Compostela Aberta propón un equipamento cuberto para o barrio de Conxo

Nunha reunión con colectivos do barrio, Martiño Noriega lanzou a proposta de acondicionar unha parcela municipal de 1 hectárea
  • O alcalde comprometeuse tamén a exixir o urxente inicio das obras do Camiño Portugués e a integración, nas mesmas, do paso peonil da rotonda
  • Manter e consolidar a Festa do Banquete como un evento de cidade, foi outro dos compromisos adquiridos na xuntanza

O alcalde de Santiago e candidato á reelección por Compostela Aberta, Martiño Noriega, reuniuse esta martes con varios colectivos do tecido asociativo do barrio de Conxo. A Asociación Veciñal “Conxo Aberto”, a asociación comercial “Esperta Conxo” e a plataforma #ConxoNonSeToca participaron na xuntanza e trasladaron as propostas que estas entidades teñen para o barrio, de cara á incorporalas no programa electoral. Xunto a el estiveron tamén o número 11 da candidatura, Miguel Penas, e a número 18 e veciña do barrio, Marisa Garea.

Na Xuntanza, Martiño Noriega comprometeuse a incluír no programa eleitoral de Compostela Aberta un ‘Plan Conxo’ que ademais de incluír unha planificación urbanística tamén incorpore unha revisión dos equipamentos e necesidades de integración sociocomunitaria no barrio. Unha necesidade mostrada polos coletivos veciñais que ven con preocupación como o rápido medre da contorna non facilita a cohesión e identidade de barrio.

Dentro das cuestións pendentes por resolver no barrio, Martiño Noriega comunicoulle aos colectivos que o seu goberno “seguirá exixindo ao Ministerio de Fomento a activación do convenio que humanice a rotonda de Conxo” e avanzou que “de non ter unha resposta, nos próximos meses, solicitaremos ao Ministerio poder acometer esta obra con fondos propios municipais”. Nesa liña lembrou que cando Compostela Aberta chegou ao goberno municipal en 2015 as obras do paso inferior de Conxo estaban paralizadas, retomándose tras o dialogo institucional iniciado por CA con Fomento, responsables da obra.

Ademais, mostrouse satisfeito pola “colaboración entre administracións, para transformarmos o ámbito histórico e dotacional do Campo de Conxo”. Proxecto no que o Concello colabora cunha achega económica do 30% ademais de con achegas técnicas como “a de integrar o paso, de preferencia peonil, na rotonda, dentro das obras de reforma do Camiño Portugués. “Unha reformulación, longamente demandada pola veciñanza, que servirá para suturar a fenda que o actual periférico creou no barrio” afirmou.

Noriega tamén se comprometeu a rematar a ampliación do patio e a completar a dotación do parque infantil no CEIP Quiroga Palacios e a executar o arranxo da cuberta do pavillón municipal do colexio, que contan xa cun proxecto aprobado. Outra das medidas que Compostela Aberta levará no seu programa electoral pasa por habilitar a parcela municipal, de case 10.000 m2, situada entre  praza da Merced e o Colexio Quiroga Palacios, para o uso da veciñanza incorporando unha nova zona verde que inclua a  construción dun equipamento multiusos cuberto para Conxo. Un proxecto que permita ofrecer máis recursos e espazos en materia de ocio e deporte no barrio.

Sobre o pouco aproveitamento e as potencialidades da Avenida de Ferrol, o alcalde, comprometeuse a iniciar un proceso participativo para elaborar unha reflexión colectiva sobre posibles reformas da rúa.

Dación de contas
O alcalde e candidato tamén fixo un exercicio de dación de contas “tras os catro anos de goberno de Compostela Aberta, onde se fixo un esforzo para atender as necesidades reais dos barrios”. Explicou que o goberno de Compostela Aberta investiu preto de 400.000 euros na reforma do campo de fútbol de Conxo e case 100.000 na adecuación dunha parcela municipal como aparcadoiro para o barrio, “unha actuación moi demandada pola veciñanza”. Ademais tamén se acondicionou o sendeiro fluvial polo río Sar ata a zona do Banquete de Conxo, rehabilitnado a fonte da virxe da Cunha tras décadas de abandono e recuperouse ambientalmente a zona da lagoa de Cornes. “Por iso”, continuou, “o lema da campaña municipal de obras e mantemento leva por nome Compostela afaise a ti por entender que é o municipio quen se afai á súa veciñanza”.

En materia de mantemento, Noriega explicou o esforzo feito en rúas como Manuel Beiras, Suarribas ou Cruxeira tras por en marcha un ambicioso plan de mantemento para todo o Concello. Nesa liña, mellorouse o alumeado no parque da Pontepereda e investíronse 25.000 euros no arranxo da cuberta da Escola Infantil de Conxo.

Martiño Noriega tamén deu conta do feito por Compostela Aberta en materia de dinamización do barrio, co programa Conxo Consume, a elaboración dunha guía comercial  ou a celebración da Festa do Banquete, unha festa de cidade descentralizada e localizada en Conxo. Nese sentido, Martiño Noriega trasladoulle ás equipas directivas das asociacións “o noso compromiso co mantemento e a consolidación dunha Festa que queremos que se convirta nunha referencia en Compostela e en Galicia, porque entendemos que iso repercute de forma moi positiva no conxunto do barrio”.

Arquivado en:Martiño Noriega
Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

CA completa unha lista “feminista, apegada aos barrios e o rural, e comprometida co activismo social e a defensa das traballadoras”

María Rozas presenta o segundo tramo da candidatura, que pechan a presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carminha Naveiro; a escritora e académica Marilar Aleixandre; e o exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo