Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que reclama o arranxo das moitas deficiencias que presenta a escola infantil Bispo Teodomiro de Marrozos. A concelleira María Rozas realizou unha visita ao centro, na que constatou que “as dependencias non cumpren coas condicións mínimas legais de habitabilidade para unha escola infantil, e precisan de múltiples actuacións para garantir o benestar dos nenos e nenas”. A edila reclamou “un maior compromiso coas escolas rurais, que merecen a máxima atención por parte das administracións públicas”.
A concelleira de Compostela Aberta explicou que a escola infantil de Marrozos carece de sistema de calefacción, “e o director mesmo ten problemas para utilizar os radiadores adquiridos cos recursos do centro, porque faltan enchufes e iso obriga a utilizar alongadores de corriente que supoñen un risco para as crianzas de 3 a 6 anos”. A situación agrávase “porque as xanelas do centro están vellas e con cristais rotos, de xeito que non illan a temperatura do exterior e nas aulas non se superan os 16 graos”. María Rozas apuntou que “a escola carece de conexión co sistema de subministración de auga, e só conta cun pozo dun material obsoleto e canceríxeno como é o fibrocemento; e tampouco está conectada coa rede de fecais polo que hai frecuentes problemas de atrancos”.
A esa longa lista de deficiencias súmase que non se atende a limpeza dunha das aulas da escola infantil porque non está incluída no contrato, e que non se realiza o mantemento do exterior da escola, onde mesmo hai un peche perimetral roto, o que facilitaría a saída dos nenos e nenas do recinto. Tamén sería preciso renovar as persianas e as portas, eliminar as humidades das paredes, e dotar ao centro de máis recursos para o xogo, tanto para as aulas como para o patio, que tan só dispón dun tobogán. Por último, María Rozas recolleu a proposta do centro de “realizar unha reforma nunha parte da escola que se utiliza como almacén, para transformala nunha aula de usos múltiples que mesmo se podería compartir coa veciñanza”.
María Rozas lamentou “a falta de mantemento e atención á escola infantil Bispo Teodomiro de Marrozos, un dos tres centros rurais destas características que sobreviven en Santiago e que se localiza nunha parroquia na que viven máis dun milleiro de persoas”. A concelleira incidiu en que “os colexios rurais merecen a máxima atención das administracións públicas, porque son espazos que teñen múltiples vantaxes para os nenos e nenas grazas á súa menor ratio de alumnado, a súa maior conexión cos espazos abertos, e á creación dunha comunidade ao redor do propio centro”.