CA recuperará e ampliará os Orzamentos Participativos “porque a veciñanza debe decidir máis alá das eleccións”

María Rozas: “A veciñanza de Santiago tén dereito a participar das decisións que lle afectan, e o Goberno tén a obriga de render contas”

Compostela Aberta recuperará e impulsará a participación da veciñanza na vida municipal, “porque cremos na democracia participativa e defendemos que os veciños e veciñas deben implicarse na toma de decisións máis alá das eleccións”. Explicouno hoxe María Rozas, que lamentou “o enorme retroceso que vivimos nestes catro anos en materia de diálogo, participación e transparencia”. A candidata de CA á alcaldía comprometeuse a fortalecer ferramentas como os Orzamentos Partipativos ou os encontros Ao Vivo, “que impulsamos no pasado mandato e que demostraron que hai outra maneira de gobernar, da man da xente e non de costas a ela”.

María Rozas compartiu hoxe un almorzo informativo con parte da candidatura de Compostela Aberta para as próximas eleccións. A candidata explicou que “a nosa lista bebe do movemento asociativo, moitos dos homes e mulleres que me acompañan foron e son activistas en diferentes eidos, e por iso sabemos que a cidadanía quere participar das decisións que lle afectan”. Iso tamén quedou en evidencia, sinalou Rozas, durante o pasado mandato, “coa boa acollida que tiveron iniciativas novidosas como os Orzamentos Participativos”.

Mellorar os Orzamentos Participativos

A candidata de Compostela Aberta comprometeuse a recuperar e mellorar os Orzamentos Participativos, “aos que no pasado mandato chegamos a destinar un orzamento de 1,5 millóns de euros, e para os que recibiamos cada ano en torno a 300 propostas dos veciños e veciñas”. María Rozas explicou que “os orzamentos son a principal ferramenta que teñen os Concellos para definir políticas públicas, e nós temos o convencemento de que a veciñanza debe ter capacidade de decisión sobre as contas e contribuir a fixar as prioridades no gasto”. A cabeza de lista de CA lembrou que “ainda que en Santiago Bugallo non quixo darlle continuidade a este novo modelo, non aconteceu o mesmo noutras cidades gobernadas polo PSOE como A Coruña; ou mesmo polo PP, como Madrid”. Para Rozas, “a súa negativa a poñer en marcha o proceso dos orzamentos participativos, ainda téndose comprometido por escrito nun acordo con Compostela Aberta para a aprobación dos orzamentos municipais, responde a dúas cuestións: que Bugallo era consciente da incapacidade do seu Goberno para xestionar mesmo o ordinario, e que ao candidato socialista non lle interesa a opinión da veciñanza”. Nese sentido, lembrou que “o Goberno socialista mantivo esquecidos os proxectos que xa foran seleccionados e aprobados nos orzamentos participativos durante o noso mandato, en procesos nos que votaron máis de 4.500 persoas”. É o exemplo, explicou, “dos parques infantís cubertos, que non quixo executar máis alá do de Santa Marta”. A aspirante de CA á alcaldía comprometeuse a ampliar a dotación dos Orzamentos Participativos, “e tamén as áreas municipais nas que se poderán presentar propostas, para integrar as de Igualdade e Cultura, entre outras”.

Gobernar escoitando

María Rozas tamén se comprometeu a “activar de verdade, e non só para a foto e no tempo de desconto do mandato, os Consellos Municipais de Participación, para que sexan órganos útiles para a veciñanza e non sigan baleiros de contido”. Iso, explicou, “fíxose no pasado mandato, convocando os Consellos Municipais para afrontar cuestións como a preparación de pregos para diferentes contratos públicos”. A candidata de CA insistiu en que “a práctica nestes últimos catro anos foi oposta, e de feito o Goberno de Bugallo nin sequera cumpriu a obriga de convocar a Comisión de Seguemento da EDUSI, que debería reunirse de maneira semestral e só se reuniu nunha ocasión en todo o mandato”.

Fronte a iso, María Rozas avanzou a vontade de Compostela Aberta de recuperar os encontros Ao Vivo, que o Goberno de CA celebrou no pasado mandato polos barrios e parroquias para render contas diante da veciñanza e para recoller as súas reclamacións e demandas. Estes encontros, explicou, “permitían coñecer de primeira man as peticións dos veciños e veciñas e explicar en que situación se atopaban os proxectos de interese en cada barrio”. A candidata de Compostela Aberta  reiterou que “hai unha queixa común que vimos recollendo nos últimos meses, que tén que ver coa falta de diálogo, coa falta de escoita por parte do alcalde Bugallo, é evidente que houbo un enorme retroceso nesta materia, e CA volverá demostrar que hai outra maneira de gobernar, da man da veciñanza”

No almorzo informativo celebrado esta mañá participaron, ademais de María Rozas, as persoas que ocupan o primeiro tramo da candidatura de Compostela Aberta: Xan Duro, Comba Campoi, Miguel Penas, Graciela Carro, Javier García, Marisa Álvarez Garea, Jaime Bello, e Luisa Pasín. Non puido asistir a número 10 da candidatura, Marta Lois.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta e BNG reclámanlle á Xunta que actúe de maneira urxente na recuperación ambiental da canteira de Miramontes

Os dous grupos do Goberno levarán ao próximo Pleno unha moción conxunta para que a Corporación apoie as reivindicacións da Plataforma de Afectadas pola Canteira de Miramontes e FERUSA tras a sentenza que confirma un delito contra o medio ambiente no complexo da Grixoa

Os grupos do Compostela Aberta, BNG e GM Socialista presentan unha moción conxunta de apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública

Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e GM Socialista acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes de marzo, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, o próximo 6 de abril do 2025. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo