
- Jorge Duarte: “Non se poden convertir as oportunidades en problemas. O orbitaliño ten que solucionar o encaixe da N-550 co orbital e non crear novas complicacións”
- O edil lembra que “foi o goberno de CA quen negociou e consegui que Fomento asumira a construción da rotonda, que Bugallo quería que fose pagada pola propiedade dos solos próximos”
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022.- No caso de que o Concello de Santiago non o faga, Compostela Aberta presentará alegacións ao proxecto do trazado do enlace da estrada N-550 co Orbital de Santiago, coñecido como “orbitaliño”, “para exixirlle ao Ministerio de Fomento que retome a liña de traballo do deseño que quedara avanzado no anterior mandato. O grupo municipal instou a Bugallo “a presentar alegacións no mesmo sentido, porque a proposta que CA defendou no Goberno estaba consensuada coa veciñanza e garantía a seguridade viaria e a menor afectación para a contorna”.
Compostela Aberta vai trasladar na Xunta de Voceiras de hoxe “unha proposta moi simple: que se recupere o obxectivo do orbitaliño que quedara esbozado no anterior mandato”. O concelleiro Jorge Duarte explicou que “ese deseño atendía as demandas veciñais, ao tempo que resolvía os problemas de acceso ás áreas industriais e calmaba o tráfico nunha entrada da cidade”. Para o edil de CA, “se Bugallo abandonara a súa soberbia, atoparía a solución aos seus problemas retomando as iniciativas do pasado mandato, como xa viu noutros proxectos de enorme relevancia para a cidade como a operación Peleteiro, o aparcamento do Clínico ou a EDAR da Silvouta”.
Proxecto consensuado
A proposta que o Concello lle presentara ao Ministerio de Fomento en 2019 “melloraba notablemente as propostas anteriores, como a de 2010, xa que reducía o diámetro da rotonda prevista e incorporaba outras dúas glorietas de pequenas dimensións, unha deles prescindible, que funcionarían como elementos de ordenación da circulación nos dous cruces principais da aldea de Formarís coa N-550”. Ademais, aproveitaríanse as pistas xa existentes para non ter que construír novos viarios de servizo paralelos á estrada, “de xeito que se evitaba o derrubo de vivendas e se reducía a afectación ao núcleo”.
A proposta de CA procuraba que este tramo de N-550 “non funcionara como un corredor rápido, tal e como parece buscar a proposta de Fomento, senón que se lograra un calmado de tráfico como se fixo noutros tramos da mesma estrada”. Con ese obxectivo, “procurábase combinar a permeabilidade co núcleo rural de Formarís co aceso á zona industrial e ao Orbital e polo tanto, ás vias de alta capacidade”.
Jorge Duarte lembrou que “foi nesta liña na que traballou o goberno de Compostela Aberta, quen negociou co Ministerio de Fomento para que asumira a construción deste enlace, despois de que a xustiza anulara en 2018 o proxecto de urbanización do SUNP-38 de Formarís aprobado en 2010 e que incluía a rotonda”. O concelleiro de CA incidiu en que “ese proxecto impulsado na anterior etapa de Bugallo na alcaldía fóralle encargado á empresa municipal Emuvisa, co enfoque de que os custos de urbanización de máis de catro millóns de euros serían repercutidos nos donos dos solos próximos, tanto das grandes empresas como dos pequenos propietarios”. Ainda que as obras chegaron a estar adxudicadas, “nunca se executaron por mor dos procedementos xudiciais en marcha, e malia a que o Concello aprobara expropiacións que tampouco se pagaron ata o pasado mandato”.
Para o concelleiro, “non se pode permitir que a construción de infraestruturas estratéxicas e enormemente custosas como vai ser o orbitaliño creen novos problemas no canto de resolver os existentes, neste caso a seguridade viaria e a mobilidade na contorna da N-550”.
