Compostela Aberta presentou hoxe á súa nova coordinadora, un órgano que foi elixido por consenso e do que forman parte 17 persoas “que reflicten a pluralidade da organización e a pluralidade do noso municipio”. Martiño Noriega e Marta Lois exercerán a portavocía da coordenadora, da que fan parte como representantes do Grupo Municipal. Tal e como explicaron hoxe, “o obxectivo é darlle un novo pulo á organización, tecer rede a pé de rúa, e demostrar que Compostela Aberta chegou para quedar e para ser un referente doutro xeito de facer política”.
Nun encontro cos medios de comunicación celebrado esta mañá, Martiño Noriega expresou a súa satisfacción “por un proceso interno para a renovación da coordinadora que foi exemplar polo consenso acadado, despois de catro anos de Goberno que foron moi intensos e dun duro resultado electoral”. O voceiro incidiu en que “Compostela Aberta tén a responsabilidade de representar a un 20 por cento da veciñanza que nos votou en maio e de ser chave na gobernabilidade de Santiago, e ten a vontade de condicionar as políticas públicas desde unha perspectiva de esquerdads e desde o compromiso que temos coa nosa cidade”.
Coordenadora plural e de consenso
Para Martiño Noriega, “a coordinadora que se presenta hoxe caracterízase sobre todo pola súa pluralidade, porque dela fan parte mulleres e homes de moi distintos ámbitos: dos barrios, do rural, da Universidade, do mundo da cultura…”. Por iso, salientou, “temos moitos motivos para o optimismo, estamos dispostos a facer un bo traballo de rúa despois de catro anos nos que estivemos condicionados polo noso papel institucional, queremos seguir tecendo rede e demostrar que somos unha realidade que chegamos para quedar en Santiago”.
Na mesma liña, Marta Lois agradeceu “o compromiso de compañeiros e compañeiras que estiveron no pasado mandato con responsabilidades de goberno, como Concha Fernández ou Xan Duro, e que seguen dispostos a traballar por esta organización”. Para a concelleira, “este compromiso é a mellor proba de que garantiremos a continuidade de moitas políticas impulsadas no pasado mandato”
Membros da Coordinadora
A Coordinadora de Compostela Aberta é o organismo de funcionamento ordinario de carácter executivo, e compétenlle as funcións de representación, administración e ordenamento do funcionamento orgánico, axustándose ao mandato da asemblea.
Na actual coordinadora foron electas polo conxunto das persoas inscritas as seguintes persoas:
- Diego Horschovski: natural de Bos Aires e veciño de Compostela desde os 17 anos, onde estudou o Grao en Filosofía pola USC. É dinamizador cultural, responsabe de iniciativas como o grupo de debates filosóficos “Filosofía a Pé de Rúa”, os encontros poéticos “Poesía e Microrrelato Compostela”, ou do Poetry Slam Compostela.
- Chus Iglesias: veciña do barrio de Vista Alegre. Propietaria da xoiería Acivro Xoias, forma parte da asociación Ourives de Compostela. É activista do movemento feminista, e con formación musical en piano polo Conservatorio Histórico.
- Xan Duro: veciño de Salgueiriños, diplomado en Biblioteconomía e Documentación e funcionario da USC. Foi presidente de ADEGA e coordenador Xeral de Verdegaia. No pasado mandato foi concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática.
- Graciela Carro: veciña do rural de Santiago, da parroquia de Marrozos. Está vinculada ao movemento asociativo veciñal, como integrante da directiva da asociación veciñal Francisco Gracía Beiro, e é responsable da súa propia axencia de seguros.
- Fernando De La Torre: veciño dos Pelamios. É investigador, activista estudantil e membro do Consello de Goberno da Universidade de Santiago
- Cris Calvete: veciña do barrio de Vista Alegre. É estudante de Filoloxía, activista e representante estudantil.
- Raquel López: criada no barrio de Conxo. É arqueóloga e traballadora no ámbito da cultura e do patrimonio cultural.
- Concha Fernández: veciña das Fontiñas. É doutora en Psicoloxía Política e profesora de intervención sociocomunitaria no CIFP Compostela. No pasado mandato foi concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde no Goberno de Compostela Aberta.
- Pepe Arias: veciño do barrio das Fontiñas. É Graduado en Traballo Social pola EUTS de Santiago, está vinculado ao mundo editorial e colabora con diferentes medios de comunicación de Galicia. Participou en Compostela Aberta desde os seus inicios.
- Xosé Ramón Fandiño: compostelán de nacemento e veciño do Ensanche. Licenciado en Filoloxía pola USC, foi director da Gran Enciclopedia Gallega e colaborador de Isaac Díaz Pardo no Instituto Galego de Información, factoría cultural do grupo Sargadelos. É membro do Padroado do Museo do Pobo GAlego, presidente da Fundación do Pedrón de Ouro e premio xornalístico no V Centenario da USC.
- Mónica García: veciña dos Basquiños. É actriz, cunha recoñecida traxectoria no teatro, vinculada ao Grupo Chévere, e na televisión. É vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
- Manuel López Besteiro: veciño do barrio de San Pedro. É licenciado en Filoloxía Clásica e profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa.
- Tamén forman parte da Coordinadora, como representantes designados polo Grupo Municipal de Compostela Aberta as seguintes persoas:
- Marta Lois: É doutora en Ciencia Política e profesora da USC. Na actualidade exerce como viceportavoz do Grupo Municipal de Compostela Aberta, e no pasado mandato foi concelleira de Igualdade, Turismo, Emprego, Comercio e Promoción Económica.
- Branca Novoneyra: licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, DEA en Educación Artística pola Universidade de Granada, e Especialista en Edición pola UOC. É concelleira do Grupo Municipal de Compostela Aberta, e no pasado mandato foi concelleira responsable de Acción Cultural.
- Martiño Noriega: licenciado en Medicina, especializado en Medicina de Familia e DEA en Saúde Pública. Na actualidade é o portavoz do Grupo Municipal de Compostela Aberta e no pasado mandato foi o alcalde de Santiago.
- Jorge Duarte: arquitecto pola ETSA da Coruña, con especialización en Urbanismo e Rehabilitación e Renovación Urbana. É concelleiro no Grupo Municipal de COmpostela Aberta, e no pasado mandato foi concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais.
- Miguel Penas: licenciado en Historia pola USC, técnico superior de turismo e mestrado editorial pola UOC. No pasado mandato foi coordinador do Gabinete da Alcaldía e na actualidade é o coordinador político do Grupo Municipal.