Compostela Aberta, como espazo feminista e de esquerdas, mantén un firme compromiso cos dereitos das mulleres, que esiximos vivir dignamente e sen medos, en liberdade e en igualdade. Porque a igualdade real de xénero é o maior desafío actual en materia de dereitos humanos, e porque seguen presentes as ameazas dos que queren revertir as conquistas da loita feminista.
A violencia de xénero séguese mostrando como a expresión máis clara da desigualdade e a subordinación, e preocupa especialmente o aumento de casos xa desde a adolescencia. En 2023, 58 mulleres foron asasinadas no Estado, vítimas da violencia machista, e no que levamos de ano xa son 4 as mulleres mortas a mans das súas parellas ou exparellas.
Pero a desigualdade segue tendo outras moitas caras. No 8M urxe lembrar que a discriminación das mulleres continúa en eidos como o laboral, faise evidente tanto na fenda salarial como nas condicións de traballo, e agrávase en colectivos como o das mulleres migrantes ou as mulleres transexuais. E que segue habendo mulleres, e nenas, vítimas de trata e explotación sexual.
Urxe denunciar que vivimos nunha sociedade que segue articulada desde unha orde patriarcal, e iso tradúcese en prexuízos para as mulleres en todos os aspectos das nosas vidas: a feminización da pobreza, a hipersexualización dos nosos corpos, o androcentrismo médico, a obriga de asumir todas as tarefas dos coidados, a invisibilización das mulleres, e máis das migrantes, racializadas e mulleres trans; as dificultades para ocupar o espazo público…
Neste 8 de marzo lembramos ademais, especialmente, ás mulleres que nin sequera poden berrar polos seus dereitos, e que son dobremente vítimas en conflitos armados como o de Gaza ou Ucraína.
Fica moito por facer no camiño cara a igualdade, e a única ferramenta para facelo é máis feminismo. Cada día en todos os espazos. O 8 de marzo nas rúas.
