxiliar técnico de biblioteca. Foi presidente de ADEGA e coordinador xeral de Verdegaia. No mandato 2015-2019 foi concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática

3. Comba Campoi García
Doutora en Ciencias da Comunicación e veciña das Fontiñas, traballou no audiovisual e no teatro e foi docente na USC. Actualmente é profesora de ensino secundario na familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade. É activista na Asociación Morreu o Demo de teatro de monicreques, e no ensino autoxestionado en galego da Semente Compostela. Participa do movemento feminista no colectivo Materfem
4. Miguel Penas Rodríguez
Coordenador do grupo municipal de Compostela Aberta e veciño do barrio das Marías. Licenciado en Historia, técnico superior de Turismo e Master en Edición. Foi presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL), primeiro director da Através Editora e actualmente secretario da AVV das Marías. No mandato 2015-2019 foi xefe de gabinete do alcalde Martiño Noriega.

5. Graciela Carro Asorey
Autónoma e xerente das súa propia axencia de seguros e veciña de Marrozos. Cursou estudos en Ciencias Políticas e da Administración. Fai parte da directiva da AVV de Marrozos

6. Javier García Pérez
Músico e residente en Casas Novas. Titulado superior en guitarra clásica, foi durante cinco anos profesor no Instituto de Música e Tecnoloxía de Madrid. Participou no grupo de homes “Micromachinhos” e no “Proxecto Integral Compostela” de moeda social, e na Asemblea do 15 M de San Fernando de Henares

7. Marisa Álvarez Garea
Mestra de Educación infantil no CEIP da Ramallosa (Teo) e veciña do barrio de Conxo. Mantén unha importante actividade veciñal e cultural no seu propio barrio así como na Troita Armada. Foi parte activa da asociación xuvenil Itaca.

8. Jaime Bello González
Educador social pola USC e técnico superior de animación sociocultural, veciño do Monte dos Postes. Afiliado á CIG-Servizos foi presidente do Comité de empresa dos Centros Socioculturais, traballou en campamentos da Xunta, en Aspas, e actualmente no Concello de Boiro, nun proxecto dirixido a adolescentes. Foi membro da directiva do centro xuvenil Don Bosco

9. Luisa Pasín Mato
Avogada no eido da mobilidade, reside no Ensanche. Defendeu á veciñanza nas expropiacións realizadas durante as transformacións urbanísticas de Conxo e do Banco do Pobre. Formou parte da Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago que implantou o turno especial de violencia de xénero, e da agrupación de mulleres “Inquietas”

10. Marta Lois González
Concelleira do grupo municipal de Compostela Aberta e veciña do barrio das Fontiñas. Doutora en Ciencia Política e profesora da USC. De setembro do 2020 a setembro do 2022 exerceu como portavoz do grupo municipal de Compostela Aberta e no mandato 2015-19 foi concelleira de Igualdade, Turismo, Emprego, Comercio e Promoción Económica

