Jorge Duarte pídelle ao Goberno que invista en vivenda pública para alugueiro o obtido coa venda da parcela de Romero Donallo

  • Compostela Aberta advirte que Santiago está nunha situación de “emerxencia habitacional” con poucas vivendas para o alugueiro e prezos moi elevados
  • CA pide que se elabore un estudo sobre o uso da vivenda no conxunto da cidade “porque a presión das vivendas turísticas xa vai máis alá da zona histórica”

Compostela Aberta pídelle ao Goberno local que se comprometa a destinar a construción de vivenda pública en réxime de alugueiro o importe que obteña da venda da parcela do SUP-1 de Romero Donallo que, segundo se anunciou, xa ten comprador. O concelleiro Jorge Duarte presentou hoxe a proposición que se debaterá no próximo Pleno, na que tamén se insta ao Executivo do PSOE a darlle continuidade ao Plan de Mobilización de Vivenda Baleira iniciado no pasado mandato.

Jorge Duarte lembrou que “o regulamento que desenvolve a Lei do Solo de Galicia recolle, no seu artigo 331, cal debe ser o destino do patrimonio público do solo, e entre os fins aos que debe ser destinado cítase a construción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública”. O concelleiro explicou que “co importe obtido coa venda desa parcela de Romero Donallo poderíase executar vivenda pública nalgunha das outras parcelas que tén dispoñibles o Concello en diferentes puntos da cidade, como o SUP-7 da Pontepedriña, o SUNP-11 do Castiñeiriño, o SUNP-12 de Lamas de Abade, o SUNP-5 da Muíña, ou o SUNP-14 de Tras Restollal”. O edil tamén citou a parcela de Xoán XXIII propiedade do IGVS, “que ía ser destinada á construción de vivenda pública para xente moza en réxime de alugueiro e que segue pendente de desenvolvemento por mor da inactividade do goberno da Xunta”.

“Emerxencia habitacional en Compostela”

Na proposición presentada hoxe, Compostela Aberta lembra que “a escaseza de vivenda para o alugueiro e o aumento dos prezos está deixando a nosa cidade nunha situación de emerxencia habitacional, relacionada directamente co incremento das vivendas de uso turístico”. Nesa liña, Jorge Duarte apuntou que os últimos datos do ‘Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas’ falan de que en Santiago “hai case 3.200 prazas turísticas en 612 vivendas de uso turístico, 20 apartamentos e 3 vivendas turísticas; se ben esas cifras son moito menores que as recollidas nas plataformas de alugueiro de pisos turísticos”. Xa en outubro de 2018, no portal datahippo.org contabilizaban 933 apartamentos en airbnb, 112 apartamentos en homeaway, 36 apartamentos en onlyapartments e 6 apartamentos en housetrip, “e probablemente eses números medren cando se coñeza a actualización de 2019”. 

O resultado é que, segundo a Asociación Galega de Inmobliarias, a día de hoxe en Santiago haxa menos de cen vivendas dispoñibles para o alugueiro de familias ou estudantes, “e con prezos elevados en toda a cidade, xa non só no centro”. Por iso, Duarte tamén instou ao Goberno a realizar un estudo sobre o uso da vivenda en toda a cidade, “porque hai zonas máis alá da améndoa nas que a presión turística é enorme, e nas que as vivendas empezan a estar destinadas unicamente a uso turístico, como é o caso de Concheiros”. 

O concelleiro de Compostela Aberta pediulle ao Goberno que “diante destes datos adopte medidas para implantar mecanismos de control ou regulación dos prezos, para garantir o dereito básico de acceso a unha vivenda digna”. Nesa liña, Duarte tamén instou ao Executivo a retomar o programa de mobilización de vivenda baleira Aviva Compostela “que pretende facilitar o acceso a unha vivenda digna a prezos accesibles para aquelas persoas que o precisan”. Ese programa, insistiu o concelleiro, “xa está desenvolvido e só precisa ser dotado de recursos económicos, pero tamén humanos, para realizar o traballo de busca das vivendas e información aos veciños e veciñas que puideran ser beneficiarios”.

Bugallo, no papel dos promotores

Por último, o concelleiro criticou que o alcalde de Santiago avogue por mudar as condicións das vivendas protexidas “para que queden liberadas nun prazo de 10 ou 15 anos, fronte aos 30 actuais, e poidan ser vendidas pola propiedade”. Para Jorge Duarte, “Bugallo ponse no papel dos promotores, que son os que deberan estar preocupados polo tempo no que as vivendas permanecen baixo un réxime de protección”. O edil lamentou que “un alcalde que se di socialista defenda reducir o tempo de control dos prezos dos pisos, e máis cando as administracións fan investimentos públicos precisamente para garantir o acceso á vivenda como dereito constitucional que é”.

PODES LER AQUÍ A PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA A CONSTRUCIÓN DE VIVENDA PÚBLICA E MOBILIZACIÓN DA VIVENDA BALEIRA

 

Arquivado en:Jorge Duartevivenda
Novas
relacionadas

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

CA creará unha nova empresa municipal de vivenda que actúe tamén no mercado do alugueiro

Compostela Aberta propón que a nova empresa municipal “promova a construcción de vivendas a prezo taxado nos solares municipais, pero sobre todo que poña vivendas baleiras no mercado do alugueiro, a prezos sociais”

CA propón un Plan de Rehabilitación de Vivendas para o alugueiro “para que os universitarios non sexan expulsados de Santiago”

A candidata de Compostela Aberta compromete a creación dunha rede de alugueiro de bicicletas eléctricas con tarifas especiais para a comunidade universitaria, no debate preelectoral organizado pola Universidade de Santiago

“Que dous señores tomen decisións a 25 anos nun despacho, sen escoitar a ninguén, e a dous meses das eleccións, mostra a súa nula calidade democrática”

Compostela Aberta reconducirá os usos anunciados para a Casa do Matadoiro “que non poden depender de ocurrencias de Bugallo en tempo de desconto”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo