- CA pedirá no Pleno que se establezan as canles de diálogo precisas para resolver as eivas detectadas nas obras
Jorge Duarte instou hoxe ao Goberno local a “establecer os mecanismos que considere oportunos para abordar coa Xunta de Galicia as demandas veciñais en relación á execución das obras de mellora dos Camiños, tanto no Camiño Francés, no ámbito de Concheiros e a avenida de Lugo, como do Camiño Portugués, en Conxo”. O concelleiro de Compostela Aberta explicou que “son coñecidas desde hai tempo as queixas da cidadanía en relación a eses proxectos, pero nas últimas semanas escoitamos tamén voces críticas do propio equipo de Bugallo, polo que é evidente que as dúas administracións deben procurar fórmulas para solucionar calquera eiva nesas actuacións”.
Compostela Aberta levará ao Pleno unha moción na que insta ao Goberno local e á Xunta a establecer os mecanismos de diálogo e participación oportunos para recoller todas as queixas con respecto ás obras de mellora das entradas dos Camiños de Santiago e a colaborar institucionalmente para resolver todas esas demandas trasladadas pola cidadanía. Jorge Duarte lembrou que non é a primeira vez na que o grupo municipal de CA traslada esta cuestión ao Pleno, “porque a veciñanza leva xa preto dun ano denunciando as eivas nas obras do Camiño Francés e nas do Camiño Portugués”. Así, en xuño de 2021 o Pleno aprobou por unanimidade unha moción de Compostela Aberta para instar á Xunta a solventar as deficiencias detectadas na actuación de Conxo, e en xullo quedou aprobada outra proposta de CA que facía referencia ás obras do Camiño Francés, neste caso coa abstención de PSOE e PP.
Malestar do Goberno
Duarte explicou que “a estas alturas xa non é unicamente a veciñanza a que mostra o seu malestar cos traballos do Camiño Francés, senón que tamén diferentes membros do Goberno se teñen queixado públicamente polo transcorrer das obras”. En concreto, referiuse ás declaracións do concelleiro de Obras, Javier Fernández, “que hai só uns días lamentaba que a oposición municipal puxera o foco nas obras de Concheiros que executa o Concello e non denunciara a situación dos traballos no Camiño Francés que, na opinión de Javier Fernández, mesmo deberan ser motivo de debate no Parlamento Galego”. Tamén o portavoz do grupo do PSOE, Sindo Guinarte, ou o concelleiro Rubén Prol, se referiron a esta actuación de maneira reiterada nos medios de comunicación, “lamentando que os grupos da oposición en Raxoi non mostraran o seu malestar polo atraso de máis dun ano que acumula este proxecto”. En canto ás obras de Conxo, “semellan existir tamén discrepancias entre as dúas administracións, habida conta de que a Xunta vén de responsabilizar ao Concello de deficiencias na remodelación da praza de Santa María por mor da falta de mantemento”.
Por estes motivos, Jorge Duarte instará ao Goberno, no Pleno desta semana, “a establecer as canles de comunicación precisas para resolver todas as eivas de dúas actuacións tan importantes como as do Camiño Francés e a de Conxo, que suporán un investimento total de case cinco millóns de euros na nosa cidade”. Para o concelleiro, “as boas relacións coa Xunta das que lle gusta presumir ao alcalde teñen que traducirse nalgo máis que en fotos amables, porque o que á cidadanía de Santiago lle importa é que a colaboración institucional sirva para resolver as cuestións que lles afectan e que, neste caso, levan máis dun ano reclamando”.