Compostela Aberta viabilizará a modificación do PXOM no ámbito da parcela do vello colexio Peleteiro. Así o anunciaron hoxe a portavoz municipal, Marta Lois, e o concelleiro Jorge Duarte, despois dunha reunión co Goberno. O acordo foi posible despois de que todas as partes asumiran o compromiso de que a nova praza pública prevista no ámbito terá unha abertura de 20 metros cara a República Arxentina.
O grupo municipal confía en poder introducir aínda melloras de cara á aprobación definitiva do documento, “porque queda demostrado que era posible mellorar a proposta inicial da propiedade”
Marta Lois reiterou que “Compostela Aberta sempre tivo vontade de acordo na Operación Peleteiro, e desde o primeiro día adquirimos o compromiso de non bloquear o proxecto por intereses partidistas, porque xa sabemos o que é perder catro anos por cuestións electorais que pouco lle preocupan á veciñanza”. Por iso, insistiu a portavoz municipal, “o noso grupo municipal traballou a carón da Plataforma de Afectadas e dos colectivos sociais e veciñais do Ensanche, cos que había un acordo no pasado mandato baseado na abertura da rúa cara República Arxentina e non cara San Pedro de Mezonzo”. “Esta era ademais a opción que en 2018 valoraron como preferente tanto o BNG como o PP”, engadiu a concelleira.
Unha proposta mellor para todos
A portavoz municipal de Compostela Aberta salientou que “o acontecido con este proxecto demostra que o diálogo é sempre bo para a veciñanza”, e mostrouse esperanzada en que “Bugallo tome nota, e asuma que gobernar desde a soberbia como vén facendo nestes tres anos provoca conflitos e decisións que pode ser pouco acaídas para o conxunto da cidadanía”.
Nesa liña, o concelleiro Jorge Duarte sinalou que “despois da reunión de hoxe sabemos que a modificación do PXOM en Peleteiro será moito mellor para a veciñanza do Ensanche, e polo tanto, para o conxunto da cidade”. O edil explicou que o compromiso é que a praza pública abrirá 20 metros cara a República Arxentina, “e hai que recordar que na proposta inicial do alcalde, esa abertura era inexistente, a nosa presión fixo que o Goberno e a propiedade presentaran despois propostas con aberturas de 12 metros primeiro e de 17 metros despois”. “Demostramos”, destacou Duarte, “que era posible mellorar o proxecto, en contra do que aseguraba Bugallo ao comezo deste proceso”.
Duarte sinalou que “hoxe podemos anunciar que viabilizaremos a aprobación inicial da modificación do PXOM, ainda que seguiremos traballando nas próximas semanas para asegurar a mellor proposta posible, que satisfaga a todas as partes, e que garanta unha solución de futuro e coa máxima seguridade xurídica”. Nese sentido, lembrou que “estamos diante dunha aprobación inicial, e estamos convencidos de que ainda se poden introducir melloras, nas que tamén se teñan en conta posibles alegacións da veciñanza”.