Compostela Aberta reclámalle ao Goberno que reserve un mínimo do 7 por cento das licitacións para Centros Especiais de Emprego

Marta Lois lembra que “a nova Lei de Contratos recolle esas reservas e tamén a recomendación de dividir as adxudicacións en lotes para favorecer a contratación de máis empresas”
  • O grupo municipal de CA lamenta “a oportunidade perdida que supuxo a licitación do servizo de mantemento de parques e xardíns”

Compostela Aberta reclamará no Pleno desta semana que o Concello de Santiago manteña unha porcentaxe mínima de reserva do dereito a participar nos procedementos de adxudicación de contratos a Centros Especiais de Emprego de iniciativa social e a empresas de inserción, tal e como se prevé na Lei de Contratos do Sector Público aprobada a finais de 2017. Será a través dunha proposición na que CA demanda que esa porcentaxe sexa dun mínimo do 7 por cento, e insta á concellería de Políticas Sociais a velar polo seu cumprimento. A voceira do grupo municipal, Marta Lois, explicou que a proposta tén a súa orixe na licitación do servizo de mantemento de parques e xardíns, “na que o Goberno do PSOE perdeu unha gran oportunidade de lle dar continuidade ás políticas iniciadas no pasado mandato para favorecer desde o Concello a integración laboral das persoas con diversidade funcional”.

Marta Lois lembrou que, tal e como Compostela Aberta denunciou hai máis dunha semana, o Goberno licitou o servizo de mantemento das zonas verdes sen ter en conta as recomendacións da Lei de Contratos do Sector Público, que na súa disposición adicional cuarta sinala que as distintas administracións públicas, tamén as locais, deben fixar porcentaxes mínimas de reserva do dereito a participar nos procedementos de adxudicación de determinados contratos ou de determinados lotes dos mesmos a Centros Especiais de Emprego de iniciativa social e a empresas de inserción. A mesma lei tamén pretende facilitar a división dos contratos en lotes, para favorecer a contratación de máis empresas. Tal e como explicou a voceira de CA, “o Goberno do PSOE desaproveitou esta oportunidade que brinda a normativa, e decidiu licitar un contrato de case 12,7 millóns de euros nun só lote, e contemplando tan só a obriga de que a adxudicataria subcontrate a centros especiais de emprego para o mantemento dunha pequena parte das zonas verdes, que equivalen a pouco máis do 4 por cento do orzamento total do contrato”. Para Marta Lois, “non tén ningunha explicación que o Concello prefira que os Centros Especiais de Emprego sexan subcontratados por outra empresa, e menos cando o contrato de parques e xardíns depende da mesma persoa que é tamén a concelleira de Política Social e á que se lle presupón unha especial sensibilidade cara estas cuestións”. A portavoz de Compostela Aberta incidiu en que “esta fórmula da subcontratación non é a máis recomendable, e tampouco é a reclamada desde os propios Centros Especiais de Emprego, como a concelleira sabería se fora mínimamente dialogante e receptiva ás demandas do sector”. A maiores, Lois lembrou que a propia Intervención municipal “pón en dúbida a fórmula elixida, tendo en conta que a licitación contempla a obriga de subrrogar ao persoal que presta actualmente o servizo”

Outros contratos
Marta Lois fixo un chamamento ao Goberno para que “nas moitas licitacións que aínda tén pendentes non volva caer no mesmo erro, e contemple a contratación directa de Centros Especiais de Emprego”. A portavoz de CA mostrouse escéptica ao respecto porque, explicou, no Plan de Contratación do Concello de Santiago para o ano 2020, presentado o 5 de xuño, inclúense un total de 72 contratos, dos que só 8 están divididos en lotes, e en ningún dos casos consta na listaxe publicada na web municipal que o procedemento de contratación estea reservado a Centros Especiais de Emprego.

A portavoz de CA lembrou que durante o pasado mandato déronse importantes pasos en relación á reserva de contratos a Centros Especiais de emprego e empresas de inserción. Así, en abril de 2017, antes da aprobación da nova Lei de Contratos do Sector Público, aprobouse o listado de áreas de actividade obxecto desta reserva de contratos, “no que precisamente aparecía o mantemento e conservación de zonas verdes, e outra licitación que tén pendente o Goberno, como é a recollida e transporte de residuos”. No acordo incluiuse que “o importe dos contratos obxecto de reserva será como mínimo dun 5% do importe dos contratos adxudicados no exercicio inmediatamente anterior no conxunto desas áreas de actividade”. Posteriormente, a Xunta de Goberno Local aprobou o 11 de agosto de 2017, polo tanto tamén antes da entrada en vigor da nova Lei de Contratos, unha Instrución sobre contratación intelixente, responsable, integradora e sustentable, para a efectiva aplicación de consideracións de tipo social, laboral, ambiental, de innovación, calidade e proximidade aos contratos do sector público do Concello de Santiago.

Coa proposición que será debatida no Pleno do xoves, Compostela Aberta quere instar á concellaría de Políticas Sociais a velar para que o goberno local manteña unha porcentaxe mínima de reserva do dereito a participar nos procedementos de adxudicación de determinados contratos ou de determinados lotes dos mesmos a Centros Especiais de Emprego de iniciativa social e a empreas de inserción; e instar ao Goberno a ditar unha Instrución para os órganos municipais correspondentes, para a correcta aplicación desa porcentaxe mínima, que non será menor do 7%; e a favorecer a división en lotes dos contratos licitados pola administración municipal, tal e como se recolle na Lei de Contratos. Por último, a proposición insta tamén á Xunta de Galicia a establecer unha porcentaxe mínima de reserva, que será dun mínimo do 7 por cento do orzamento total dos contratos adxudicados pola administración autonómica e polos organismos dela dependentes.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA PROMOVER A CONTRATACIÓN DE CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO DE INICIATIVA SOCIAL E DARLLE CUMPRIMENTO Á LEI DE CONTRATOS DO SECTOR PÚBLICO

Arquivado en:Marta LoisPleno
Novas
relacionadas

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

María Rozas preséntalle ao Club Financiero de Santiago as propostas de CA en materia de reindustrialización

A candidata de Compostela Aberta á alcaldía comprometeu a creación dunha Oficina de captación e retención de empresas “que facilite a burocracia aos empresarios e emprendedores”

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo