- O concelleiro de CA lamenta que o Goberno “non reaccionara aínda, un ano despois, á sentenza do TSXG que anulou parte da ordenanza aprobada no pasado mandato”
Compostela Aberta urxiu hoxe ao Goberno local a “abandonar a parálise na que leva sumido trinta meses e a adoptar as medidas que sexan necesarias para viabilizar a música ao vivo nos locais de hostalería de Santiago”. O concelleiro Jorge Duarte lamentou que “transcorrida máis da metade do mandato, e un ano despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulara dous artigos da ordenanza municipal aprobada polo Goberno de CA, o equipo de Bugallo non fixo nada en prol dunha actividade que forma parte da nosa riqueza e da nosa singularidade”.
Compostela Aberta levará ao Pleno desta semana unha proposición na que insta ao Goberno local a impulsar a elaboración dunha nova ordenanza municipal que viabilice a música ao vivo nos locais de Santiago. Jorge Duarte insistiu en que “existen alternativas para que o Concello se adapte á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e á actualización da Lei de Espectáculos Públicos de Galicia”. Nesa liña, o concelleiro de CA lembrou que o Goberno galego aprobou por decreto, en setembro de 2019, o catálogo de espectáculos públicos que, no seu artigo 9, fai referencia aos “espectáculos públicos e actividades recreativas de escasa entidade ou incidencia”, sinalando que terán esa consideración aqueles que, entre outros requisitos, teñan lugar en establecementos ou espazos ao público cunha capacidade inferior a 75 persoas. Duarte incidiu en que “o Concello de Santiago pode ampararse neste artigo para elaborar unha ordenanza municipal que, cando menos, permita as actuacións de música ao vivo nos establecementos que cumpran ese límite de aforo”. Ademais, sinalou que o propio catálogo establece que “os concellos, mediante ordenanza municipal, poderán establecer xustificadamente supostos concretos de espectáculos e actividades recreativas quequeden exceptuadas do réxime de declaración responsable”.
Parálise do Goberno e incumprimento dos acordos plenarios
Jorge Duarte lamentou que o Goberno local, “e en particular a concelleira de Urbanismo, non mostrara nin o máis mínimo interese en resolver a situación da música ao vivo nin en darlle cumprimento ao acordo plenario de decembro de 2020, que o PSOE apoiou, para recoñecer estas actuacións como parte da riqueza e singularidade cultural de Santiago”.
O concelleiro de CA denunciou tamén que “o Goberno nin fai nada para garantir a música ao vivo nin dá explicacións, porque o noso grupo presentou unha serie de preguntas por escrito para coñecer que trámites levara a cabo ao respecto, e a día de hoxe seguimos sen recibir a resposta”. Así, “seguimos descoñecendo se o Goberno facilitou ou recoñeceu actividades puntuais ou de carácter excepcional celebradas dentro do termo municipal, ou se consta que a Xunta, o Parlamento ou a FEGAMP estean traballando en modificacións normativas para recoñecer a singularidade cultural de Santiago”.
Duarte puxo o acento na situación de “incertidume que atravesan os locais de hostalería de Santiago nos que habitualmente se desenvolvían actuacións de música ao vivo, porque esta pasividade do Concello súmase á situación poola pandemia da Covid”. O concelleiro de Compostela Aberta reiterou que “está en xogo o futuro de moitos negocios e moitas familias, pero tamén está en xogo a identidade cultural da capital do país, que non se limita ao modelo do Xacobeo polo que algúns queren apostar de maneira excluínte”.