- Xulio Ferreiro: “É responsabilidade das Administracións, tamén das locais, garantir ingresos mínimos suficientes para a vida como dereito fundamental”
- Concha Fernández: “as deficiencias na Risga foi o que impulsou a CA a pór en marcha un novo instrumento no Concello de Santiago, que garantira realmente unha vida digna, que mereza ser vivida”.
A Coruña, 21 de xuño.- Galicia en Común-Anova Mareas presentou esta mañá a unha proposta para transformar unha Risga escuálida e insuficiente nunha Renda Garantida para a Cidadanía Galega, compatible co Ingreso Mínimo Vital do Estado e que amplía coberturas e recursos para avanzar como sociedade con políticas inclusivas que combatan a desigualdade no país e non sitúen como referente co horizonte posto nunha renda básica de cidadanía de carácter universal.
O candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino presentou esta proposta nun acto no que estaban representantes dos anteriores goberno municipais de Santiago e da Coruña, concellos precursores no conxunto do Estado en aprobar rendas sociais municipais cos goberno de Compostela Aberta e Marea Atlántica. “Galicia merece un novo modelo de políticas sociais que coide e atenda as necesidades reais da súa xente. A Renda Garantida para a Cidadanía Galega será un obxectivo central do futuro Goberno galego a partir do 13 de xullo”, afirmou Gómez Reino, durante o coloquio no que se apresentou a proposta da Renda Garantida para a Cidadanía Galega.
“Estes once anos de goberno do Partido Popular supuxeron un profundo retroceso nas políticas sociais deste país, unha situación que se viu agravada por esta pandemia da Covid19 crise que deixou a milleiros de galegas e galegos nunha situación insostible que o escuálido modelo de política social da Xunta, baleirado de recursos, persoal e dotación non foi capaz de afrontar nin o intentou”, reflexionou o portavoz.
A este contexto, -manifestou Gómez Reino-, hai que engadir tres meses de pandemia no desgoberno de Feijóo, que no canto de exercer as súas compentencias para ampliar o escudo social estivo preparando a fondo a súa estratexia electoral deixando ben as claras as súas prioridades: montar un comité de expertos económicos para privilexiar aos de sempre, como xa fixo no 2008 antepoñendo a banca ás persoas; “Agora pretende acalar as protestas dos sanitarios que puxeron o corpo na loita contra a Covid19 en condicións precarias con cheques de 250 euros”, apuntou Gómez Reino.
“É inmoral e nos avergoña. A Sanidade Pública merece recursos, non sobornos. A cidadanía galega merece un Goberno na Xunta que non deixe a ninguén atrás e o camiño pasa, tamén, por transformar unha Risga cativa nunha ferramenta inclusiva para desterrar a desigualdade”, sinalou o candidato. “Esta Renda Garantida deberá elimininar as incompatilidades e trabas que existen hoxe coas rendas municipais e ta,én complementarse e compatibilizarse co novo Ingreso Mínimo Vital (IMV) de carácter estatal, sempre co horizonte posto na implementación progresiva dunha renda básica de cidadanía de caracter universal”, manifestou o candidato.
A proposta de Galicia en Común-Anova Mareas pasa por modificar a lei para transformar unha RISGA raquítica e insuficiente nunha Renda Garantida da Cidadanía Galega, que se situaría no entorno do 60% do salario medio, facendoa compatible con outras rendas e prestacións e facilitando o acceso de persoas en situación de vulnerabilidade pero agora excluídas; ao tempo, se incrementarían orzamento e a contía das axudas, e reforzando o persoal administrativo para evitar atrasos na tramitación de expedientes e simplificando os procedementos burocráticos anacrónicos e asistencialistas nos que se fundamenta unha Risga insuficiente e desfasada.
A proposta establece como beneficiarios aos maiores de 18 anos, empradoados en Galicia nos úlimos seis meses e valorando os requisitos individuais, non os de convivenvia. Ao tempo, propón ampliar os fondos do Plan Social contra a Desigualdade (na actualidade de só 20 millóns de euros), así como a súa programación, obxectivos e contidos.
No coloquio, tomou a palabra Martiño Noriega, alcalde Santiago que impulsou a Ordenanza Municipal de Garantía Básica na capital de Galicia, insistindo na urxencia de implementar a Renda Garantida da Cidadanía Galega para sustituir a RISGA durante a lexislatura. “Queremos converter Galicia nun referente dentro do Estado español no debate, análise e estudo experimental de novos modelos de política social como, entre outros, a Renda Básica Universal, implicando, tamén as tres universidades galegas no proxecto”.
Pola súa banda, Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña que impulsou a renda social municipal, manifestou que “é responsabilidade dos poderes públicos, tamén desde a responsabilidade das Administracións locais, actualizar e adecuar a contía das prestacións mínimas á situación socioeconómica da contorna e garantir ingresos mínimos suficientes para a cobertura das necesidades básicas e o exercicio dos dereitos fundamentais”.
Ferreiro indicou que “os gobernos municipalistas abriron camiño con moito esforzo e moito en contra, creando as rendas sociais municipais. Na Coruña, chegou a centos de fogares e foi a punta de lanza do goberno da Marea Atlántica na loita contra a desigualdade, que puxemos no centro e levounos a ser a cidade galega con maior gasto social po habitante”.
A finais de 2018 foron 323 fogares e 543 persoas as beneficiadas por esta renda.
O debate foi presentado por Inés Cebreiro, da Marea Atlántica e candidata, e foi moderado por Saínza Ruiz, tamén candidata e exconcelleiras de Servizos Sociais do goberno de Ferrol En Común que subliñou a urxencia de mudar, simplicar e axilizar os procedementos de acceso e concesión das axudas.
Tamén participou, Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais no Goberno de Compostela Aberta que explicou no acto que “é evidente que a Risga é insuficiente: pola súa excesiva burocracia, porque é concibida como un teito e polo tanto é incompatible con outras axudas, pola súa escasa contía, e porque non está considerada como un dereito individual senón que depende da unidade de convivencia, e iso obriga a convivencias e dependencias perigosas”. Concha Fernández apuntou que “estas deficiencias na Risga foi o que impulsou a CA a poñer en marcha un novo instrumento no Concello de Santiago, que garantira realmente unha vida digna, que mereza ser vivida”.
En Santiago, o Goberno de Compostela Aberta aprobou no pasado mandato unha ordenanza que regula a Renda Municipal de Garantía Básica, unha prestación para persoas en situación de vulnerabilidade social ou en risco de exclusión que se concede cunha duración de 12 meses prorrogables a 24. As contías previstas melloran sensiblemente ás contempladas na Risga, e poden ir desde os 537 ata os case 800 euros mensuais. Ademais, e a diferenza da prestación autonómica, a Renda Municipal é compatible con outras axudas e a ela poden acceder as persoas migrantes en situación irregular. A ordenanza impulsada por Compostela Aberta tratou de limitar a burocracia para obter esta prestación, e unha das principais novidades foi o seu desenvolvemento ao abeiro da Lei de Servizos Sociais de Galicia, e non da Lei de Subvencións, como viña acontecendo con anteriores axudas.
Ao remate do ano 2018, 128 persoas recibían a Renda de Garantía Básica Municial. Ademai, máis de 200 eran beneficiarias das Prestacións de Rescate Social tamén contempladas na ordenanza aprobada por Compostela Aberta, nas súas diversas modalidades; necesidades básicas, habilitabilidade e pobreza enerxética, equipamento básico, dependencia/discapacidade, dereito á educación, saúde bucodental ou outros gastos. “Non é posible unha vida digna con 400 euros”, concluíu Fernández.