Compostela Aberta propón a creación dun Fondo Local para o fomento do turismo sostible coa recadación da taxa turística

Marta Lois pídelle a Bugallo que “unha vez que asumiu a conveniencia do gravame, que defenda a autonomía local para xestionalo diante do presidente da Xunta”
Marta Lois

A voceira de CA pedirá no Pleno explicacións sobre o grao de implementación do Plan de Sostibilidade Turística “do que case nada sabemos dous anos despois da súa presentación”

Compostela Aberta propón que o diñeiro recadado a través da taxa turística, unha vez que a Xunta acceda á súa habilitación, vaia destinado a un Fondo local para o fomento do turismo sustentable, e que sexa un grupo de traballo participado quen decida as prioridades para o seu investimento. Así se recolle nunha proposición que CA levará ao próximo Pleno, na que tamén pide que o gravame sexa fixado en función da categoría dos establecementos hoteleiros e que se contemple a posibilidade de aplicar diferentes exencións na taxa. A voceira de Compostela Aberta, Marta Lois, incidiu en que “unha vez que o alcalde asumiu a proposta para a implantación da taxa turística que CA leva anos defendendo, queremos que se defina un modelo de gravame que sirva para avanzar cara un modelo turístico máis sustentable e para a mellora da convivencia entre os visitantes e a cidadanía de Compostela”.

A portavoz municipal de Compostela Aberta explicou que “agora que parece que por fin hai acordo sobre a conveniencia da implantación da taxa turística en Santiago, é importante saber como e para que se vai utilizar ese instrumento, se a Xunta finalmente accede á súa aplicación”. Nese sentido, Marta Lois  mostrouse convencida “da conveniencia de que Bugallo acoda á reunión co presidente Rueda do 21 de outubro cos deberes feitos, e cunha reflexión seria previa sobre o gravame”. Para a concelleira, “é fundamental que o alcalde reclame un modelo que, ainda que teña que ser regulado a través dunha lei autonómica, permita exercer a autonomía local e que, ademais, fomente a participación do sector e do tecido social e veciñal para decidir sobre as prioridades a financiar co diñeiro recadado por esa vía”.

Na proposición que defenderá no próximo Pleno, Lois reclama que se constitúa un grupo de traballo entre os grupos municipais que consensúe unha proposta para a creación dun Fondo local para o fomento do turismo sustentable, ao que iría destinado o diñeiro recadado a través da taxa turística. A voceira municipal de CA explicou que “nas comunidades nas que aplica xa a taxa turística existen fondos destas características de ámbito autonómico, mais en Compostela Aberta cremos que sería desexable avanzar cara un fondo de carácter local, no que a administración municipal fixe os obxectivos e prioridades de investimento, coa participación do sector e do tecido social, sindical, veciñal, cultural e empresarial directamente implicado”. Marta Lois apuntou que, entre os posibles destinos da recadación da taxa turística, deberan figurar accións para a protección e preservación do patrimonio, o fomento da desestacionalización, a modernización do sector turístico e a mellora da calidade do emprego, ou o impulso de proxectos de I+D+i que contribúan á diversificación económica de Santiago. En definitiva, apuntou a portavoz de CA, “a taxa turística debe ser un instrumento máis da gobernanza do turismo, que contribúa a fomentar o desenvolvemento sustentable fronte ao actual modelo de turismo sen control”.

Interpelación sobre o Plan de Sostibilidade Turística

No próximo Pleno, a portavoz de CA tamén interpelará ao concelleiro de Turismo para que dea conta do grao de execución do Plan de Sostibilidade Turística, presentado en novembro de 2020 por Concello, Xunta e Estado, e que estaba dotado cun orzamento de tres millóns de euros.  Marta Lois explicou que ese Plan estaba dividido en cinco eixos estratéxicos cun total de 18 accións concretas, “e a día de hoxe descoñecemos en que medida se están desenvolvendo, malia que no propio documento se establecía cales delas debían terse iniciado xa en 2021”. A concelleira salientou que “o que seguimos tendo son moitos contratos menores en materia de turismo, moitos deles relacionados co Plan de Sostibilidade, pero que non son máis que estudos que non se están a materializar en ningunha acción na práctica”. Como exemplo, Lois sinalou que “o Goberno de Bugallo tén destinado máis de 50.000 euros a tres contratos menores para a realización de cadanseu estudo sobre o Centro Gastronómico de Galicia previsto no Plan de Sostibilidade, pero a día de hoxe nada sabemos dese proxecto nin dos prazos que se manexan para a súa creación”.

Ademais, Marta Lois chamou a atención sobre a licitación do servizo de xerencia do Plan, que se iniciou a finais do mes de xuño e que segue sen estar resolto. A portavoz municipal indicou que as previsións do Goberno eran que o contrato entrara en vigor o 1 de setembro, “e a día 20 nada sabemos da resolución do procedemento”. De feito, sinalou, o 10 de agosto celebrouse unha mesa de contratación, e a partir de aí non consta máis información no Perfil do Contratante. Para a portavoz municipal, “é difícil de entender que o Goberno non teña contratada, en setembro de 2022, a xerencia dun Plan de Sostibilidade que se debería executar no periodo 2021-2023”.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo