Porque a Compostela que queremos máis é unha Compostela Verde, acondicionamos os roteiros do Sar e do Sarela e a contorna das Brañas, recuperamos o espazo da Lagoa de Cornes e iniciamos a reforestación con especies autóctonas de dous miradoiros naturais do Concello, o do Monte Viso e o de Pedra Castro.
Tamén recuperamos un espazo esencial da nosa memoria como é a mítica carballeira onde se celebrou o Banquete de Conxo en 1856.
Gran parte da recuperación deste pulmón verde de Compostela fíxose grazas a obradoiros de emprego que formaron e deron oportunidades laborais a colectivos desempregados e en risco de exclusión.
Queremos unha Compostela verde que sexa VIVIDA. Por iso triplicamos as hortas urbanas a dispor da veciñanza. Nas Brañas do Sar, na Almáciga, en Caramoñina, en Santa Marta e, por fin, despois de anos e anos de promesas, conseguimos que o CAMPO DAS HORTAS recupere de novo o seu significado.
E porque queremos coidar do futuro pensando no presente, introducimos prácticas máis sustentables, apostando pola compostaxe en barrios e parroquias. Un adianto do novo modelo de xestión de lixo que está por vir, máis ecolóxico e eficiente.
Porque non chega con que Santiago sexa unha das cidades con máis metros cadrados de zona verde por habitante, queremos unha Compostela na que cada recuncho se respecte e desfrute por toda a veciñanza.
Esa é a Compostela que respira futuro.