Equidade fiscal e progresividade, eixos das propostas de CA para as ordenanzas fiscais

  • O voceiro da conta das propostas de Compostela Aberta “mentres seguimos esperando a que o alcalde nos cite para unha nova xuntanza para presentar as súas”
  • Martiño Noriega: “As ordenanzas fiscais poden axudar a definir o Santiago que queremos, e por iso propoñemos bonificacións para o rural, as industrias estratéxicas e verdes e as vivendas en alugueiro, fronte aos gravames aos altos valores catastrais non residenciais”

Compostela Aberta vén de entregarlle ao Goberno a súa proposta para a modificación das ordenanzas fiscais de 2020, “baseada na aposta polo equilibrio fiscal a nivel territorial, na promoción do asentamento de industrias consideradas estratéxicas para a cidade, e na progresividade”. Así o anunciou Martiño Noriega, que explicou que “o grupo decidiu ser proactivo e achegarlle a proposta a Bugallo, malia a que o alcalde incumpriu o seu compromiso de citarnos para unha nova xuntanza e malia a descoñecer en que modificacións está traballando o Goberno, e despois de que a concelleira de Facenda criticara publicamente que non fixeramos unha proposta que nunca se nos chegou a pedir”.

O voceiro de Compostela Aberta explicou que “no pasado mandato demos importantes pasos cara unha fiscalidade máis xusta, na que pague menos quen menos ten, con importantes bonificacións para os colectivos máis vulnerables e para compensar a falta de servizos no rural”. Para Martiño Noriega, “esta é a liña na que se debe seguir traballando, máis alá de rebaixas de impostos a granel como as que formula o PP, e mesmo da proposta que hai un ano facía o PSOE de Paco Reyes, esixindo rebaixas xeralizadas no IBI que consideramos incompatibles co mantemento duns servizos de calidade”. Nese sentido, o concelleiro apuntou que “cremos que as bonificacións que pretendemos aumentar compensaríanse con outros gravames, de xeito que os recursos do Concello non se verían modificados significativamente”. Trátase, explicou, de “definir a cidade que queremos, tamén a través da fiscalidade”.

Aposta pola progresividade fiscal

Na proposta que lle foi achegada hoxe mesmo ao alcalde, Compostela Aberta pretende avanzar na progresividade fiscal, sobre todo en relación ao Imposto de Bens Inmobles. Na ordenanza que regula o IBI apóstase por manter o actual tipo xeral do 0,51% para os bens de natureza urbana, pero baixándoo ao 0,48 no caso dos bens de natureza rústica. Na mesma liña, proponse o incremento das bonificacións por carencia de servizos básicos no rural. En concreto, a bonificación pola carencia de tres servizos (auga, saneamento e alumeado público) manteríase conxelada no 90%; pola carencia de dous servizos subiría do 60 ao 75%; e pola carencia dun servizo incrementaríase do 30% vixente ata o 50%. Ademais, Compostela Aberta propón a subida desde o 0,54% ata o 0,57% do tipo do gravame diferenciado para os inmobles de natureza urbana non residenciais,  para o 10% dos inmobles de maior valor catastral. Noriega insistiu en que “non se trata de aumentar a presión fiscal sobre as vivendas da veciñanza, senón sobre aparcamentos, grandes superficies comerciais ou grandes empresas”.

Industrias estratéxicas e fomento do alugueiro

Martiño Noriega explicou que, tamén dentro do IBI, propóñense bonificacións para favorecer a implantación de industrias da biotecnoloxía e a madeira “sectores considerados estratéxicos na Mesa pola reindustrialización de Santiago e polos diferentes axentes económicos”. En concreto, proponse unha bonificación do 95% no Imposto de Bens Inmobles, que tamén se aplicaría á Cámara de Comercio de Santiago, previo recoñecemento do seu especial interese ou utilidade municipal.

Compostela Aberta pide tamén que “se manteña o recargo para os pisos baleiros xa contemplado na ordenanza do IBI, e que se introduza un novo recargo do 50% sobre a cota líquida do IBI para os residenciais que se atopen destinado a uso turístico”. Ao tempo, reclámase unha bonificación de ata o 95% na cota íntegra do IBI para os bens inmobles de uso residencial destinados ao alugueiro de vivenda con renda limitada, tal e como se contempla no Real Decreto 7/2019 de 1 de marzo de medidas urxentes en materia de vivenda e alugueiro. Ao respecto, Noriega lembrou que “o Goberno do Estado comprometérase a desenvolver un Sistema Estatal de Índices de Referencia do Prezo do Alugueiro de Vivenda, e temos que seguir reclamando que así o faga”.

IAE e ICIO

Xa en relación ao Imposto de Actividades Económicas, as propostas de Compostela Aberta pasan polas bonificacións por xeración de emprego indefinido e por cuestións medioambientais. En canto ao primeiro, pídese subir ata o 50% a bonificación para as empresas que incrementen o seu persoal en máis dun 20%; ata o 35 % no caso dun incremento de entre o 10 e o 20 %; e do 20% para as empresas que incrementen o seu persoal entre o 5 e o 10 por cento. Tal e como se recolle na ordenanza, esas bonificacións son de aplicación para as empresas que teñan incrementando o seu persoal con contratos indefinidos.

En canto ás bonificacións ligadas a cuestións medioambientais, propóñense incrementar ata un máximo dun 50% as bonificacións para empresas que utilicen enerxías renovables, desenvolvan a súa actividade en zonas alonxadas das máis poboadas do termo municipal, e para as que establezan un plan de transporte para os seus traballadores e traballadoras co obxectivo de reducir o consumo de enerxía.

Xa en relación ao Imposto sobre Construcións, Instalación e Obras, Compostela Aberta propón o incremento de dúas bonificacións: para as Vivendas de Protección Autonómica, que pasaría dun 30 a un 50%; e para as construcións, instalacións e obras de acondicionamento e adaptación necesarias para o acceso e habitabilidade das persoas con discapacidade, que se incrementaría do 50 ao 75 por cento.

Por último, Compostela Aberta pide que o Goberno “siga desenvolvendo a modernización da administración electrónica iniciada no anterior mandato, e que permitirá implementar o pago de tributos on line e de xeito fraccionado, e que reforce o Plan de Loita contra a Fraude Fiscal impulsado tamén por CA para mellorar a inspección fiscal nas grandes empresas”.

Podes ler aquí o documento coas propostas de Compostela Aberta para as Ordenanzas Fiscais de 2020:

Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

CA completa unha lista “feminista, apegada aos barrios e o rural, e comprometida co activismo social e a defensa das traballadoras”

María Rozas presenta o segundo tramo da candidatura, que pechan a presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carminha Naveiro; a escritora e académica Marilar Aleixandre; e o exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo