Compostela Aberta reclama un novo centro de Secundaria e Bacharelato no contorno de Lamas de Abade

CA levará ao Pleno unha moción para demandarlle á Consellería de Educación que suspenda o traslado do alumnado do IES que anunciou para o próximo curso
  • María Rozas tamén preguntará no Pleno polo atraso na licitación da ludoteca de Fontiñas “que segue sen avances desde o mes de xuño”

A concelleira María Rozas mostrou hoxe “o total apoio de Compostela Aberta ás demandas da ANPA do IES Lamas de Abade, contraria á conversión do instituto nun centro de FP e ao traslado do seu alumnado a outros centros da cidade, nomeadamente ao IES de Sar”. O grupo municipal de CA levará ao próximo Pleno unha moción na que lle pide á Xunta de Galicia que paralice os seus plans para o instituto, ata a construción dun novo centro de secundaria na mesma zona de Santiago. Para iso, Compostela Aberta insta tamén ao Goberno municipal a modificar o PXOM, para catalogar como dotacional a parcela municipal colindante coas actuais instalacións educativas de Lamas de Abade. María Rozas mostrou o seu desexo de que “o alcalde mude a súa posición e apoie as demandas da ANPA, na reunión que teñen prevista para esta mesma tarde”

Para María Rozas, é incomprensible que a Consellería de Educación anuncie a conversión do IES Lamas de Abade nun centro de FP xa no próximo curso, “sen reflexionar sobre as consecuencias que esta medida tería tanto para o alumnado deste centro como para o do IES no que se lle pretende dar acubillo, o de Sar, que acabaría completamente saturado, con aulas con 30 alumnos e alumnas, e coa conseguinte perda de calidade educativa”. A iso, apuntou a concelleira, “habería que sumarlle que a consellería anuncia esta medida aínda no medio dunha situación de pandemia, que non sabemos ata cando vai condicionar o uso dos espazos”. Ademais, Rozas explicou que a conversión do IES de Lamas de Abade nun centro de FP “prexudicaría a unha parte significativa do estudantado, que tén este centro moi próximo á súa vivenda, nunha zona, ademais, que medrou notablemente e onde se prevé que aumente a poboación en idade escolar nos próximos anos, e que tamén lle dá servizo a unha ampla zona rural de Santiago”.

A concelleira de Compostela Aberta apoiou o reforzo da oferta da Formación Profesional, pero lamentou que “a Consellería de Educación confunda a modernización da FP cunha nova agresión ao ensino público e de calidade”. Por iso, María Rozas pedirá no Pleno que a Corporación inste á Xunta a paralizar o traslado do alumnado de secundaria e bacharelato do IES Lamas de Abade ata que constrúa na mesma zona un novo centro educativo que poida acollelo, “porque nun ano no que a Xunta contará co maior orzamento da súa historia non tén escusas para non afrontar a construción dunha infraestrutura educativa que melloraría a calidade do ensino”. Ese novo centro podería estar localizado nunha parcela municipal, actualmente sen uso, colindante aos centros de ensino de Lamas de Abade, que debe recibir unha nova catalogación no Plan Xeral de Ordenación Municipal, tal e como CA reclamará tamén no  Pleno. Por último, Compostela Aberta reclámalle ao Goberno galego que potencie a Formación Profesional “dotándoa das infraestruturas necesarias na contorna de Lamas de Abade, constituindo un verdadeiro campus educativo preuniversitario, onde convivan e se aproveitan de forma óptima as instalacións e espazos entre a comunidade educativa”.

Ludoteca

A concelleira de Compostela Aberta María Rozas pedirá explicacións no próximo Pleno sobre a situación na que se atopa a ludoteca María Miramontes das Fontiñas, “que o Goberno do PSOE mantén pechada despois de que durante o pasado mandato se lograra a súa apertura, máis dunha década despois de iniciada a súa construción”. Para a edila, “resulta incomprensible que non se teña concluído o procedemento de adxudicación do servizo de xestión do centro, que semella paralizado desde o pasado verán”.

María Rozas lembrou que a ludoteca de Fontiñas abriu a súas portas en decembro de 2018, 12 anos despois de iniciada a súa construción, e a partir desa data no centro desnvolveuse unha programación transitoria, con actividades como un círculo literario, un ciclo de concertos de música tradicional ou as tardes xogantinas. A concelleira apuntou que o Goberno de Compostela Aberta non puido resolver o concurso para a xestión do servizo, por mor dos recursos presentados diante do TACGal, que obrigaron a iniciar un novo procedemento, xa co Goberno do PSOE. María Rozas explicou que ese procedemento iniciouse en novembro de 2019, pero detectáronse uns erros nos pregos que obrigaron a redactalos de novo en xaneiro de 2020. Tras a paralización do expediente pola declaración do estado de alarma, o procedemento retomouse en xuño, “e desde entón non se produciu ningún avance na licitación, segundo se recolle na Plataforma de Contratación Pública do Estado”. María Rozas lembrou que “en xaneiro do 2020 o Goberno falaba de que o expediente estaría resolto en tres meses, e xa en setembro, cando renunciou á súa acta de concelleira, a anterior responsable de Educación consideraba que a resolución sería inminente”. A  concelleira de CA lamentou que a día de hoxe, “ nada se saiba do contrato para a xestión da ludoteca, e o Goberno do PSOE tampouco buscara ningunha alternativa para dotar de contido o centro, xusto nun momento no que  son tan precisas as alternativas para a conciliación”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA INSTAR Á XUNTA DE GALICIA A PARALIZAR O TRASLADO DO ALUMNADO DO LAMAS DE ABADE E A
CONSTRUCCIÓN DUN CENTRO DE ENSINO SECUNDARIO NA CONTORNA DAS ACTUAIS INSTALACIÓNS.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE O PROCEDEMENTO DE LICITACIÓN DO SERVIZO DE XESTIÓN DA LUDOTECA DE FONTIÑAS

Novas
relacionadas

CA reclama un plan para a contratación de músicos e artistas locais durante as festas

Compostela Aberta leva ao Pleno as demandas da veciñanza das Fontiñas

CA insta ao Goberno a solucionar os problemas de mobilidade do barrio, moitos deles derivados da remodelación do nó de Concheiros

Vertedoiro de Miramontes: CA urxe ás administracións a actuar para facer cumprir a sentenza firme do Supremo

Compostela Aberta reitera o seu apoio á Plataforma de Afectados polo vertedoiro de Miramontes e insta a Bugallo a reclamarlle á Xunta o cese de actividade na canteira

Compostela Aberta insta á Xunta a “clausurar o vertedoiro de Miramontes e a impedir os novos enredos da empresa para incumprir os mandatos xudiciais”

O concelleiro Xan Duro lembra que a UTE leva máis de tres anos litixando e mantendo a circulación de vehículos pesados, a pesar do pronunciamento do Tribunal Supremo

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo