- O alcalde e a concelleira de Facenda definiron as propostas nunha reunión mantida hoxe cos deputados Antón Sánchez e Luca Chao
- En Marea reclamará un aumento nas partidas da capitalidade, a intermodal e a variante de Aradas, e a recuperación de vellos proxectos como a ampliación do Conservatorio de Música
- O grupo parlamentario pediralle ao goberno galego que asuma as súas competencias e inclúa nas contas un centro de atención para persoas sen fogar
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Facenda, María Rozas, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo cos deputados de En Marea Antón Sánchez e Luca Chao para definir as emendas aos orzamentos autonómicos de 2017 que vai presentar o grupo parlamentario e que lle afectan á capital galega. O Goberno de Compostela Aberta e os representantes de En Marea coinciden en que “aínda que Alberto Núñez Feijóo estea a vender uns orzamentos expansivos, esa non é a realidade, e menos cando falamos das partidas destinadas a Santiago”.
Partidas escasas
A concelleira de Facenda explicou cales serán as principais emendas ás contas autonómicas que vai presentar En Marea en relación a Santiago. Entre elas, María Rozas salientou unha proposta para que se incremente a partida que recibe Compostela en virtude do Estatuto de Capitalidade, e que quedou conxelada en 2,3 millóns de euros desde 2015. A emenda que vai presentar En Marea reclama que esa cifra sexa incrementada ata os 3.180.000 euros “a cantidade que se incluíu nos orzamentos da Xunta no primeiro ano de mandato de Alberto Núñez Feijóo, e que segue estando moi lonxe dos 5,5 millóns de euros que lle custa a Santiago ser a capital de Galicia, segundo estudos da USC”.
En materia de infraestruturas, En Marea acordou co goberno de Compostela Aberta reclamar que se revisen as anualizacións tanto da intermodal como da variante de Aradas. No primeiro caso, os orzamentos da Xunta para 2017 contemplan unha partida de 500.000 euros, “e a este ritmo non será ata despois de 2020 cando vexamos rematada a nova estación de autobuses, que custará máis de dez millóns de euros”. Por iso, reclámase que a partida suba ata o millón de euros. No que ten que ver coa variante de Aradas, da que se empezou a falar en 2003, María Rozas explicou que “é insuficiente destinar o ano que vén algo máis de 600.000 euros para unha estrada que está orzada en máis de seis millóns de euros, e que acaba de ser licitada”. En Marea tamén reclamará que en 2017 se destine un millón de euros á variante de Aradas.
Proxectos ausentes
En Marea vai aproveitar as emendas aos orzamentos autonómicos para reclamar que se recuperen proxectos desaparecidos das contas da Xunta. Entre eles, a concelleira de Facenda citou a nova Escola Oficial de Idiomas “que está deseñada para 1.200 alumnos e ten máis de 5.000 solicitudes de matrícula”. A proposta do grupo parlamentario de En Marea será que se inclúa unha partida de 200.000 euros para este centro, a mesma que xa se contemplara en 2012, pero que desapareceu das contas. En Marea tamén reclamará que se recupere o proxecto de ampliación do Conservatorio de Música de Santiago, “que ten capacidade para 300 alumnos pero que acolle desde hai máis dunha década a medio milleiro e aínda así ten enormes listas de agarda”. Por último, pedirase que os presupostos contemplen a construción de vivendas de protección oficial na cidade “despois de máis dunha década sen investimentos neste sentido”.
Centro para persoas sen fogar
Outra das peticións que o goberno de Compostela Aberta lle fixo aos deputados de En Marea é que presenten unha emenda reclamando que a Xunta incorpore nos seus orzamentos de 2017 o Centro de atención 24 horas para persoas sen fogar. A concelleira de Facenda lembrou que “esta é unha competencia autonómica, tal e como teñen acreditado mesmo fallos xudiciais”. María Rozas lembrou que o Concello xa deu pasos para mellorar a situación destas persoas “asumindo unha responsabilidade que non é súa, e contemplando na EDUSI a construción dun centro de atención ao que se prevé destinar un millón de euros”. Nos orzamentos municipais de 2017 xa se incluíu unha partida de algo máis de 50.000 euros para a redacción do proxecto.
Uns orzamentos que non atenden aos retos do país
O deputado de En Marea Antón Sánchez agradeceu “a actitude responsable e construtiva do goberno de Compostela Aberta á hora de fixar as prioridades da cidade para reflectilas nas emendas aos orzamentos autonómicos”, que o parlamentario cualifica de “insuficientes e incapaces de responder aos retos de futuro de Galicia”. Nesa liña, lamentou que nas contas do ano que vén “non se recolla ningún cambio de políticas que faga pensar nunha mellora da situación do país”. Antón Sánchez insistiu en que orzamentos coma os deseñados polo goberno de Alberto Núñez Feijóo para 2017 “agravan o círculo vicioso no que está metido Galicia de perda de poboación, destrución de emprego e emigración xuvenil”.