- Bugallo incumpriu a súa promesa de reiniciar nunha semana as licitacións das redaccións dos proxectos de mellora do Campus Sur e do Centro de Inclusión
Compostela Aberta expresou hoxe a súa preocupación polo atraso na tramitación de varios expedientes vinculados á EDUSI, a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado aprobada no pasado mandato e que prevé unha achega de 10 millóns de euros de fondos europeos. O concelleiro Jorge Duarte lembrou que nas últimas semanas quedaron desertas tres licitacións vinculadas a ese programa: a redacción do proxecto das obras de mellora do Campus Sur, a redacción do proxecto do Centro de Inclusión, e a redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible. Para o edil, “o Goberno de Bugallo debe reflexionar sobre qué está a fallar nestes procedementos, porque é sorprendente que non haxa empresas interesadas en acometer, xa non unhas obras complexas, senón redaccións de proxectos que deberan ser asumibles”.
Jorge Duarte lembrou que a Xunta de Goberno do pasado 20 de setembro declarou desertas dúas licitacións vinculadas á EDUSI: a da prestación dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección facultativa das obras do Centro Integral para a Inclusión Social; e a da prestación do servizo de redacción de anteproxecto, proxecto básico e de execución e dirección facultativa das obras de recuperación do Campus Sur. En ningún dos casos houbo empresas interesadas en facerse con eses contrato. O concelleiro de Compostela Aberta recordou que “o alcalde Bugallo comprometeuse o 20 de setembro a reiniciar as licitacións á semana seguinte, pero desde entón téñense celebrado xa dúas Xuntas de Goberno ordinarias e outras dúas extraordinarias e eses expedientes non foron aprobados en ningunha delas”.
Para o edil de CA, “Bugallo debe reflexionar sobre os motivos polos que non houbo empresas que presentaran as súas ofertas para ningunha das dúas licitacións”. Duarte mostrou o seu convencemento de que os prazos establecidos polo Goberno “non axudaron”, porque a licitación da redacción do proxecto do Centro de Inclusión publicouse o 20 de xullo e as ofertas podían presentarse ata o 4 de agosto; e no caso do proxecto do Campus Sur, a licitación apareceu na Plataforma de Contratación o 19 de xullo, o prazo para presentar ofertas era ata o 3 de agosto, e posteriormente ampliouse ata o 18 de agosto. Duarte chamou a atención tamén sobre o feito de que a licitación da redacción do proxecto do Campus se aprobara na Xunta de Goberno do 14 de xuño, pero tardara máis dun mes en ser publicado na Plataforma de Contratación.
Plan de Mobilidade
Jorge Duarte referiuse tamén á redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, outra licitación que foi declarada deserta na Xunta de Goberno do 26 de xullo, neste caso porque ningunha das empresas que presentaron a súa oferta cumprían os requisitos técnicos do prego. Para o concelleiro de Compostela Aberta, “é evidente que algo fallou na redacción dese pregos, que non é imputable unicamente a cuestións técnicas senón tamén á falta de acompañamento político destes procedementos”. Duarte preguntouse se “a este ritmo, será posible que o Goberno cumpra os prazos previstos para a execución e xustificación dos proxectos vinculados á EDUSI, que remata a finais de 2023”.