Compostela Aberta reclama información sobre os contratos asinados polo Goberno de Bugallo con El Correo Gallego

  • María Rozas explica que no que levamos de mandato “cónstannos contratos menores por máis de 180.000 euros con Editorial Compostela, ainda cando a empresa arrastraba unha débeda millonaria coa Seguridade Social”
  • A portavoz de CA pide que o Concello informe se a empresa está ao pago de todas as taxas e impostos municipais, “despois de que en 2020 o Goberno autorizara o fraccionamento dunha débeda de 2018 que se achegaba aos 130.000 euros”
  • Compostela Aberta solicita acceso á documentación sobre o outorgamento dun préstamo de XesGalicia de 2,5 millóns de euros a Editorial Compostela en 2018

Compostela Aberta vén de rexistrar unha pregunta para que o Goberno local explique os contratos asinados co Grupo Correo Gallego ao longo deste mandato e para que dea conta do cumprimento do acordo polo que en xuño de 2020 autorizou o fraccionamento do pago da débeda que a empresa acumulaba co Concello de Santiago,e que se achegaba aos 130.000 euros. A portavoz municipal, María Rozas, explicou que “tras coñecermos as investigacións abertas pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal sobre El Correo Gallego, urxe que o Goberno de Bugallo aclare cal ven sendo a súa relación coa empresa, coa que mantivo numerosos contratos malia ser pública e notoria a súa situación económica e as súas débedas cos traballadores e coa Seguridade Social”.

Compostela Aberta rexistrou unha pregunta para a súa resposta por escrito, despois de que ElDiario.es informara de que a UDEF investiga ao director de El Correo Gallego por branqueo, en relación aos contratos coa Xunta. Nese artigo, o xornal dixital fai referencia tamén ás relacións contratuais de Editorial Compostela co Concello de Santiago, sinalando que a UDEF está redactando un informe ao respecto. Tal e como explicou María Rozas, “nas relacións de contratos menores que se publican cada trimestre na páxina web municipal figuran ao longo deste mandato contratos por un importe total que supera os 180.000 euros, só con Editorial Compostela”. A esta lista poderíanse engadir outros contratos con firmas vinculadas ao Grupo Correo Gallego e que, tal e como relata na súa información ElDiario.es, poderían estar sendo utilizadas para burlar as restricións de contratar coa matriz por mor das súas débedas e da situación de concurso de acredores na que se atopa.

A portavoz municipal de Compostela Aberta sinalou que “Editorial Compostela atópase nunha situación de concurso de acredores desde xuño deste ano tras entrar en situación de insolvencia, pero xa no ano 2018 constaba que a empresa acumulaba unha débeda de case un millón de euros cos seus traballadores por nóminas impagadas, e de máis dun millón de euros coa Seguridade Social”. María Rozas lembrou que a Lei de Contratos do Sector Público “recolle con claridade a prohibición de contratar con persoas físicas ou xurídicas que non estean ao corrente das súas obrigas tributarias ou de Seguridade Social, e por iso resulta sorprendente que o Concello de Santiago adxudicara ao longo deste mandato contratos menores á empresa de maneira constante”. Nesa liña, lembrou que “algunhas destas facturas teñen sido obxecto de reparo por parte da Intervención municipal, como a que o Goberno levou ao Pleno no mes de outubro para pagar a suscrición anual ao xornal, e que o alcalde levantou co argumento de que non ter El Correo Gallego nas dependencias municipais causaba prexuízo tanto á cidadanía como aos propios traballadores municipais”. María Rozas lamentou “a dobre vara de medir do Goberno, que non lle paga subvencións a entidades ou a particulares que teñen débedas, pero que non parece poñer ningunha pega a seguir contratando co Correo”

Aprazamento das débedas co Concello
María Rozas tamén lle pide ao Goberno que explique se o Grupo Correo Gallego está ao día no pago de todas súas débedas co Concello de Santiago. A portavoz de Compostela Aberta explica que, en xuño de 2020, o Goberno asinou un decreto para autorizar o fraccionamento do pago das débedas de Editorial Compostela relacionadas con impostos e sancións tributarias do ano 2018, que sumaban case 130.000 euros. En virtude dese acordo, a empresa debía abonar esa cantidade en 43 pagos, desde xuño de 2020 a xuño de 2022. A concelleira de CA pídelle ao Goberno que explique se eses pagos foron efectivamente realizados, e se a empresa está ao día no pago de todos os impostos e taxas municipais, así como das sancións tributarias de exercicios posteriores a 2018 no caso de existir.

Solicitude de información a Xesgalicia

Ademais, Compostela Aberta solicitou hoxe á Xunta de Galicia acceso á información relativa ao préstamo de 2,5 millóns de euros que Xesgalicia lle concedeu a Editorial Compostela no ano 2018. En concreto, o grupo municipal reclama acceso ou copia do informe favorable elaborado polo comité de dirección de Xesgalicia polo que se autorizou a concesión do préstamo, do certificado no que se informa ao comité de investidores do fondo Galicia Compite FICC no que se toma o acordo de informar favorablemente para outorgar o préstamo a Editorial Compostela, e da acta do comité de Dirección de Xesgalicia do 25 de setembro de 2018 na que se recolle o acordo unánime para a concesión do préstamo, coa asistencia de Francisco Conde López, Juán Manuel Cividanes, Alfonso Cabaleiro Durán, Francisco Domínguez Martínez, Patricia Argerey Vilar, Marcos Oubiña, Borja Verea Fraiz, Álvaro Pérez López e María Posada Enríquez.

Para María Rozas, “é importante coñecer as motivacións dese acordo e o posicionamento dos membros do comité de dirección de Xesgalicia, sobre todo tendo en conta que dese organismos facía parte o responsable local do Partido Popular e candidato á alcaldía, Borja Verea”. A portavoz de CA urxiu a Verea “a dar todas as explicacións pertinentes, porque as informacións publicadas nestes días xérannos máis dúbidas das que xa tiñamos sobre o seu papel como xestor do público”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA ESCRITA DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE OS CONTRATOS ASINADOS CO GRUPO CORREO GALLEGO E O FRACCIONAMENTO DO PAGO DAS SÚAS DÉBEDAS CO CONCELLO DE SANTIAGO ACORDADO POR DECRETO DA CONCELLERÍA DE FACENDA EN XUÑO DE 2020

PODES CONSULTAR AQUÍ A SOLICITUDE DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA DE ACCESO Á DOCUMENTACIÓN DE XESGALICIA RELATIVA AO OUTORGAMENTO DUN PRESTAMO ORDINARIO A EDITORIAL COMPOSTELA SA NO ANO 2018 DE ATA 2.500.000 EUROS

Novas
relacionadas

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo