Ante as informacións publicadas no día de hoxe ao respecto da sentenza que obriga ao Concello a indemnizar a Doal pola incorrecta adxudicación do contrato da xestión da ORA e do guindastre no ano 2012, Compostela Aberta quere aclarar os seguintes aspectos:

1.-A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que avala o fallo inicial do Xulgado do Contencioso número 2 de Santiago refírese a unha adxudicación incorrecta no ano 2012. De feito, do importe total da indemnización (620.000 euros), 576.000 corresponden ao “lucro cesante”, isto é, ao 6% do importe do contrato que lle foi adxudicado de maneira irregular a Setex Aparqui. Polo tanto, esa indemnización nada ten que ver coa municipalización da ORA.

2.-Ao respecto da incorrecta adxudicación do contrato da ORA e do guindastre en 2012 chaman a atención os seguintes feitos:

  • O 15 de novembro de 2011, a empresa Doal presentou no rexistro do Concello un informe no que solicitaba que se inadmitira ou excluíra a oferta presentada por Setex-Aparki  por incumprir o prego de prescricións técnicas do concurso no relativo ás características da parcela ofertada con destino a depósito de vehículos. Nese informe, a empresa adxuntaba documentación que avalaba a súa advertencia, como escritos notariais, informes urbanísticos e planimetría da parcela. (PODES VELO AQUÍ)
  • O 16 de novembro de 2011 celébrase a quinta das seis mesas de contratación no proceso de licitación da ORA e do guindastre, coa participación do director da asesoría xurídica municipal, a interventora, o inspector técnico de servizos municipais, o xefe de sección de contratación, e dos representantes dos grupos políticos municipais (Albino Vázquez Aldrey e Juan de la Fuente, polo PP; Bernardino Rama polo PSOE e Rubén Cela polo BNG). Tal e como consta na acta, na mesa de contratación debatiuse o escrito de alegacións presentado por DOAL en relación, entre outras cuestións, ao incumprimento do prego técnico por parte de Setex.  Nesa mesa acordouse que “os requisitos sobre as parcelas a destinar a lugar de depósito de vehículos deberán cumprirse polo adxudicatario do contrato, non polos licitadores, polo que todas as cuestións a elas relativas deberán verificarse no momento da adxudicación e antes da sinatura do contrato”.  (PODES VELO AQUÍ)
  • O 22 de decembro de 2011 celébrase a sexta e última mesa de contratación no proceso de adxudicación da ORA e o guindastre, cos mesmos participantes que a mesa anterior. Nela acórdase adxudicarlle o contrato a Setex, e non consta na acta ningunha advertencia sobre o incumprimento do prego de condicións do que todos os integrantes da mesa de contratación tiñan xa coñecemento. (PODES VELO AQUÍ) En outubro de 2015, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou unha sentenza que deixaba sen efecto a concesión a Setex Aparki da xestión da ORA e do guindastre, precisamente porque as dimensións da parcela non cumprían o prego de condicións da licitación, tal e como Doal advertira nun escrito analizado nas mesas de contratación.

 

3.-Tras a sentenza do TSXG que anulaba a concesión da ORA a Setex Aparki, o Goberno de Compostela Aberta solicitou un informe xurídico ao entón secretario do Concello sobre os pasos a seguir. Nese informe sinalábase que “O Concello poderá requerir a actual empresa prestataria para que continúe por un breve período, imprescindible para que mentrestanto se adopten as medidas que motivadas garantan a continuidade da prestación dos servizos confirme ao interese público. O Concello acordará sobre a forma de xestión máis oportuna, unha nova contratación cos criterios de oportunidade que o aconsellen, xestión directa, supresión de todo ou parte do servizo…” (PODES VELO AQUÍ) Foi a partir dese informe xurídico cando o Goberno optou por emprender a vía da municipalización do servizo, tramitación que foi suspendida tras a sentenza xudicial que no ano 2017 lle recoñecía a Doal o dereito a prestar o servizo. Tras convocar novamente as mesas de contratación foi a empresa do grupo Vendex a que rexeitou asumir o contrato, recoñecendo que a súa pretensión pasaba por cobrar as indemnización.

4.-A día de hoxe, o único procedemento xudicial aberto contra o proceso de municipalización é o impulsado polo avogado Carlos Abal (asesor xurídico do Concello de Teo no goberno de Armando Blanco, imputado pola ampliación irregular do contrato da auga neste municipio). Tanto o Goberno do Estado como a empresa Setex Aparki desistiron nos seus recursos contra o proceso de municipalización.

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies