Compostela Aberta non apoiará a proposta que o Goberno vai levar ao Pleno desta semana para que a Corporación avale a súa decisión de manter a concesión privada do ciclo integral da auga. O concelleiro Xan Duro lamentou a actitude de Bugallo “que só trata de responsabilizar á oposición da súa incapacidade para resolver a xestión deste servizo fundamental e do atraso dun contrato que tiñan anunciado para maio de 2020”. Ademais, o edil reiterou que “o PSOE baleirou de contido a comisión creada por mandato plenario para avaliar os diferentes modelos de xestión, e a día de hoxe seguimos sen análises comparativas que avalen a decisión que Bugallo xa tiña adoptada desde antes de regresar á alcaldía”.
No Pleno extraordinario do próximo xoves debaterase unha proposta coa que o Goberno pretende que o Pleno da Corporación ratifique o acordo adoptado xa pola Xunta de Goberno para manter a forma de xestión indirecta do ciclo integral da auga. Xan Duro anunciou que “Compostela Aberta votará en contra desta proposta, porque non imos ser cómplices dunha decisión que hipoteca o futuro de Santiago a moi longo prazo, e que ademais Bugallo adopta a cegas, sen elaborar os informes que lle veñen sendo solicitados de maneira reiterada desde hai máis de tres anos, non só polos grupos da oposición senón tamén polo tecido veciñal ao que o alcalde segue ignorando”. O concelleiro de CA incidiu en que “non se fixo unha comparativa seria e real sobre os diferentes modelos de xestión, e o único informe que achega o Goberno é claramente incompleto e insuficiente”. Ao respecto, o edil tamén reiterou que “resulta chamativo que Bugallo lle encargue á mesma empresa ese informe incompleto e a elaboración dos pregos para a licitación do servizo”.
Xan Duro lamentou que o PSOE “dedicara os máis de tres anos que levamos de mandato a enredar e non a estudar alternativas e que ignorara á comisión de estudo que tivo que crear por mandato plenario pero que nunca funcionou”. Para o concelleiro, “Bugallo, a concelleira Mila Castro e o PSOE deben explicar cales son os motivos polos que foxen da transparencia á hora de avaliar a xestión da auga, ainda sabendo da existencia de irregularidades no contrato que segue con orde de continuidade, tal e como denunciou o Consello de Contas”.