Compostela Aberta pediulle hoxe ao Goberno local que habilite fórmulas para que o Concello “distribúa máscaras entre o alumnado e Educación Infantil e Primaria do municipio ou poida axudar ás familias na súa adquisición”. A concelleira María Rozas lembrou que “o Concello tén capacidade e ferramentas para contribuír a afrontar este gasto extraordinario co que se atopan as familias nesta atípica volta ao colexio”, e pediulle ao Goberno do PSOE “que se poña do lado das nais e pais, para cubrir o oco que vén de deixar a Xunta, ao opoñerse o PP no Parlamento ao financiamento destes elementos de seguridade tan necesarios e obrigatorios”.
Rozas explicou que existen diferentes fórmulas que serían viables para que o Concello axude ás familias a afrontar o gasto extraordinario que supoñen as máscaras. Unha delas, apuntou a concelleira de CA, sería “que o propio Concello asuma a compra deste material, para distribuílo despois nos centros educativos”. Outra fórmula viable sería a realización dunha convocatoria extraordinaria de bolsas para a adquisición de máscaras, “que podería rexirse polas bases que xa están aprobadas para a convocatoria de bolsas para a compra de material escolar, con algunhas modificacións”. A máis importante, apuntou a concelleira de CA, “sería extender a axuda a todo o alumnado de educación Infantil e Primaria, habida conta de que neste caso a Xunta non vai atender a demanda da comunidade educativa e non vai contribuír ao financiamento dese gasto”. Rozas explicou que “o Goberno vai ter recursos sobrantes da convocatoria de bolsas para comedor escolar, material e actividades extraescolares, publicada o 29 de xuño, porque a situación de pandemia motivou a suspensión da práctica totalidade das actividades extraescolares e, xa que logo, as familias non farán uso deses fondos a curto prazo”. A edila lembrou que “os nenos e nenas teñen que levar cando menos dúas máscaras cada día ás súas aulas, o que supón un gasto duns 40 euros ao mes no caso da utilización das máscaras cirúrxicas, unha cantidade importante para moitas familias, e máis no actual contexto de crise”.
Para a concelleira, “é evidente que o Concello tén capacidade para axudar máis ás familias neste contexto de crise, e se non o fai é porque o Goberno de Bugallo está sendo totalmente pasivo, permanece á espera do que decidan outras administracións e non adopta ningunha medida propia que sexa novidosa”.
Máscaras para o profesorado, e non para o alumnado
María Rozas incidiu en que “é difícilmente explicable que as administracións lles acheguen máscaras ao profesorado, tanto a través da Xunta como a través do Goberno Central, pero non se faga o propio cos alumnos e alumnas”. Nese sentido, lembrou que o pasado 22 de setembro, a Subdelegación do Goberno na Coruña formalizou a entrega ao Concello de Santiago de 25.000 máscaras, que serán destinadas a persoal de centros educativos e a colectivos vulnerables, “pero nada se tén feito para axudar na compra destes elementos ao alumnado”.
A concelleira de CA foi moi crítica tamén co posicionamento que vén de adoptar o PP no Parlamento Galego, onde rexeitou que a Xunta asuma o custo das máscaras para o alumnado. Para María Rozas, “é indecente que os populares busquen escusas para non afrontar estas axudas, cando en plena precampaña electoral a Xunta destinou un millón de euros á compra de máscaras co logotipo institucional, que repartiu gratuítamente entre a poboación sensible”. Por iso, a edila animou ao PSOE de Bugallo “a desmarcarse do que fai o Goberno de Feijóo, para poñerse do lado das familias que verdadeiramente o precisan”.
Renda Infantil
María Rozas explicou que a implementación de axudas para a compra de máscaras “é unha medida urxente e excepcional, que o Goberno pode adoptar ata que cumpra o seu compromiso de aprobar a Renda Básica Infantil”. A concelleira lembrou que o acordo asinado por PSOE e Compostela Aberta en relación aos orzamentos municipais de 2020 sinalaba que “ambas formacións asumen o compromiso político de poner en marcha unha terceira liña de actuación no que respecta aos dereitos saciáis. Así, continuarase cos traballos iniciados na lexislatura 2015 -2019 para impulsar a Renda Básica Infantil, asumindo tamén o compromiso de reforzar o persoal encargado da súa xestión para a efectiva aplicación da mesma. Este reforzó farase con cargo as partidas orzamentarias do programa de gasto 23100 de asistencia social primaria”. A día de hoxe, explicou Rozas, “non nos consta que se teña dado ningún paso para cumprir ese compromiso, e o Goberno tampouco parece ter vontade de explicalo porque segue sen responder á petición que lle formulamos a mediados de agosto para celebrar unha xuntanza para avaliar o cumprimento de acordo sobre os orzamentos”.