- María Rozas urxe ao Goberno a “atender as demandas da ANPA do centro, que leva anos reclamando unha zona de aparcamento e actuacións que melloren a seguridade viaria nos accesos”
Compostela Aberta demandará no próximo Pleno que o Concello acometa varias melloras no CEIP Rodríguez Xixirei da Lavacolla, en diálogo coa ANPA do centro. A portavoz municipal, María Rozas, explicou que hai actuacións que son urxentes “porque permitirían reforzar a seguridade viaria na contorna do colexios e rematarían coas situacións de risco para o alumnado das que son plenamente conscientes o alcalde e o concelleiro de Educación”.
En concreto, Compostela Aberta reclama que, de maneira urxente, o Goberno local acometa as melloras precisas nos accesos ao CEIP, e que o Concello e a Xunta colaboren na construción dun estacionamento público que redunde na mellora da seguridade viaria na contorna do colexio. Ademais, CA pide que estas actuacións se leven a cabo en colaboración coa ANPA do centro, que xa lle trasladou a situación tanto a Bugallo, hai máis de dous anos, como ao concelleiro Rubén Prol, “que mesmo puido comprobar a situación nunha recente visita ao centro na que tamén sufriu en persoa as consecuencias dos pésimos accesos que tén o CEIP”.
María Rozas sinalou que a principal demanda da comunidade educativa do Rodríguez Xixirei é unha zona de estacionamento, “que evite os actuais colapsos nas horas de entrada e saída do centro, nunha situación que se agrava pola constante presenza de peregrinos no tramo do Camiño Francés que pasa xusto ao carón do CEIP”. Tal e como explica a ANPA Landras, todos os viarios que rodean o centro acaban ocupados por diferentes vehículos: os autobuses escolares, os coches do profesorado e os das familias, que teñen que invadir as beirarrúas pola falta de espazo para estacionar. A consecuencia é que ”os nenos e nenas acceden ao centro camiñando por zonas enlamadas ou pola calzada, sorteando aos coches que circulan e os que maniobran para aparcar ou desaparcar, co risco que iso supón para a súa seguridade”.
Para paliar esta situación, a comunidade educativa pide a creación dun percorrido peonil pavimentado, que vaia pegado ao pavillón e ata a entrada do colexio; e outro que permita separar o tránsito peonil con pequenos bolardos ou cun sistema similar, desde o acceso do colexio ata o Camiño Francés. Tamén demanda que se contrúa unha cuneta transitable, pola que o alumnado poida pasar de forma segura, e que se acondicione unha zona de aparcamento cun pavicéspede que permita manter unha zona verde que ao mesmo tempo sexa resistente ao paso dos vehículos.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE AS MELLORAS NO ESPAZO DA CONTORNA DE ACCESO AO COLEXIO PÚBLICO MESTRE RODRÍGUEZ XIXIREI NA LAVACOLLA