O deputado provincial Manuel Dios, participou hoxe no pleno da Deputación Provincial da Coruña onde se adoptou unha declaración institucional para a retirada de honras e distincións a persoas vencelladas ao levantamento militar de 1936 e ao franquismo.
Así pois, dáse continuidade á Declaración Institucional que adoptou o Pleno da Coruña o 29 de xullo de 2016 sobre a retirada dos títulos honoríficos e distincións concedidas pola propia Deputación a Francisco Franco e dáse cumprimento á Lei de Memoria Histórica do 2007. O pleno da Deputación da Coruña declara a vontade de revocar todas as honras e distincións concedidas pola Deputación a persoas vencelladas con feitos e prácticas represivas realizadas durante o golpe de Estado de xullo de 1936 e a ditadura franquista, así como a retirada de simboloxía propia deste réxime antidemocrático nos edificios pertencentes á institución provincial.
Cofinanciamento do Centro Cívico do Ensanche
Neste mesmo pleno aprobouse o convenio de colaboración entre a Deputación Provincial da Coruña e Concello de Santiago de Compostela polo que se instrumenta unha subvención nominativa para cofinanciar o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche durante o ano 2018. O CSC do Ensanche é un centro fundamental para a dinamización da vida social e cultural do barrio compostelán que presta diferentes servizos como: punto de recepción e información, aula de novas tecnoloxías, espazo de lectura e encontro, zona wifi, rexistro auxiliar, departamento de servizos sociais, departamento de xuventude, dirección e xestión da rede de centros socioculturais, biblioteca infantil e xuvenil e zona expositiva.
Vía Verde Santiago-Cerceda
No turno de preguntas o deputado Manuel Dios dirixiuse á Presidencia da Deputación para preguntar sobre a execución da Vía Verde entre Santiago e Cerceda.
Esta Vía que descorre polo antigo trazado ferroviario Santiago de Compostela – A Coruña, pasa polos concellos de Santiago de Compostela, Oroso, Ordes, Tordoia y Cerceda e recupera para uso ciclista e peonil 37 quilómetros. En Santiago son case 11km. A resposta dada polo deputado Antón Leira é que acaba de sumarse a este proxecto “Camiños Naturais” do Ministerio de Agricultura, polo que haberá unha pequena modificación do proxecto.