- CA urxe ao Goberno a “non caer na compracencia pola prórroga do Ano Santo e a aproveitar o 2021 para sentar as bases dun novo modelo económico para Compostela”
Compostela Aberta reclámalle ao Goberno do PSOE que destine ás políticas sociais un mínimo do 10 por cento do orzamento municipal de 2021, “para atender todas as necesidades xurdidas da pandemia da Covid-19 e porque este é o ano de investir nas persoas”. A portavoz de CA, Marta Lois, e a concelleira María Rozas, compareceron hoxe en rolda de prensa para reclamarlle a Bugallo que “se poña a traballar dunha vez, que deixe as escusas, e que non caia na tentación de pensar que os problemas de Santiago están solucionados pola prórroga do Ano Santo, porque se algo demostrou a crise do coronavirus é que o monocultivo do turismo e do Xacobeo deixa a capital do país nunha situación de enorme vulnerabilidade”.
A portavoz de Compostela Aberta denunciou que a día de hoxe, 4 de xaneiro, o grupo municipal non tivo aínda noticias dos orzamentos de 2021. Marta Lois lembrou que CA pediu unha reunión co Goberno o 18 de agosto, “porque entendimos que era preciso traballar con tempo para buscar as mellores solucións para combater a crise” pero o PSOE nunca contestou a esa solicitude. A concelleira recoñeceu que “o que inicialmente atribuímos á prepotencia dun alcalde que non quere asumir que goberna en minoría, tamén se explica pola desidia e a pasividade de Bugallo e do seu equipo”. Para Marta Lois, só hai tres posibles motivos para que os socialistas non se sentaran aínda a falar dos orzamentos con CA: “ou é un Goberno incompetente que non foi quen de ter aínda mínimamente traballado un documento, ou é un Goberno irresponsable que prevé aguantar todo o ano cunhas contas prorrogadas, que non valen para a situación actual; ou Bugallo sabe que o PP lle vai viabilizar calquera proposta de orzamentos que leve ao Pleno, coa desculpa do Xacobeo”.
Necesaria aposta polo social
A concelleira María Rozas incidiu en que “Santiago precisa un orzamento para afrontar este 2021, pero non vale calquera orzamento”. A edila explicou que “estarmos coas contas prorrogadas implica que Santiago non tén ferramentas para facer as políticas públicas necesarias para o actual contexto, porque é evidente que os orzamentos de 2020 non estaba pensados para a realidade que estamos a vivir”. Ademais, María Rozas advertiulle ao PSOE que “se tén a tentación de imitar á alcaldesa da Coruña e afrontar todo o ano 2021 coas contas prorrogadas debe ter en conta que privaría a Santiago duns 20 millóns de euros, porque hai partidas que non se prorrogan, e tampouco contaría coas modificacións que foi realizando nos orzamentos para afrontar a situación de pandemia”. “Se a tentación é a de fiar a aprobación dos orzamentos ao apoio do PP”, engadiu María Rozas, “o PSOE de Santiago estaría asumindo definitivamente a proximidade de Bugallo ao Partido Popular, e as súas prioridades compartidas: monocultivo do turismo e do Xacobeo e privatización dos servizos públicos; fronte ás solucións progresistas que a veciñanza elixiu nas urnas”.
A concelleira de CA incidiu en que “Santiago necesita uns orzamentos que continúen nas liñas fixadas por Compostela Aberta no pasado mandato, cando se incrementou o gasto social en máis dun 57 por cento, con ferramentas que se fan agora máis necesarias que nunca como a ordenanza de garantía básica, as bolsas de comedor escolar e actividades extraescolares, ou o Sevizo de Axuda no Fogar”. Por iso, María Rozas adiantou que “o grupo municipal de CA non apoiará ningúns orzamentos que non fagan unha aposta clara polas políticas sociais, destinando a elas un mínimo do 10 por cento do orzamento total do Concello”. Esa porcentaxe, apuntou a edila, podería supoñer máis de 11 millóns de euros, “que o Goberno debe destinar a darlle cumprimento a compromisos asinados con Compostela Aberta, como a posta en marcha da Renda Infantil Municipal, e a acordos plenarios para mellorar as axudas sociais, os recursos para a conciliación, ou os equipamentos educativos”.
Bases para reorientar a economía
Marta Lois adiantou que outro dos requisitos que deben cumprir os orzamentos municipais é “que deben sentar as bases para a reorientación económica de Santiago, para adaptar a cidade a novos retos”. A portavoz de Compostela Aberta recoñeceu o seu escepticismo ao respecto, “porque Bugallo leva todo o ano fantaseando co Xacobeo e coa súa prórroga como a solución a todos os males, sen ter tomado nota nin do que pasou antes da pandemia coa turistificación e a saturación da zona vella, nin coas debilidades da nosa economía que quedaron en evidencia pola Covid-19”.
A voceira municipal de CA urxiu a Bugallo a aproveitar os orzamentos de 2021 para “mostrar unha aposta decidida pola reindustrialización de Compostela, aproveitando as sinerxias coa Universidade e as potencialidades do noso aeroporto e da futura estación intermodal”. Para Marta Lois, este é tamén o momento de pensar en novas oportunidades “vinculadas á economía circular, aos sectores agrícola, gandeiro e forestal, nun municipio cunha enorme extensión rural como é Santiago que tamén toca poñer en valor nesta nova realidade”.
Marta Lois lamentou que a falta de ideas e a pasividade do Goberno “non permitan aproveitar un momento no que o Concello goza de boa saúde económica e tén ao seu dispor case 20 millóns de fondos europeos captados polo Coberno de Compostela Aberta”. Para a concelleira, “é urxente que Bugallo regrese ao presente, porque semella eternamente conxelado en 2011, facendo as mesmas promesas que facía daquela, e sen ser consciente de todas as mudanzas e evolucións que tivo Santiago nestes 10 anos”.