O pasado luns o pleno de Santiago aprobou por unanimidade a organización do Concello para o próximo mandato 2015-2019. Podes ler neste post o posicionamento de Compostela Aberta durante todo este proceso de negociación no que o principal desacordo tiña que ver coas dedicacións exclusivas dos concelleiros e o persoal eventual dos grupos.

Finalmente houbo acordo e o grupo de goberno disporá das ferramentas necesarias, en dedicacións e persoal eventual, que desde un principio considerábamos xustas. Así, o alcalde e 8 dos edís de Compostela Aberta poderá ter dedicación exclusiva no Concello -todos menos o concelleiro de Educación, Manolo Dios, que será deputado provincial- con unha rebaixa salarial e uns salarios que non superan os 36.000 € netos que marca o noso código ético.

Ademais tamén se ten producido unha rebaixa substancial dos cargos de libre designación a disposición do grupo de goberno, ficando reducidos a 8 prazas, na composición que Compostela Aberta tiña proposto desde o principio: 1 coordenador/a de gabinete, 3 asesores/as políticos, 2 técnicos/as de comunicación e 2 administrativos/as.

Na primeira reunión do grupo municipal e a proposta do alcalde, escolleuse a Miguel Penas (responsábel de comunicación e deseño de campaña, e candidato número 13) como coordinador do gabinete e decidiuse abrir un proceso aberto de recepción de candidaturas para a selección do resto de persoal axustándose ao recollido no código ético:

1.4. Facer públicos os criterios e causas de contratación dos cargos de libre designación así como a rendición de contas o igual cos cargos electos, da súa actividade. Promovendo a redución destes cargos e que en ningún caso poida haber conflitos coa actividade dun funcionario.

No final do proceso o grupo municipal de Compostela Aberta emitirá un relatorio no que se fagan públicos os nomes e os criterios de selección de toda a equipa.

Descrición do proceso: Obxectivos, perfís e prazos.

O grupo municipal de Compostela Aberta seleccionará, a través deste proceso, 7 traballadores/as como persoal eventual ou de confianza, para formar parte da equipa de apoio ao goberno no Concello de Santiago. A seguir indicamos os perfís a contratar e os criterios que se utilizaran para ter en conta cada unha das candidaturas:

Perfís a contratar:

  • Administrativa/o #1 – 34.387 € brutos/ano. (2 persoas)
    Funcións de atención ao público (telefónica e presencial) e de trámites administrativos no ámbito das institución públicas. Coordinación de axenda dos e das concelleiras e da dinámica de grupo en xeral. Dominio do paquete ofimático. Dispoñibilidade horaria. Capacidade para traballar en equipa e en rede.
  • Técnica/o de comunicación #2 – 39.505 € brutos/ano (2 persoas)
    Elaboración e deseño de contidos informativos en diferentes formatos. Comunicación política e corporativa. Acompañamento da actualidade. Elaboración de argumentarios. Documentación. Valorarase dominio de ferramentas de maquetación e deseño gráfico, xestión web e montaxe de audio ou vídeo. Dispoñibilidade horaria. Capacidade para traballar en equipa e en rede.
  • Asesoría política #3 – 39.505 € brutos/ano (3 persoas)
    Acompañamento de proxectos, capacidade crítica e iniciativa política. Coñecementos das administracións públicas. Valorarase experiencias previas no traballo político de base, no activismo social e no asociacionismo. Dispoñibilidade horaria. Capacidade para traballar en equipa e en rede.

Proceso e prazos

  • Presentación de candidaturas: Ata martes, 21 de xullo, incluído
  • Selección: Durante os restantes dez días de xullo, un comité formado por persoas do grupo de goberno revisará as candidaturas recibidas e realizará entrevistas de consideralas necesarias. A selección estará baseada en criterios obxectivos (experiencia profesional, formación académica) e subxectivos (carta de presentación, entrevista, afinidade cos principios de Compostela Aberta).
  • Publicación dos resultados: Durante a semana do 31 de xullo, Compostela Aberta fará público os nomes das persoas seleccionadas, xunta a súa posición e retribución.

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies