Compostela Aberta súmase á Plataforma “Emerxencia, Dependencia”

María Rozas participou na reunión constitutiva da Plataforma "Emerxencia, Dependencia", que reúne a organizacións sociais, políticas e sindicais para alertar da situación de emerxencia na que se atopa o sistema de dependencia en Galicia. O próximo 17 de novembro, a Plataforma concentrarase diante do Parlamento.

ASGADeD, BNG, CCOO, CIG, Compostela Aberta, COP (Colexio de Psicoloxía), COTOGA (Colexio de
Terapia Ocupacional), COTS (Colexio de Traballo Social), CUT, Esquerda Unida, MODEPEN,
SINDICATO LABREGO GALEGO, PODEMOS e PSOE presentaban esta mañá a plataforma
“Emerxencia, Dependencia” e o manifesto no que se recollen tanto a análise da situación como as
propostas coas que se pretende dar unha solución acaída á actual situación de emerxencia.
Con este motivo anunciaron que se solicitará unha xuntanza coa conselleira de Política Social e máis
cos grupos parlamentarios, para que inclúan estas propostas como emendas nos orzamentos da
Xunta para 2026, ademais da convocatoria dunha mobilización para o día 17 de novembro,
coincidindo co debate das emendas á totalidade dos orzamentos.
Atallar a emerxencia
Segundo denunciaron, a principios deste ano 2025, a Xunta de Galicia, aprobou de forma unilateral
unha reforma da lei 13/2008 de servizos sociais que, “lonxe de mellorar a situación da atención á
dependencia, reduce o dereito dos galegos e galegas aos servizos sociais”. Unha reforma que se
fixo, segundo denunciaron, “pola porta de atrás, aproveitando a lei de acompañamento dos
orzamentos, para evitar así a consulta e participación dos axentes sociais”.
Neste sentido, aseguraron que nin sequera se convocou o Consello Galego de Benestar Social,
órgano consultivo e de participación en materia de servizos sociais, e mesmo se aproveitou o
mesmo sistema da lei de acompañamento para deixalo sen competencias.
Xunto a isto, explicaron que desde o 3 de xaneiro de 2025, unificáronse as solicitudes de
dependencia e discapacidade, eliminando o informe social, “o que trata as valoracións profesionais
como un simple trámite ou acto administrativo” o que constitúe “un ataque aos dereitos da
cidadanía, de ter uns servizos sociais dignos e de calidade”, porque as solicitudes poderanas facer as
persoas usuarias ou entidades de carácter lucrativo “provocando a desigualdade no acceso aos
recursos”.
393 días agardando
A plataforma denuncia que, a día de hoxe, unha persoa dependente en Galicia ten que esperar de
media 393 dias, unha semana máis que en decembro de 2024, máis do dobre do que di a lei que fixa
en 180 días o tempo máximo de tramitación. Ademais “hai case 1.700 persoas agardando por un
servizo ou prestación á que teñen dereito recoñecido por lei, case 200 persoas máis que en
decembro de 2024” e no que levamos de ano “faleceron en Galiza máis de 55 persoas agardando
pola dependencia”, que se suman ás máis de 7.000 que faleceron na lista de espera desde 2017.

Xa a finais do ano 2023 se tiñan publicado cambios normativos onde se unificaba nun
procedemento a valoración de dependencia e a aprobación do PIA (Programa Individual de
Atención) e coa que se pretendía reducir os prazos á metade, que naquel momento xa estaban en
máis dun ano. Porén denunciaron que estes prazos “se alongaron e ademais as persoas
dependentes perderon dereitos ao unificar o procedementos”.
A modo de exemplo referíronse a casos de arquivo por falecemento atopándose a valoración feita, e
despois de transcorrido máis de un ano (solicitude de decembro de 2023, valoración en agosto
2024, falecemento en outubro de 2024 e arquivada por falecemento en febreiro do ano 2025);
tempos de agarda de 14 meses en persoas con 98 anos de idade; peticións de actualización de
informes médicos, con ameaza de arquivo de expediente e meses de espera para o cambio de PIA
por empeoramento e ingreso en residencias.
Persoas con discapacidade
A plataforma entende que estas modificacións van traer importantes prexuízos tamén para as
persoas con discapacidade, porque “non se avalía a situación real e individual de cada caso, nin por
exemplo a mobilidade reducida que afecta a moitas persoas maiores”. Por iso denuncia que o que
hai detrás “é a privatización do sistema de xeito encuberto” que se pretende culpar ás profesionais
do atasco nas resolucións, en lugar de asumir a responsabilidade “pola súa incompetencia e mala
xestión”.
Fronte a isto a plataforma reclama máis recursos públicos e menos bonos inxustos; incrementar os
cadros de persoal dos servizos de dependencia e discapacidade, incorporando tamén profesionais
de disciplinas non contempladas agora, cubrindo baixas e vacantes (e non reforzando os servizos
cando se “desmadran” os tempos de agarda). “O persoal non pode asumir a mesma carga de
traballo nun momento en que, cada vez máis, se incrementan as necesidades da poboación en
situación de dependencia”.
Rexeita a utilización dos bonos anunciados pola Xunta do PP, cos que busca silenciar a persoas
usuarias e familias, entendendo que “é unha estratexia para non dar servizos á poboación e que o
diñeiro público remate en mans privadas”, que devolve os coidados ao fogar, “perpetuando o rol de
coidadoras das mulleres”.
Coidados convertidos en negocio de grandes multinacionais
Para a plataforma o PP pretende converter os coidados en negocio das multinacionais. Fronte a iso
defende unha estratexia de servizos sociais, que garantan a calidade dos servizos públicos e exixe ao
goberno de Alfonso Rueda que revogue os cambios realizados na Lei 13/2008 en materia de acceso
ao sistema de dependencia.
Demanda a posta en marcha sen demora dun sistema público galego de atención á dependencia,
que aglutine todos os recursos públicos como residencias, centros de día, SAF; reclamamos a
dotación urxente de persoal para as valoracións de dependencia e discapacidade, e que estas
valoracións se realicen no domicilio da persoa, tal e como estabelece a lei; o aumento de
orzamentos para a atención á dependencia, a dotación adecuada de prazas en centros públicos, e a
creación de cantos recursos públicos sexan necesarios para garantir que as necesidades das galegas
e galegos sexan cubertas.
Canda isto solicita a convocatoria urxente do Consello Galego de Benestar Social, coa
comparecencia da Conselleira de Política Social e Igualdade, e que se repoña o papel consultivo
deste organismo e fai un chamamento ás organizacións políticas para que asuman estas
reivindicacións como propias e poñan en marcha cantas iniciativas consideren para camiñar para a
súa xusta consecución.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta e BNG reclámanlle á Xunta que actúe de maneira urxente na recuperación ambiental da canteira de Miramontes

Os dous grupos do Goberno levarán ao próximo Pleno unha moción conxunta para que a Corporación apoie as reivindicacións da Plataforma de Afectadas pola Canteira de Miramontes e FERUSA tras a sentenza que confirma un delito contra o medio ambiente no complexo da Grixoa

Compostela Aberta non apoiará ningún modelo de xestión da auga que non garanta o control público do servizo 

María Rozas lamenta que a oposición “manteña unha posición prefixada e non contemple ningunha alternativa ao modelo privatizado que despois de máis de 50 anos deixou unhas infraestruturas obsoletas en Santiago e unha preocupante falta de transparencia”. CA defende a fórmula da empresa mixta para avanzar no control público da auga e para garantir que os seus beneficios se reinvistan na mellora do servizo e polo tanto en favor da veciñanza.

Compostela Aberta, BNG, PSOE e as concelleiras non adscritas presentan unha moción conxunta en apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública do 1 de febreiro

Os grupos municipais de Compostela Aberta, BNG e PSOE e as concelleiras Non Adscritas acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes xaneiro, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia para o 1 de febreiro. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.

Compostela Aberta apoia a folga na Atención Primaria

Compostela Aberta manifesta o seu apoio á folga convocada polo persoal da Atención Primaria en Galicia, co obxectivo de protestar contra a precariedade laboral e asistencial que sofre o sistema sanitario galego. Denunciando unha estratexia calculada, por parte do goberno galego, que procura un desmantelamento do servizo público e unha privatización paulatina dun dos que debería ser un dos piares do Estado de benestar galego.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo