• CA expresa a súa solidariedade coa comunidade educativa da escola do Gaioso, no Eixo, que pechará as súas portas no vindeiro curso
  • María Rozas: “Rubén Prol é un concelleiro ausente, e máis cando falamos das unitarias das parroquias ás que leva todo o mandato sen atender”

Compostela Aberta expresou hoxe a súa solidariedade coa comunidade educativa da escola infantil do Gaioso, na parroquia do Eixo, despois de que se anunciara o seu peche no vindeiro curso. A concelleira María Rozas lamentou “a inacción do Goberno local, e máis en concreto do edil de Educación, que ao longo do actual mandato vén demostrando a súa falta de interese por estes centros, tanto no relativo ás competencias municipais no seu mantemento, como no que tén que ver coa interlocución coa Consellería de Educación para garantir a súa supervivencia”.

A día de hoxe, no concello de Santiago existen tres escolas infantís rurais: a Bispo Teodomiro de Marrozos; a de Rial, en Laraño; e a do Gaioso, na parroquia no Eixo. Esta última pechará as súas portas no vindeiro curso, tal e como denunciou a comunidade educativa, sumándose así a outros cinco centros rurais que desapareceron entre 2001 e 2008, sendo tamén alcalde Xosé Sánchez Bugallo. No caso da escoliña de Gaioso, o peche prodúcese porque para o vindeiro curso 2022-2023 terá un neno ou nena menos do número de matrícula esixido pola Consellería de Educación. 

María Rozas lamentou que “diante deste anuncio, o concelleiro de Educación non mova ficha para intentar garantir a supervivencia da escola rural do Gaioso, porque a día de hoxe nin sequera mantivo unha mínima interlocución coa comunidade educativa do centro”. A concelleira de Compostela Aberta urxiu tamén a Rubén Prol a “mediar diante da Xunta de Galicia, para conseguir que a escoliña do Eixo siga aberta pero tamén que se lle dea un marco de estabilidade aos outros dous centros rurais que sobreviven en Santiago, nas parroquias de Marrozos e Laraño”. Rozas sinalou que “se Prol é o concelleiro ausente, éo máis cando falamos destes pequenos centros rurais, aos que non lle presta nin a máis mínima atención”. Nesa liña, lembrou que CA xa reclamou no Pleno algúns arranxos urxentes na escola infantil Bispo Teodomiro de Marrozos, “arranxos que o Concello segue sen acometer nin planificar, o que obriga á comunidade educativa dese centro a un extra de esforzo e imaxinación para manter unhas aulas en condicións dignas para os nenos e nenas”.

A concelleira de Compostela Aberta lembrou que as escolas unitarias da zona rural ofrecen numerosas vantaxes, “como unha menor ratio de alumnado e unha atención máis personalizada, máis espazo ao aire libre, a convivencia de nenos e nenas de distintas idades que favorece o desenvolvemento das crianzas, ou a aplicación de metodoloxías educativas que adoitan ser complicadas en grupos máis amplos”. Para garantir a supervivencia deste modelo, María Rozas defenderá no próximo Pleno unha moción na que insta ao Goberno a realizar as actuacións que sexan necesarias, tamén en colaboración coa Xunta, para conseguir un marco de estabilidade e apoio para as escolas rurais de Santiago.

PODES LER AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA A CONTINUIDADE DAS ESCOLAS UNITARIAS DO RURAL DE SANTIAGO

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies