Concentración do persoal do autobús do aeroporto diante do Pazo de Raxoi, en novembro de 2021

  • Jorge Duarte lembra que “o Goberno está a ignorar os acordos plenarios que o urxían a mediar no conflito e as sentenzas xudiciais que obrigan á subrogación dos traballadores”

 Compostela Aberta preguntará novamente no Pleno polas medidas que ten adoptado o Goberno local para solucionar a situación dos traballadores da liña de autobús ao aeroporto, pasado máis dun ano desde que foron apartados dos seus postos cando a empresa Freire deixou de prestar o servizo para ser asumido pola concesionaria do transporte urbano. O concelleiro Jorge Duarte lembrou que “existen varias sentenzas que sinalan que o persoal debería ser subrogado pola UTE Trapsa-Tralusa, pero nin esa subrogación se produciu nin o Goberno de Bugallo está mediando no conflito, tal e como fora mandatado polo Pleno en varias ocasións no último ano”.

Jorge Duarte incidiu en que o Goberno “tén cada vez menos escusas para non mediar no conflito dos traballadores da liña de bus ao aeroporto”,  sobre todo tras a recente sentenza que desestimou o recurso interposto pola anterior concesionaria do servizo, a empresa Freire, contra o acordo da Xunta de Goberno que ordenaba que a liña fora atendida pola concesionaria do transporte público, a UTE Trapsa-Aulusa. Ese fallo xudicial, sinalou o concelleiro de Compostela Aberta, “dálle aínda máis garantías ao Concello para poder actuar co persoal que vén reclamando os seus dereitos desde hai máis dun ano, sen que o Goberno de Bugallo queira escoitalos”. Duarte incidiu en que “non se entende que a UTE Trapsa-Aulusa estea contratando traballadores para cubrir a liña 6 ao aeroporto, e que eses traballadores non sexan os que xa atendían o servizo coa empresa Freire, malia as sentenzas que sinalan que deben ser subrogados”.

Sentenzas xudiciais e acordos plenarios incumpridos

Nos últimos meses, os traballadores recorreron á xustiza, e os tribunais déronlles a razón en ata sete sentenzas de primeira instancia que consideraron improcedente os seus  despidos, sinalando que deberían ser subrogados coa nova prestataria do servizo. No canto de asumir eses fallos, a UTE Trapsa-Tralusa optou polo pago de indemnizacións, nunha decisión que tamén foi recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Para Jorge Duarte, “é grave que o Goberno ignore a existencia destas sentenzas, como tamén é grave que non cumpra cos acordos plenarios que o instaban a mediar no conflito dos traballadores do bus ao aeroporto”. Nese sentido,. lembrou que Compostela Aberta presentou cadansúa moción ao Pleno en xaneiro e en xuño de 2021, instando ao Goberno a adoptar medidas para garantir a subrogación do persoal e a exercer un papel de mediación entre a empresa Freire, a UTE Trapsa-Tralusa e o persoal, “que leva máis dun ano completamente abandonado polo Concello de Santiago”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A SITUACIÓN DOS TRABALLADORES DA LIÑA 6 AO AEROPORTO

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies