A portavoz municipal de Compostela Aberta volveu mostrar hoxe as súas dúbidas sobre a actuación do Concello en relación ás obras de construción da nova gasolineira de Brandía, “que cada día conta cunha maior oposición veciñal”. Marta Lois urxe ao Goberno a explicar se a empresa promotora solicitou licenza para a ocupación da vía pública con elementos auxiliares da obra desde o comezo dos traballos, se pagou as taxas correspondentes, e se se tén iniciado algún expediente sancionador por infraccións relacionadas con esta cuestión.
Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha pregunta que recolle as dúbidas do grupo municipal ao respecto da construción da gasolineira, nunha parcela de uso comercial situada xusto á entrada da urbanización de Brandía. En concreto, Marta Lois pide que se aclare se empresa promotora solicitou, e cando, licenza para a ocupación da vía pública con elementos auxiliares de obra, e se o Concello requiriu a retirada dos elementos que non tivesen autorización. A portavoz municipal de CA tamén reclama explicacións sobre se o Concello iniciou algún procedemento sancionador en relación á ocupación da vía pública nesta actuación, e se lle reclamou á empresa o pagamento das taxas correspondentes. Tal e como explicou Marta Lois, “son dúbidas que nos fai chegar a propia veciñanza de Brandía, porque tén sospeitas máis que fundadas de que nin a empresa nin o Concello actuaron coa dilixencia requirida”.
Marta Lois lembrou que a gasolineira de Brandía “naceu rodeada de polémica, porque o Concello concedeu a licenza en novembro de 2021 malia a forte oposición da veciñanza e de empresas próximas, que teñen presentados diferentes recursos xudiciais contra esta actuación”. A portavoz municipal de Compostela Aberta sinalou que “o Goberno obviou aos veciños, e obviou tamén o acordo adoptado meses antes polo Pleno, para declarar o non amparo da Corporación á instalación da gasolineira e para instar ao Goberno a modificar o PXOM neste ámbito para impedir a localización da estación de servizo ao carón das vivendas”. Agora, salientou Lois, “a empresa promotora parece actuar tamén con impunidade, e cónstanos que desde o comezo das obras instaláronse valados metálicos ocupando as beirarrúas, e tamén se invadiu a calzada con camións de grande porte e guindastres durante xornadas completas, nun modus operandi que non fai máis que incrementar o malestar da veciñanza”.