Jorge Duarte reclama a convocatoria do Pacto pola Mobilidade “para que o Goberno renda contas polo atraso na licitación do transporte”

  • CA denuncia que “a estas alturas a veciñanza e os grupos da Corporación descoñecemos se se vai manter o mapa de liñas e frecuencias consensuado no anterior mandato”
  • O concelleiro de Compostela Aberta cuestiona os argumentos de Bugallo para non tapar a rotonda de Conxo e lembra que o propio Ministerio de Fomento aprobou un proxecto que contemplaba esa solución durante o pasado mandato

 Jorge Duarte reclamoulle hoxe ao Goberno que dea explicacións polo atraso no inicio da licitación do servizo de autobuses urbanos que prometera ter adxudicado antes do remate do 2019, e que segue sen avances. Para o concelleiro de Compostela Aberta, “é grave que non se vaia sacar o novo contrato neste mandato, pero é máis grave aínda que a estas alturas non saibamos nada dos plans de Bugallo, nin no que tén que ver coas novas liñas e frecuencias urbanas, nin coas previsións para mellorar o servizo no rural, nin sobre as características duns pregos que deben garantir a concorrencia das empresas interesadas en igualdade de condicións”. Nese sentido, Duarte urxiu ao Goberno a convocar o Pacto Local pola Mobilidade, “para render contas alí diante da veciñanza e dos diferentes grupos da Corporación”.

Para Jorge Duarte, “a licitación do servizo de transporte é o mellor exemplo da caída do mito dos bos xestores, porque o concelleiro Gonzalo Muíños chegou ao Goberno prometendo un novo contrato antes de acabar 2019, Bugallo prometeu o inicio da licitación para xullo de 2020, e a piques de acabar 2022 o alcalde tén que buscar parches e falar de alugar autobuses para substituír aos que lle están caendo a pedazos”. O edil de Compostela Aberta insistiu en que “a día de hoxe nada sabemos do traballo feito por este Goberno, non sabemos por que no Plan de Contratación de 2022 se incrementou o orzamento do contrato en 13 millóns de euros con respecto a 2020, e tampouco temos claros os verdadeiros motivos do atraso”. Duarte reiterou que “por máis que o PSOE queira culpar da situación a CA, a realidade é que no pasado mandato, o noso Goberno aprobou un Pacto Local pola Mobilidade, elaborou uns pregos, e deseñou un mapa de liñas de maneira participada coa veciñanza”. Todo iso, sinalou o concelleiro, “fixémolo no mesmo tempo no que Bugallo non fixo absolutamente nada, recibiu un traballo desenvolvido e avalado no Pacto Local pola Mobilidade, e nin así foi quen de iniciar a licitación”. Por ese motivo, incidiu, “o alcalde e Gonzalo Muíños non están en condicións de darnos leccións, senón todo o contrario”.

O concelleiro de Compostela Aberta defenderá no próximo Pleno unha proposición para instar ao Goberno a explicar a situación actual do proceso de licitación no marco do Pacto Local pola Mobilidade. Ademais, solicitarálle que se manteña a rede de liñas e frecuencias prevista e consensuada no anterior mandato, incluído o bus directo ao aeroporto e tamén un modelo de transporte específico e a demanda para a zona rural de Santiago. Ademais, Duarte insistiu en que o Gobierno debe garantir que no prego para a licitación do servizo se inclúan as condicións necesarias para garantir a concorrencia en igualdade de condicións das empresas interesadas en prestar o servizo, “garantindo ademai a subrogación de todos os traballadores e traballadoras, incluído o persoal da liña de bus ao aeroporto que foi despedido a finais do 2020 e para o que Bugallo segue sen buscar solucións”.

Rotonda de Conxo

Jorge Duarte tamén se referiu hoxe á humanización da rotonda de Conxo. O concelleiro lamentou que “Bugallo volva a xogar á improvisación e ás medias verdades, nun asunto moi sensible”. Nese sentido, o edil mostrou a súa sorpresa porque o alcalde “presente hoxe en rolda de prensa un proxecto que o grupo municipal de Compostela Aberta pediu por escrito e que ainda non nos foi facilitado, e que non sabemos se é ese que anunciou ter encargado en abril de 2021”. 

O concelleiro explicou que CA tamén preguntará no Pleno por esta actuación, “porque nos resulta difícil de crer que os técnicos do Ministerio de Fomento rexeiten cubrir a rotonda de Conxo por cuestións de seguridade, como di Bugallo, cando esa era a solución que se lle daba á zona nun proxecto que foi aprobado polo propio Ministerio durante o mandato anterior, e que mesmo foi obxecto dun convenio entre as dúas administracións polo que era Fomento quen asumía os custos da obra”. Ademais, Jorge Duarte explicou que “ao remate do pasado mandato deixamos aprobado tamén un anteproxecto para completar a actuación de Fomento, humanizando a contorna da rotonda e mellorando a conexión entre as dúas partes do barrio de Conxo que quedaron divididas polo periférico”. O concelleiro reiterou que “o Goberno de Compostela Aberta logrou importantes avances nesta actuación: o proxecto para cubrir a rotonda, o convenio con Fomento para financiar a obra, e o anteproxecto para completar a actuación, que debería ser abordada conxuntamente polo Concello, a Xunta e o Ministerio de Fomento”. Pola contra, concluiu Duarte, “Bugallo en tres anos e medio non fixo absolutamente nada máis que reaccionar agora tarde e mal ao enfado da veciñanza”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA AVANZAR NA RENOVACIÓN DO TRANSPORTE PÚBLICO MUNICIPAL

PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA ORAL DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE O PROXECTO DE HUMANIZACIÓN DA ROTONDA DE CONXO

Novas
relacionadas
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo