Compostela Aberta urxe ao Goberno local a pór en marcha o novo centro cívico da cidade histórica

Martiño Noriega advirte do “nulo interese mostrado polo alcalde para utilizar a Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega para os fins establecidos no convenio coa Universidade de Santiago redactado no anterior mandato”
  • O portavoz municipal de CA cuestiona que o goberno Bugallo “leve ao Pleno os orzamentos que o PSOE rexeitou hai só uns meses, unicamente por interese electoralista”
  • Satisfacción pola boa marcha do proceso de diálogo competitivo para a construción da nova EDAR “criticado no pasado mandato e que agora empeza a poñerse como exemplo”

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno da Corporación unha proposición na que urxe ao Goberno local a adoptar as medidas que sexan precisas para materializar canto antes o acordo coa Universidade de Santiago para regularizar a situación patrimonial da Facultade de Odontoloxía, convenio que contemplaba a cesión ao Concello da Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega para a localización nela do novo centro cívico da cidade histórica. O portavoz do grupo municipal, Martiño Noriega, expresou a súa preocupación “despois de que o alcalde Bugallo dera mostras de non ter ningún interese en materializar este acordo ou, cando menos, de darlle ao inmoble das Casas Reais o destino recollido no texto”.

Martiño Noriega lembrou que o pasado 17 de abril “aprobamos o texto do convenio coa USC que resolvía dúas problemáticas históricas: a regularización da situación da Facultade de Odontoloxía e a necesidade dun centro cívico digno para a cidade histórica”. En virtude do texto do acordo, aprobado pola Xunta de Goberno Local o 17 de abril, o Concello adscribiría a favor da USC, e polo prazo de dez anos, o uso da Facultade de Odontoloxía, “un inmoble de titularidade municipal que vén sendo utilizado en precario pola Universidade nos últimos quince anos por mor dos sucesivos atrasos na construción da nova Facultade de Medicina”.

Para compensar ao Concello por esta demora na desocupación do edificio, a USC adscribiría á administración municipal o uso da Casa de Elisa e Jimena Fernández de la Vega polo prazo de 25 anos. O voceiro de Compostela Aberta lembrou que “o texto do convenio especifica que o edificio de Casas Reais sería destinado a Centro Cívico da Cidade Histórica e ao tempo podería albergar os servizos centrais do departamento municipal de Centros Cívicos, que actualmente se localizan no centro cívico do Ensanche propiedade da Afundación, que xa tén solicitada a súa reversión”

Noriega lembrou que a dotación dun novo centro cívico é “unha das principais demandas da veciñanza da cidade histórica desde hai dúas décadas, porque o inmoble utilizado na actualidade non reúne as condicións mínimas”. Tal e como explicou, “o actual equipo de goberno manifestou de forma informal a súa vontade de darlle outro destino á edificación de Casas Reais, tanto en conversas con membros de Compostela Aberta como co propio tecido asociativo da cidade histórica, que xa está a manter xuntanzas con todos os grupos municipais para abordar esta cuestión”. Martiño Noriega advertiu que “sería un erro desbotar este proxecto e non atender as demandas dos veciños e veciñas, e máis cando se está a falar da necesidade de fixar poboación na améndoa”

Orzamentos municipais

Na rolda de prensa desta mañá, Martiño Noriega tamén foi preguntado pola intención do Goberno local de presentar un proxecto de orzamentos para o seu debate no Pleno da Corporación. O portavoz de Compostela Aberta expresou o seu convencemento de que “cando o alcalde Bugallo fala dunha proposta técnica de orzamentos fala de intentar aprobar as contas que Compostela Aberta presentou no seu momento, e que foron rexeitadas por intereses electorais que o PSOE, o PP e tamén o BNG antepuxeron aos intereses da cidade”. Por ese motivo, engadiu, “convidamos ás forzas políticas que actuaron con irresponsabilidade a finais do ano pasado a que avalíen a situación e adopten a posición que consideren máis oportuna, porque nós non nos sentimos interpelados nese debate”.

Martiño Noriega tamén cuestionou que o actual Goberno lamente as dificultades económicas coas que se está a atopar “porque o PSOE era consciente de que para este ano 2019 íamos ter un orzamento de 112 millóns de euros que co seu voto en contra quedou en 92 millóns, e é evidente que as dificultades que iso supón para a xestión ordinaria do Concello”.

EDAR
Por último, o voceiro de Compostela Aberta expresou hoxe a súa satisfacción tras coñecerse que foron ata dez empresas as que se presentaron ao proceso de diálogo competitivo aberto por Acuaes para a redacción do proxecto da nova EDAR da Silvouta. Martiño Noriega agradeceu novamente á responsable de Acuaes o seu apoio a este procedemento iniciado co Goberno de Compostela Aberta e que “foi moi criticado durante  o pasado mandato pero agora empeza a poñerse como exemplo”.

Segundo se deu a coñecer hoxe, as dez empresas que se presentaron ao proceso de diálogo competitivo visitarán a planta da Silvouta a finais deste mes para empezar a traballar nas súas propostas de solución que permitirán que Santiago teña unha depuradora máis económica e con menor impacto ambiental nos terreos que ocupa a actual EDAR, tal e como defendeu o Goberno de Compostela Aberta durante o pasado mandato.

Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

CA completa unha lista “feminista, apegada aos barrios e o rural, e comprometida co activismo social e a defensa das traballadoras”

María Rozas presenta o segundo tramo da candidatura, que pechan a presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carminha Naveiro; a escritora e académica Marilar Aleixandre; e o exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo