- O peche das biblioteca chegou xa á Comisión Municipal de Queixas e Suxestións, que tamén recibiu reclamacións pola falta de uxier no centro de Vite
Compostela Aberta rexistrou unha pregunta para que o Goberno local explique no Pleno o peche das salas de lectura dos Centros Cívicos de Santiago. O grupo municipal levará este asunto á sesión ordinaria do mércores, ante as numerosas queixas recibidas por parte da veciñanza, queixas que tamén chegaron á Comisión Municipal de Suxestións e Reclamacións.
Compostela Aberta xa presentara en outubro unha pregunta sobre o peche ao público das aulas de lectura dos centros cívicos Aurelio Aguirre de Conxo, Agustín Bueno do Castiñeiriño, e José Saramago de Vite. Na resposta do Goberno, por escrito e sen sinatura recoñecible, recoñecíase que tan só as aulas de lectura dos centros de Santa Marta e das Fontiñas están funcionando no seu horario habitual; e apuntábase que nos outros centros “fixéronse certos reaxustes de horarios nas aulas de lectura, coa idea de axustarse ao montante horario das horas dispoñibles no contrato con Ferrovial”.
Máis dun mes despois das primeiras queixas veciñais, a situación parece non terse solucionado nas aulas de lectura e, a maiores, estánse a recibir reclamacións en relación aos horarios dos Centros Cívicos. Así, na Comisión de Queixas e Suxestións celebrada a semana pasada puideron analizarse escritos de veciños e veciñas que expresaban o seu malestar polo peche das aulas de lectura, “un servizo plenamente integrado no centro sociocultural para o que apenas se precisa persoal, “unha biblioteca de proximidade de moita axuda para veciños con fillos estudando que precisan constantemente libros de consulta ou lectura”, como se pode ler nalgunhas das queixas.
Ademais, nas últimas semanas Compostela Aberta está a recibir queixas pola falta de uxier no Centro José Saramago de Vite, unha situación que tamén chegou á Comisión de Queixas e Suxestións a través dun escrito da veciñanza no que se denuncia que son as propias persoas usuarias as que teñen que facerse cargo da chave do local para poder realizar as súas actividades.
Así as cousas, Compostela Aberta preguntará no Pleno do próximo mércores polas medidas organizativas que ten adoptado o Goberno para paliar a situación e ampliar e completar os horarios das aulas de lectura dos Centros Cívicos. O grupo municipal quere coñecer tamén as previsións da concellería para a apertura deste servizo nos seus horarios habituais, que foran anunciados polo edil Javier Fernández para este último trimestre do ano e que non se chegaron a cumprir ata o de agora.
PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA FORMULADA POR CA SOBRE OS HORARIOS DOS CENTROS CÍVICOS E O PECHE DAS AULAS DE LECTURA