Concha Fernández: “Asumimos o desafío de construír unha Compostela máis social, saudable e sustentable”

Como resumirías esta primeira parte de mandato?
Como un desafío. No momento no que decidimos colocar ás persoas no centro das políticas enfrontámonos a un cambio de enfoque. Somos os poderes públicos os que temos a obriga e a responsabilidade de garantir os dereitos para toda a cidadanía.

Cando abordamos o social non podemos falar de gasto, senón de investimento, tanto para o futuro como para conseguir que os santiagueses e santiaguesas poidan vivir mellor.


E iso supón recursos económicos…
Pois si. Por iso o que fixemos foi duplicar o investimento social e o noso gran desafío foi mudar  a organización e dotar de persoal (dentro das posibilidades) ao departamento. Conseguimos duplicar as educadoras sociais e sumar catro novas traballadoras sociais, incorporando tamén outros profesionais como psicólogos/as.

Agora estamos coa incorporación das novas tecnoloxías á administración para dar unha resposta máis áxil e coordinada ás necesidades das persoas.


Que é do que estás máis orgullosa?

Estou satisfeita coa Ordenanza de Garantía Básica Cidadá porque parte dese enfoque de dereitos que defendemos. Non temos competencias en rendas pero cremos que hai que garantir un mínimo vital básico para todas as persoas que inclúa manutención, vivendas e un mínimo de recursos. Con esta renda, chegaremos a cidadás e cidadáns aos que non chegan as administracións que realmente teñen competencias sobre isto


A que obxectivo responden as bolsas de comedor que estades a impulsar?
Son un piar das políticas. No programa de bolsas de comedor, conciliación e material escolar superamos o medio millón de euros, aínda que non se trata dunha cuestión de diñeiro.

Trata da loita contra a pobreza e a desigualdade, de promover a igualdade de oportunidades entre os nenos e nenas. As bolsas responden á necesidade de tentar romper o círculo da pobreza apostando polo dereito á educación e a actividades de ocio e deporte e tamén e garantir o equipamento básico nun ámbito normalizado como o escolar.


Que políticas estades a impulsar para as persoas adultas en risco de exclusión?
Ademais da renda xa comentada, puxemos en marcha un Programa Municipal de Apoio á Inclusión Social, ao que se acolleron arredor de 300 persoas este ano. Trátase de favorecer unha segunda oportunidade para moitos e moitas de cara a que poidan acadar competencias clave previas e necesarias á súa incorporación sociolaboral.


 

 

Unha das patacas quentes deste Goberno é a da atención ás persoas sen fogar. Fíxose todo o que estaba nas mans do goberno local para atallar este problema?

Ningunha cidade do mundo conseguiu acabar co senfogarismo e, lamentablemente, tampouco seremos nós os primeiros en facelo. Dito isto, puxemos en marcha en 2015 un Plan de Atención ás Persoas sen Fogar, para aqueles e aquelas que se atopen en situación de máxima vulnerabilidade.

Estamos traballando nunha liña metodolóxica participativa e que busca a coordinación con mesas de traballo e técnicas. Facilitámoslle o acceso a pensións e o acceso a vivenda seguindo o modelo “housing first” e ademais poñemos o foco en que o problema é precisamente de vivenda. Levamos tempo esixindo a outras administracións, con competencias en saúde e en vivenda, que asuman as súas responsabilidades e que poñan en marcha unha oferta pública suficiente e específica neste ámbito.


Na xornada de
senfogarismo falouse de construír un Centro de Atención Integral. En que fase está ese proxecto?
Incorporamos na EDUSI para os vindeiros 5 anos a dotación para levalo a cabo. Trataríase do primeiro equipamento público da nosa cidade, que se lideraría e coordinaría cos existentes que xestionan entidades sociais.

Durante este ano xa definimos de forma participada que tipo de centro queremos e achegamos a visión doutros centros que funcionan no Estado e Europa.


Este centro ía nas emendas de en Marea aos orzamentos da Xunta de Galicia…

Por iso falaba da corresponsabilidade das administracións. As competencias nos servizos especializados non as teñen os concellos, senón a Xunta.

O do senfogarismo é un problema global que parte da Lei de Arrendamentos Urbanos e da inexistencia de oferta de vivend pública suficiente a axeitada as diferentes necesidades, paralizada en Compostela desde 2009. Ambas as normativas expulsan á xente das vivendas e nós non temos forma de cubrir ese aspecto.


Que lle piden desde o Concello á Xunta de Galicia?

Pedímoslle que asuma as súas responsabilidades e coordine a atención ás persoas sen fogar.

Tamén lle esiximos un parque de vivenda pública para as persoas sen fogar seguindo o modelo “housing first”, como nós fixemos desde o ano 2016, poñendo a disposición tres vivendas públicas. Estamos preparando outros tres pisos para que entren en funcionamento no vindeiro ano 2018.


Outro dos temas complexos deste mandato veu dado pola situación do Servizo 
de Axuda no Fogar. Despois do novo contrato conseguirase acabar coa listaxe de espera?

 

É outra das nosas liñas estratéxicas de traballo. Demos un paso importante, non só adheríndonos á Rede de Persoas Amigables cos Maiores, senón que tamén melloramos o servizo existente. Herdamos un contrato cun límite económico de 914.000 euros anuais que permitía atender un número de horas determinadas.

Que aconteceu? Que meses antes das eleccións autonómicas nos asignan moitas máis horas de atención co mesmo contrato. O que fixemos foi incrementar o contrato o máximo que nos permitía a lei e duplicar o orzamento para o novo contrato, que agora ascende a catro millóns de euros.

Así podemos atender o número de horas tan elevado e tamén podemos flexibilizar ata o 40% o número de horas que se atenden e isto non comprometería o teito de gasto do propio contrato.


Despois destes dous anos, cal era para ti a situación das Políticas Sociais en 2015 e como é agora?

Atopamos as Políticas Sociais, como moitos outros ámbitos no Concello, en réxime de abandono.

En catro anos do Partido Popular pasaron cinco concelleiras que delegaron toda a resonsabilidade nas entidades sociais. Atopámonos tamén unha ordenanza, o Santiago Suma, que foi de imposible tramitación por estar amparada baixo a Lei de Subvencións.

Agora estamos mudando o enfoque e dotándonos de recursos humanos e tecnolóxicos para mellorar a organización e asumir o desafío deste século de construír comunidades máis sociais, saudables e sustentables.


Cales son os desafíos dunha área tan sensible como ésta de cara ao ano que vén?
Como veño de dicir, a liña está en incorporar o S de Social, Solidaria e Sustentable a todas as políticas. Consolidaremos as bolsas de comedor, a Ordenanza de Garantía Básica, o Programa de Apoio á Inclusión con novos itinerarios e os programas socioeducativos como o de acceso a piscinas no verán ou actividades de ocio, entre outros. Temos tamén o obxectivo de atender ás persoas fóra dos horarios estritamente administrativos.


Consolidarase tamén a novidosa partida de axudas á cooperación e ao desenvolvemento?
Non só queremos consolidala, senón tamén incrementar o seu orzamento. Nunca se explorara esta vía no Concello, que procura un modelo de desenvolvemento económico igualitario e redistributivo en relación aospaíses en vías de desenvolvemento. Cando chegamos entendemos que debiamos asumir un compromiso de apoio á cooperación internacional.

Por iso puxemos en marcha non só a campaña “Compostela máis Solidaria”, senón tamén a primeira convocatoria de axudas á cooperación. Agardamos -para o orzamento de 2018- incrementar a partida de 90.000 a 120.000 euros, así como a contía máxima dos proxectos.

Somos capital de Galicia e temos que dar exemplo e xerar conciencia sobre as desigualdades coas que nos atopamos. As causas e as caras da desigualdade son as mesmas aquí e nos países empobrecidos.

Novas
relacionadas

CA apoia ás traballadoras do SAF e reclama a mediación do Goberno “diante dos abusos da empresa Servisar”

María Rozas e Marta Lois reuníronse coas traballadoras, ás que a concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar vén de comunicarlles modificacións nas condicións laborais que lles van causar graves prexuízos

Jorge Duarte: “Hai consenso político e técnico sobre cal é o mellor proxecto para Castrón Douro, e só Bugallo leva a contraria”

Na comisión asesora de hoxe, quedou sobre a mesa a modificación do proxecto da II fase de Castrón Douro por falta de apoios, e Compostela Aberta demandará no Pleno que se manteña o acordado no pasado mandato coa veciñanza

CA apoia ás traballadoras do SAF: “O Goberno de Bugallo leva meses mirando para outro lado”

Marta Lois lamenta que as empregadas do Servizo de Axuda no Fogar vaian á folga “diante da pasividade dun Goberno que non exerce o labor de control dun servizo que é de titularidade municipal”

Marta Lois: “O Goberno de Bugallo non pode seguir mirando para outro lado ante os incumprimentos coas traballadoras do SAF”

A empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar segue sen actualizar os salarios das empregadas, e non lle deu cumprimento aos acordos relacionados con melloras organizativas

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo