Jorge Duarte reclama “un maior compromiso de Concello e Xunta para impulsar un parque de vivenda social en Santiago”

  • Compostela Aberta levará ao Pleno unha moción na que insta ao Goberno a elaborar un Plan Municipal de Vivenda e a reclamarlle á Xunta a sinatura do convenio que permita desenvolver as medidas do Plan Estatal de Vivenda para o fomento do alugueiro social

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que urxe ao Goberno a elaborar e aplicar un Plan municipal de Vivenda Pública que impulse un parque público que lle garanta este dereito fundamental ás persoas que non teñen acceso a unha vivenda digna no mercado libre, e que actúe como elemento regulador dos prezos. O concelleiro Jorge Duarte tamén lle demandará ao Goberno local “que estude a posibilidade de aplicar políticas fiscais que graven a vivenda baleira de grandes posuídores”.

Na moción que defenderá no Pleno de mañá, Compostela Aberta tamén insta ao Goberno a demandarlle á Xunta que se sume ao Plan Municipal de Vivenda Pública; e á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a asinar un convenio co Concello para darlle cumprimento ao Plan Estatal de Vivenda no que ten que ver coa ampliación do parque de alugueiro social. Por último, a proposta de CA urxe ao Goberno a revisar o protocolo de actuación para a prevención de desafiuzamentos a a atención a persoas afectadas na comarca de Compostela, asinado en febreiro de 2017 polos concellos de Santiago, Ames e Teo e os colexios profesionais de Avogacía, Psicoloxía e Traballo Social.

Pasotismo da Xunta

Jorge Duarte lembrou que “a vivenda é un dos máis importantes factores de exclusión social, e á burbulla inmobiliaria das hipotecas engádese agora a suba do prezo dos alugueiros, nun 25% nos últimos 5 anos nas principais cidades galegas”. No caos de Santiago, ademais, “a situación está agravada polo auxe dos pisos turísticos, que na actualidade multiplican por cinco aos destinados ao alugueiro, con pouco máis dun cento de vivendas dispoñibles para  atender unha alta demanda de familias e mesmo de estudantes universitarios”. O concelleiro de Compostela Aberta incidiu en que “esta situación, que se traduce nas dificultades de moitas persoas para acceder a unha vivenda digna e na enorme perda de poder adquisitivo das famílias, é o resultado da falta de políticas públicas reais e efectivas nesta materia”. 

O edil incidiu en que “os elevados prezos da vivenda e dos alugueiros no mercado libre está incrementando a demanda de vivenda pública con prezos sociais, ata o punto de que se acumulan máis de 11.000 solicitudes no Rexistro Oficial en Galicia, case 800 en Santiago”. Duarte lamentou que “a Xunta obvia esta demanda  e ten freado en seco a construción de vivendas sociais, pasando das case 3.000 construídas en 2010 a unha media anual de 67 vivendas de protección nos seis últimos anos”. Por mor desta parálise, “en Santiago vén de iniciarse a primeira promoción de vivenda pública dos últimos oito anos, no barrio do Castiñeiriño, malia que no pasado mandato puxemos a disposición da Xunta, que é quen ten a competencia, os solares dos que dispoñía o Concello para este fin”.

Plan Estatal de Vivenda

Jorge Duarte lembrou tamén que o Plan Estatal de Vivenda 2022-2025 aprobado en xaneiro prevé aumentar o parque público de vivendas de alugueiro social promovendo a cesión das vivendas da SAREB ou de vivendas baleiras ás comunidades autónomas ou concellos, para destinalas a persoas en situación de vulnerabilidade e con prezos limitados un máximo de 350 euros mensuais. O Estado pagaríalle ás comunidades ata 175 euros mensuais por cada piso, pero o financiamento do programa require a sinatura dun acordo previo entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, as comunidades autónomas e o concello correspondente. Por iso, Duarte reclamará no Pleno que o Goberno local impulse a sinatura deste convenio, “para poder ampliar o parque de alugueiro social coas 12 vivendas actualmente titularidade da SAREB en Santiago, así como coas vivendas baleiras que se puideran incorporar ao programa”. Para o concelleiro de CA, “este Plan mesmo debera facilitar que algúns propietarios destinen ao mercado tradicional do alugueiro pisos aos que se lle viña dando un uso turístico, e aos que lles afecten as últimas sentenzas sobre esta actividade”.

PODES LER AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA POLO FOMENTO DA VIVENDA PÚBLICA E PARA A AMPLIACIÓN DO PARQUE DE VIVENDA SOCIAL A TRAVÉS DA CESIÓN DE VIVENDAS DA SAREB 

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo