- A concelleira María Rozas expresou o seu apoio ás ANPAs de Santiago que veñen de emitir un comunicado mostrando o malestar da comunidade educativa
- CA urxe á Consellería de Educación a atender as súas competencias e corrixir as eivas detectadas, e ao Goberno Local a exercer a súa obriga de defender os intereses da veciñanza de Santiago reclamándolle medidas urxentes á Xunta
Compostela Aberta reclamoulle hoxe á Consellería de Educación que “escoite e atenda as numerosas queixas que se están a producir no inicio do curso polo deficiente funcionamento do servizo do transporte escolar, tanto en centros educativos de Santiago como da nosa comarca”. A concelleira María Rozas denunciou que nesta primeira semana de actividade lectiva “estanse a producir atrasos nos horarios establecidos e situacións nas que non todo o alumnado usuario tén praza nos autobuses que cobren as rutas, causando enormes prexuízos aos estudantes e ás súas familias, tendo en conta a importancia que ten o transporte escolar para a conciliación”. Rozas tamén lle reclamou ao Goberno Local “que se poña do lado da veciñanza de Santiago e que vele polos seus intereses, urxindo á Xunta a adoptar medidas que corrixan esta situación de inmediato”.
Desde que comezou o curso escolar, o pasado 8 de setembro, son moitos os centros educativos de Santiago e de concellos próximos como Ames ou Teo que están a expresar queixas polo mal funcionamento do transporte escolar. Tal e como tamén denuncia a Federación de ANPAs, estanse a producir atrasos nos horarios, nalgúns casos non hai autobuses para cubrir o servizo ou non paran en todas as paradas establecidas, e en ocasións os vehículos utilizados non teñen prazas abondo para todo o alumnado usuario. Deste xeito, explicou María Rozas, “hai estudantes chegando tarde ás clases, outros que non chegan, e familias que teñen que alterar os seus horarios laborais para garantir que os seus fillos e fillas cumpren co horario escolar”. No concello de Santiago, esta situación aféctalle aos IES do Sar, Xelmírez II e Eduardo Pondal, e aos CEIPs da Lavacolla, A Sionlla, Roxos e Vite.
A concelleira de Compostela Aberta reclamoulle á Consellería de Educación que adopte as medidas que sexan necesarias para garantir o correcto funcionamento do servizo do transporte escolar “que é un dereito do alumnado e un instrumento fundamental para moitas familias”. Ao tempo, Rozas pediulle ao Goberno local que medie diante da Xunta e que esixa solucións con carácter inmediato