Compostela Aberta reclama unha consulta popular sobre o modelo de xestión da auga

Marta Lois: “A consulta popular é legalmente posible, e é esixible do punto de vista democrático. Un Goberno en minoría non debe decidir unilateralmente sobre un ben fundamental, e hipotecar o futuro do servizo ata 2046”
  • A portavoz de CA lembra que “os 50 anos de concesión supuxeron a perda do control do servizo e un gran déficit de infraestructuras. Hoxe sabemos que se poderían investir 2,5 millóns de euros anuais en mellorar a rede, e non se fixo”

Compostela Aberta reclama a celebración dunha consulta popular sobre o modelo de xestión do ciclo da auga en Santiago, seguindo os procedementos que recollen a Lei das Bases do Réxime Local, a Lei de Administración Local de Galicia, e o regulamento municipal de Participación Cidadá. A portavoz municipal de CA, Marta Lois, insistiu en que “Bugallo debe escoitar a opinión da veciñanza antes de executar a decisión que parece ter tomada, e que hipotecaría o servizo nos próximos 25 anos”.

Compostela Aberta levará a petición ao próximo Pleno, a través dunha proposición na que insta á alcaldía a impulsar a celebración desa consulta popular, delegando na comisión da auga xa creada a redación consensuada da proposta e da pregunta sobre a que se formule a consulta; e sometendo o acordo do inicio do procedemento a información pública, con prazo para presentar alegacións. Tal e como se explica no texto da proposición, “o noso ordenamento xurídico recoñécelles ás alcaldías a potestade someter a consulta popular asuntos de competencia propia municipal e de carácter local que sexan de especial relevancia para os intereses da veciñanza”. Para Marta Lois, “é evidente que o modelo de xestión da auga cumpre esas premisas”. 

A consulta popular está regulada no artigo 71 da Lei de Bases de Réxime Local; e a Lei de Administración Local de Galicia, no seu artigo 257, contén unha regulación propia galega para este tipo de consultas, segundo a cal o alcalde pode impulsar a consulta popular despois do acordo do Pleno por maioría absoluta. A Corporación Local deberá remitirlle á Xunta unha copia literal do acordo adoptado polo Pleno do Concello, precisando os termos exactos da consulta, o Consello da Xunta enviará a solicitude ao Goberno do Estado, e será este quen autorice a consulta, que despois será convocada mediante un decreto do Consello da Xunta. Por último, tamén o Regulamento Municipal de Participación Cidadá, no seu título sexto, establece o marco normativo local da consulta popular, que non tería carácter vinculante.

“Legalmente posible, democráticame irrenunciable”

Marta Lois incidiu en que a consulta popular sobre o modelo de xestión da auga “é posible legalmente, e supón un mecanismo democrático para coñecer a opinión da cidadanía neste asunto que lle vai afectar de maneira directa nos próximos anos”. Para a portavoz de Compostela Aberta, “sería irresponsable non contar co consenso necesario antes de adoptar unha decisión sobre a xestión dun dereito como é a auga, que non pode ser tratado como calquera mercadoría, e máis despois de medio século dunha concesión que deixa moitas dúbidas sobre os beneficios reais que tivo para a veciñanza”. A concelleira lembrou que “os grupos da Corporación xa veñen manifestando reiteradamente no Pleno a necesidade de avaliar os diferentes modelos de xestión, e un Goberno en minoría debera escoitar antes de actuar unilateralmente”.

A concelleira insistiu en que “o servizo da auga vén sendo xestionado pola mesma empresa desde 1971, con modificacións e prórrogas de contratos que mesmo foron cuestionados polo Consello de Contas de Galicia, que nun inforne de 2003 criticou a falta de control económico sobre a xestión de Aquagest, hoxe Viaqua; a falta de control sobre a amortización dos investimentos a través da taxa que pagan as persoas usuarias, ou a falta de control do Concello sobre o cobro da taxa do lixo”. A iso súmase o déficit de infraestructuras hidráulicas que segue padecendo Santiago despois de 50 anos de concesión, e por iso, incidiu Mata Lois, “o Goberno tén que avaliar todas as alternativas e contar coa opinión da veciñanza antes de executar os seus plans, xa anunciados, de facer un novo contrato para a xestión da auga por un prazo de 25 anos e un importe de máis de 450 millóns de euros”. Esa decisión “que hipotecaría a xestión do servizo ata o ano 2046, non pode adoptarse sen escoitar antes o que os veciños e veciñas teñen que dicir ao respecto, tal e como pretende facer Bugallo”.

A portavoz de CA aludiu á existencia dun estudo demoscópico realizado no ano 2017, no que máis do 65 por cento das persoas enquisadas se manifestaran a favor da xestión directa da auga por parte do Concello ou dun ente municipal. Fronte a esa porcentaxe, só o 20,9 por cento defenderan a xestión indirecta por parte dunha empresa privada, nesa enquisa na que se realizaran 400 entrevistas a composteláns e compostelás maiores de idade.

Auditoría

Marta Lois adiantou que cada vez “temos máis evidencias de que o modelo de xestión da auga que tivemos en Santiago no último medio século non tivo beneficios para a veciñanza”. Ao respecto, a concelleira explicou que a primeira tentativa de auditar o servizo, a falta de información non facilitada por Viaqua, sinala que “o volume de negocio da auga alcanza os 10 millóns de euros anuais, dos que 2,5 millóns de euros poderían reinvestirse cada ano na mellora do servizo”. Deste xeito, nos 25 anos de duración do contrato que quere licitar  Bugallo, “os ingresos serían de máis de 250 millóns de euros, e poderíase xerar un excedente de 60 millóns de euros para mellorar a rede”. Marta Lois sinalou que “se fora este o investimento realizado na rede nos 50 anos de concesión, a infraestrutura hidráulica de Santiago non estaría no mal estado no que se atopa na actualidade, para prexuízo da cidadanía”. Ademais, incidiu en que “unha concesión como a que vén funcionando deixa nas mans dunha única empresa todas as obras de mellora da rede, que con outro modelo poderían repartirse en diferentes contratos con diferentes empresas da cidade, e con maior control sobre os proxectos executados”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA IMPULSAR UNHA CONSULTA POPULAR SOBRE A XESTIÓN MUNICIPAL DO CICLO DA AUGA

Novas
relacionadas

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

María Rozas: “No próximo mandato hai que tomar decisións sobre a auga, e CA non renuncia á xestión directa nin permitirá que gobernen as concesionarias”

A candidata de CA á alcaldía e o número 2, Xan Duro, insisten en que “hai que continuar o camiño iniciado no pasado mandato, porque hai datos que avalan que a xestión directa é o mellor modelo para os intereses da veciñanza”

María Rozas: “A pésima xestión de Bugallo afoga ao tecido asociativo e ao deporte base de Santiago”

A portavoz de Compostela Aberta denuncia que o Goberno ten un millón de euros pendentes de pago de subvencións de 2022 “e os beneficiarios terán que presentar nova documentación caducada polos atrasos administrativos”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo