- A portavoz municipal pídelle ao Goberno “axilidade para que a aprobación dos orzamentos e que non demore máis alá de xaneiro, como se comprometera o alcalde”
Compostela Aberta viabilizará a aprobación dos orzamentos municipais de 2022, despois de que a concelleira de Facenda confirmara a inclusión no documento de boa parte das propostas do grupo municipal. A portavoz municipal de CA, Marta Lois, agradeceu “o talante demostrado por Marta Abal, que demostrou ter a vontade de acordo que faltou no proceso de aprobación das contas de 2021, e que nas últimas semanas fixo un notable esforzo para incorporar as nosas achegas, as mesmas que foran rexeitadas o ano pasado”. Lois urxiu ao Goberno “a facer todos os esforzos para que a aprobación dos presupostos non se demore e para que se cumpran os prazos dados polo propio alcalde”.
A portavoz municipal de Compostela Aberta explicou que nos últimos días “as conversas entre o noso grupo municipal e o Goberno, representado polo voceiro do PSOE e a concelleira de Facenda, avanzaron de forma satisfactoria, grazas á boa disposición das dúas partes”. Marta Lois incidiu en que “nós afrontamos este proceso coa mesma vontade que tiñamos no ano anterior, e de feito as propostas que achegamos na primeira reunión, a mediados de novembro, foron as mesmas que quixemos incorporar en 2021, daquela con nula receptividade”. A concelleira mostrou o seu desexo de que “os orzamentos sexan levados a Pleno canto antes, porque iso é o que Santiago precisa e é o que vimos demandando desde hai semanas”. “Xa non hai escusas, e pedímoslle ao alcalde que non incumpra a súa palabra dúas veces, porque semella que non haberá Pleno de orzamentos o próximo día 15 e confiamos en que non se incumpra a segunda data de finais de xaneiro”, concluiu a portavoz de CA.
Recuperación dos Orzamentos Participativos e Bonos Corazón de San Pedro
Marta Lois explicou que o Goberno incorporará aos Orzamentos de 2021 “algunhas das cuestións que para Compostela Aberta son fundamentais, e que teñen que ver coas políticas sociais, a participación, e unha maneira de entender as obras que se afasta dos grandes investimentos pensados para os turistas e que tén en conta as demandas reais da veciñanza”. Así, a portavoz de CA salientou que Marta Abal comprometeuse a incorporar nas contas deste ano “unha partida, aínda pendente de concretar, para que o Goberno retome o proxecto de Orzamentos Participativos, que impulsamos desde Compostela Aberta no pasado mandato, e que o PSOE de Santiago non parecía ata agora disposto a recuperar, ao contrario do que viña acontecendo noutras cidades como A Coruña”. Para Lois, “a inclusión desta proposta é para nós unha boa mostra da vontade da concelleira de Facenda de chegar a acordos co noso grupo, porque é sabido que os Orzamentos Participativos non eran un instrumento que gozara da simpatía do grupo de goberno, e en particular do alcalde, que seguramente mudará de opinión unha vez comprobe o seu funcionamento no que queda de mandato”.
Outra das cuestións que salientou Marta Lois foi a incorporación nos orzamentos dunha partida para poñer en marcha un programa de “Bonos Corazón” específicos para o barrio de San Pedro. A portavoz de CA lembrou que “esta foi unha demanda que o noso grupo levou xa a Pleno, que agora vai poder saír adiante, e que permitirá compensar ao tecido comercial do barrio de San Pedro, tan duramente golpeado polas consecuencias dunhas obras mal planificadas e mal executadas, tanto por parte do Concello como da Xunta”.
En materia social, a concelleira de Compostela Aberta explicou que o Goberno incluirá nos orzamentos do 2022 unha partida para poñer en marcha un programa piloto para desenvolver un Plan Municipal de Canguraxe, que facilite a conciliación e os coidados. Esta iniciativa, lembrou Lois, tamén fora descartada o ano pasado, e tamén fora defendida no Pleno da Corporación polo grupo municipal de CA. Na mesma liña, o Goberno comprometeu a inclusión nos orzamentos dun Plan de Xuventude.
En canto aos investimentos, a concelleira de Facenda comprometeu a inclusión nos orzamentos do plan de obras en centros escolares de Infantil e Primaria que Compostela Aberta demandara tanto no Pleno da Corporación como na lista de propostas para as contas de 2021, e que inclúe actuacións en numerosos colexios de Santiago. Ademais, Marta Abal asumiu a incorporación dunha partida, probablemente vinculada a remanentes, para executar a parte da Vía Verde que discorre polo termo municipal de Santiago, e que é o único tramo desta infraestrutura pendente de iniciarse.