- Os veciños mostraron a súa preferencia pola proposta que prevé idéntica abertura da praza pública cara República Arxentina e cara San Pedro de Mezonzo
Jorge Duarte mantivo onte un encontro coa Plataforma de Afectadas polo solar de Peleteiro, para presentar as novas alternativas para a parcela que Compostela Aberta lle fixo chegar ao Goberno co obxectivo de “desbloquear unha operación pola que levamos agardando dúas décadas”. O concelleiro de CA explicou que “as novas opcións que puxemos sobre a mesa foron moi ben acollidas pola veciñanza, sobre todo a que prevé unha dobre abertura de 30 metros de ancho cara República Arxentina e cara San Pedro de Mezonzo”. Duarte reiterou que “a vontade de Compostela Aberta é chegar a un acordo, pero ese acordo pasa porque a proposta elixida conte co consenso do tecido veciñal e comercial do Ensanche”.
Compostela Aberta presentoulle á Plataforma de Afectadas polo Solar de Peleteiro as dúas propostas alternativas que o Goberno xa tén nas súas mans desde o pasado 21 de abril. Jorge Duarte reiterou o seu convencemento de que “estas novas alternativas conxugan os intereses de todas as partes, e facilitarían o desenvolvemento do proxecto que Bugallo paralizou en 2019 por cuestións electoralistas”. O concelleiro sinalou que “a veciñanza concorda con CA, que ve como opción preferente a que parte desa proposta de 2019, coa abertura da praza cara a República Arxentina e tamén cara San Pedro de Mezonzo, nos dous casos cun ancho de 30 metros”. Nesta proposta, manténse un pequeno edificio no lateral da República Arxentina, “pegado ao que inmoble que fai esquina, ocupando o espazo dunha pequena casa que existe xa na actualidade, de xeito que tamén se solucionaría o problema coas medianeiras”. A outra virtude desta proposta, explicou Duarte, “é que logra unha separación de 20 metros entre os edificios de nova construción e os da rúa da Rosa, algo fundamental para lograr a máxima seguridade xurídica”. Nesta liña, o concelleiro recordou que “foi un recurso xudicial da veciñanza da Rosa o que motivou a anulación do planeamento aprobado en 2003, sendo Bugallo alcalde, e non podemos permitir que algo similar volva acontecer agora, vinte anos despois”.
Na reunión de onte tamén se falou da outra opción formulada por CA “co obxectivo de dar diferentes alterantivas que poidan facilitar o acordo”, na que se contemplan tamen dúas amplas aberturas da praza pública: de case 27 metros cara República Arxentina e de case 48 metros cara San Pedro de Mezonzo. Esta alternativa, ainda que asumible, non sería tan beneficiosa para a veciñanza do Ensanche, nomeadamente para os da rúa da Rosa”.