Compostela Aberta pídelle ao Goberno local que reabra as hortas municipais, que permanecen pechadas desde a declaración do estado de alarma. O grupo municipal de CA entende que non hai motivos para manter a prohibición de traballar estas parcelas, despois de que a Xunta de Galicia acordara o pasado venres eliminar a limitación que rexía desde o pasado mes de marzo para o desprazamento ás fincas para o autoconsumo.
Con esta petición, Compostela Aberta faise eco das demandas das persoas usuarias das hortas municipais, que temen perder a produción dos vindeiros meses se non se lles permite sementar xa as súas parcelas. Tal e como explican os veciños e veciñas afectadas, as hortas municipais non son unicamente espazos de lecer, senón que teñen un papel fundamental de autoabastecemento de alimentos e, polo tanto, cobran unha maior importancia na actual situación de crise. O grupo municipal de CA considera que o Concello podería organizar quendas de traballo para evitar aglomeracións, aínda que a configuración das hortas garante que as persoas usuarias manterían as distancias de seguridade.
Flexibilización das normas da Xunta
Para Compostela Aberta, xa non hai motivos para manter o peche das hortas urbanas, despois de que o Centro de Coordinación Operativa da Xunta acordara o pasado venres flexibilizar as condicións que tiña imposto para o traballo das leiras para o autoconsumo. Así, o Goberno galego decidiu levantar a prohibición de realizar desprazamentos a fincas situadas a máis de 500 metros do domicilio, para permitir os desprazamentos imprescindibles para atender as leiras situadas no mesmo termo municipal ao da residencia habitual, ou a un máximo de cinco quilómetros no caso de estaren noutro municipio. Ademais, para a concesión de uso das hortas urbanas o Concello outórgalles preferencia aos veciños e veciñas do mesmo barrio no que se localizan as parcelas, polo que autorizar o seu uso non suporía grandes desprazamentos das persoas usuarias.
Compostela conta con case 300 hortas urbanas, repartidas en sete áreas da cidade. Ao longo do pasado mandato acondicionáronse preto de 200, na Almáciga, Caramoniña, Brañas do Sar, Santa Marta e Campo das Hortas. Antes, abríranse as de Belvís de Arriba, Belvís de Abaixo e Fontiñas.