• O concelleiro de CA lamenta a demagoxia do alcalde e lembra que os convenios asinados na Coruña e Pontevedra sí contemplan estacionamentos na ampliación dos seus centros hospitalarios
  • Compostela Aberta demandará no Pleno un convenio para a ampliación do CHUS que atenda as necesidades de mobilidade e accesibilidade

Compostela Aberta esíxelle ao alcalde que “se poña dunha vez a traballar coa Xunta de Galicia para solucionar os problemas de accesiblidade, mobilidade e aparcamento que xa existen a día de hoxe no ámbito do Hospital Clínico e que se agravarán de xeito moi notable coa futura ampliación do CHUS”. O concelleiro Jorge Duarte insistiu en que “hai opcións para a construción dun novo estacionamento na contorna do centro sanitario, e o que faltan son administracións sensibles cunha demanda da que é coñecedora calquera persoa que teña que acudir ao hospital”. Nesa liña, o edil de CA lamentou “a demagoxia de Bugallo, que sempre considerou que o problema do aparcamento no CHUS era secundario, ata que chegaron os titulares negativos na prensa”.

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que insta ao Goberno a realizar todas as xestións necesarias coa Xunta para que o convenio que asinen ambas administracións para a ampliación do Clínico resolvaos problemas de accesibilidade peonil e as graves carencias de aparcamento na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. O concelleiro Jorge Duarte explicou que, como mínimo, “Concello e Xunta deben garantir que se realice un estudo de mobilidade e accesibilidade peonil que contemple a mellora das conexións peonís a través dun proxecto de reurbanización da contorna”. Ademais, CA esíxille a ambas administracións “que contemplen a dotación dun novo aparcamento público no ámbito do CHUS, con medidas que permitan priorizar ou facilitar a súa utilización aos doentes e ás familias con maiores necesidades de atención”.

“Menos demagoxia e máis traballo”

Jorge Duarte mostrouse convencido de que “se o tema do aparcamento do Hospital Clínico non está contemplado é pola sumisión do alcalde de Santiago ao presidente Feijóo, porque o certo é que outros concellos como os da Coruña e Pontevedra negociaron coa Xunta convenios máis beneficiosos, nos que a ampliación dos seus centros hospitalarios contemplaban tamén a dotación de espacios de estacionamento”. O concelleiro de Compostela Aberta lamentou que “no canto de defender os intereses da veciñanza, Bugallo dedicouse nos últimos meses a facer demagoxia, reiterando que había que elixir entre máis camas ou aparcamento, entre un parking ou tratamentos novidosos para o cancro, cando o certo é que noutras cidades galegas estáse a demostrar que ambas cousas son compatibles e necesariamente deben ir da man”.

Duarte criticou que “tivera que ser Compostela Aberta o único grupo que presentou alegacións ao anteproxecto de ampliación do CHUS, precisamente reclamando que se atendera a cuestión do aparcamento, alegacións que nin sequera foron respostadas aínda que se sí citadas nun posterior decreto da alcaldía ao respecto”. Fronte a iso, insistiu o concelleiro, “Bugallo só está a reaccionar nas últimas semanas con declaracións nas que por fin recoñece que a dotación de aparcamento é un tema que debe ser solucionado, un cambio no seu argumentario que supoñemos que responde aos titulares negativos na prensa sobre esta cuestión”. “Perdido máis dun ano desde que se empezou a concretar a ampliación do Clínico”, engadiu o concelleiro de CA, “agardemos que ainda esteamos a tempo de atopar solucións antes de que se inicie a licitación das obras de ampliación do CHUS, nun convenio que Feijóo dixo que xa estaba aprobado polo Concello o pasado 22 de abril, e do que nada máis soubemos”.

Alternativas para a construción do aparcamento

O concelleiro de Compostela Aberta reiterou que na contorna do Clínico hai opcións para a construción dun novo aparcamento, porque hai parcelas acaídas para ese fin. Así, Duarte lembrou os terreos situados ao carón do CIMUS, dos que se aprobou un estudo de detalle durante o pasado mandato no que precisamente se contemplaba a construción dun estacionamento cunhas 500 prazas distribuídas en tres plantas, e que Bugallo ten dito que prefire destinar a outro uso vinculado á Universidade de Santiago. A maiores, sinalou o edil, tamén se debe estudar a posibilidade de acondicionar novos espazos de aparcamento no ámbito do SUD 9-10 Estrada de Vigo-Chouchiños, “tal e como tamén manifestamos recentemente no Pleno da Corporación”.

Duarte sinalou que “Bugallo ténnos afeitos a dicir que non hai alternativas cando o que non quere é buscalas, e tamén nos tén afeitos a atopar opcións in extremis cando as busca, tal e como está a acontecer con outro proxecto importante como o da plataforma loxística”. Por iso, o concelleiro de Compostela Aberta urxiu ao alcalde a “sentarse coa Xunta para negociar o mellor dos convenios posibles para a ampliación do CHUS, no que se garanta a dotación dos necesarios espazos de estacionamento na contorna do Hospital, tal e como se fixo tamén na Coruña e en Pontevedra”.

PODES LER AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A MELLORA DA ACCESIBILIDADE E A CONSTRUCIÓN DUN NOVO ESTACIONAMENTO NO PROXECTO DE AMPLIACIÓN DO HOSPITAL CLÍNICO UNIVERSITARIO DE SANTIAGO

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies