Compostela Aberta propón a creación duns Bonos Corazón específicos para o barrio de San Pedro

Marta Lois urxe ao Goberno a “compensar ao tecido comercial e hostaleiro que sufre as consecuencias da pésima xestión das obras de Concheiros”
  • CA reclama unha auditoría das obras para garantir que “xa que non poden rematar en tempo que rematen en forma, e atendendo ás reclamacións da veciñanza”

Compostela Aberta proporá no Pleno da próxima semana a creación duns Bonos Corazón específicos para o barrio de San Pedro, co obxectivo de fomentar o consumo nuns establecementos comerciais e hostaleiros que están a sufrir graves prexuízos económicos por mor das obras que se están a executar na zona. A portavoz municipal de CA, Marta Lois, incidiu en que “o Goberno ten a obriga de compensar a súa pésima xestión dos traballos de Concheiros, que acumulan demoras, erros e molestias continuas para a veciñanza”.

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que reclama medidas para a reactivación económica da zona de San Pedro, afectada polas obras que executa o Concello en Concheiros e polas que acomete a Xunta entre Rodríguez de Viguri e a Avenida de Lugo. Ademais da creación dunha liña específica dos Bonos Corazón para os establecementos do barrio, CA pide que se poña en marcha unha campaña de sensibilización e dinamización do comercio e a hostalería. Marta Lois lembrou que os establecementos da zona de Concheiros “sufriron dobremente os efectos da pandemia da Covid e as consecuencias dunhas obras pésimamente xestionadas, que orixinaron algúns peches e perdas que superan o 60 por cento”. A portavoz de Compostela Aberta lembrou que “os negocios resultaron especialmente damnificados polo mal facer do Goberno e en particular do concelleiro de Obras, que exerceu unha labor de desinformación que se traduciu en situacións como que algúns comerciantes atoparan pechado o acceso ao seu establecemento sen previo aviso”.  “Ese descontrol”, apuntou, “continúa a día de hoxe, e non sabemos cando se vai normalizar a situación porque non sabemos sequera cando van rematar as obras que deberan estar concluídas no pasado verán”.

Para Marta Lois, “é urxente que o Concello impulse medidas concretas para o barrio de San Pedro, como a creación dunha liña específica dos Bonos Corazón, que obtivo bos resultados na recente convocatoria para o conxunto da cidade”. A concelleira pediulle ao Goberno “que non se escude en que esta convocatoria tamén estaba aberta aos negocios do ámbito afectado polas obras de Concheiros, como xa fixo o propio alcalde, porque é evidente que o tecido comercial desta zona precisa agora dunha atención especial e específica”. 

Revisión das obras

A portavoz de Compostela Aberta salientou que “a mellor medida para a dinamización económica do barrio de San Pedro sería o remate das obras, algo que xa non vai poder ser en tempo pero que reclamamos que sí sexa en forma”. Nese sentido, Marta Lois explicou que CA tamén pedirá no Pleno a posta en marcha de cadansúa auditoría tanto das obras de Concheiros que executa o Concello como das da Avenida de Lugo que son responsabilidade da Xunta, “para que antes de que sexan recepcionadas se poidan avaliar os seus acabados e as súas calidades, se atendan as demandas da veciñanza, e se solventen os problemas que se detecten”. A concelleira lembrou que “desde o comezo das dúas obras foron moitas as modificacións e improvisacións, que fan que a día de hoxe a veciñanza teña serias dúbidas de cal vai ser o resultado final do proxecto, e máis cando xa se perciben o que parecen fallos na execución que, por exemplo, provocan anegamentos no ámbito da rotonda de Concheiros coa Avenida de Lugo”. Do mesmo xeito, Compostela Aberta pide que se elabore un plan de mobilidade para o barrio de San Pedro, que sexa participado, “para ordenar o tránsito peonil e rodado atendendo ás necesidades reais da veciñanza que ata agora se están ignorando”.

Por último, a moción que CA levará ao Pleno insiste na necesidade de que o Goberno, e nomeadamente o concelleiro de Obras, achegue información e manteña unha interlocución efectiva coa veciñanza, “unha interlocución que vai máis alá de pasearse por Concheiros sen escoitar a ninguén e sen recoller as demandas da cidadanía, que é o que segue facendo a día de hoxe Javier Fernández”. Para Marta Lois, “é case indecente que o edil de Obras se manteña na súa soberbia, aínda despois de que a veciñanza pida o seu cese e de que a súa mala xestión motivara desde recollidas de sinaturas ata manifestacións a pé de obra”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA A CORRECTA FINALIZACIÓN DAS OBRAS DOS CONCHEIROS E CAMIÑO FRANCÉS NA AVENIDA DE LUGO E RODRÍGUEZ DE VIGURI, E PARA IMPULSAR ECONOMICAMENTE O TECIDO COMERCIAL E HOSTALEIRO DO BARRIO DE SAN PEDRO

Novas
relacionadas

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

María Rozas preséntalle ao Club Financiero de Santiago as propostas de CA en materia de reindustrialización

A candidata de Compostela Aberta á alcaldía comprometeu a creación dunha Oficina de captación e retención de empresas “que facilite a burocracia aos empresarios e emprendedores”

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo